"Os certames son practicamente a única maneira de publicar poesía"

O coruñés Xosé Luís Mosquera resultou gañador do premio de poesía Fiz Vergara, convocado polo Concello de Sarria e a agrupación Ergueitas, e dotado con 6.000 euros e a publicación da obra, Parhelio, un poemario que xorde do confinamento e que tivo o cine como detonante
Xosé Luís Mosquera Camba, profesor e poeta. EP
photo_camera Xosé Luís Mosquera Camba, profesor e poeta. EP

Como recibiu a concesión deste premio entre 85 obras nunha data, ademais, especial por ser a vixésima edición e nunhas circunstancias marcadas polo covid?

Levei unha alegría e unha gran sorpresa. Non contaba, un sempre participa coa esperanza de gañar, pero sabe que é moi difícil. Súmome á celebración dos organizadores pola constancia e o esforzo destes 20 certames. Supoño que ten que ser un orgullo para eles e para min formar parte desa celebración é tamén un orgullo. Quero transmitir a miña felicitación á xente que ten humor, ganas e fe en pelexar con estas cousas. Todo o que están facendo tomando como referencia a Fiz Vergara creo que é digno de encomio, positivo para a cultura galega e para Sarria.

É coñecedor da obra do autor de Samos que dá nome ao certame?

Non son experto na súa obra, pero si lector dela. Hai algúns poemas que sempre me chamaron a atención nos que un dos elementos protagonistas era un can seu. Na súa poesía hai un vínculo moi grande coa comarca e creo que a xeografía e os seus espazos vitais aparecen en moitos dos seus poemas e que está recoñecido cun paseo que teño gañas de percorrer.

"Tiven algunha das creacións de Xela Arias como referente, polo seu atrevemento e polo seu grao de ruptura"

O poemario gañador leva por título Parhelio. Por que esta elección?

Este poemario é consecuencia das vivencias do confinamento. Houbo horas para facer cousas na casa, traballar na horta, ver películas, ler libros… Rematado o confinamento empezaron a bulir necesidades de expresar cousas. Parhelio xorde de ver unhas películas de Ingmar Bergman. Un parhelio é un fenómeno atmosférico que aparece no comezo dunha delas, Pasión, onde o sol vese reflectido como se houbese espellos a ambos lados. De repente, un día, empezóuseme a cruzar unha historia na cabeza en relación con ese acontecemento e coas películas e de aí foi saíndo o poemario, mesturado coas miñas experiencias, coa miña visión da vida, coa miña paisaxe, cos meus infernos e os meus paraísos interiores.

O xurado definiu a súa obra como "moi sensorial e con moito ritmo", ademais de destacar referencias a disciplinas como a música. Entronca isto co seu labor profesional?

Si, son profesor de secundaria e a miña especialidade é Historia da Arte. Evidentemente teño contaminada a miña forma de ver coas artes plásticas. Aínda que a forma de darlle saída ás miñas teimas é a través da literatura, tamén me gusta cultivar o que eu chamo a poesía visual, facendo collage. É lóxico que digan que nos meus textos aparecen todos eses mundos porque é o meu mundo. Aparece música, pintura, cine...

Ten colleitado outros premios como o Díaz Castro, o Concello de Carral ou un accésit no Esquío...

Tiven a fortuna de recibir eses recoñecementos. Nestes certames participamos a maioría porque é practicamente a única maneira de poder publicar poesía en Galicia.

Un dos grandes alicientes dos certames é ver publicada a obra?

De feito eu creo que se alguén ten a paciencia de mirar nos últimos anos a poesía que se publica en Galicia verá que probablemente o 75% ou 80% é poesía que se premiou en certames. Iso quere dicir que só queda unha vía moi reducida para publicar doutra maneira.

Neste caso o xurado estivo formado integramente por mulleres.

Si, estou encantado. Enorgulléceme saber que foi lido desde formas distintas á que podo ter eu e que encontraron méritos para recoñecer os valores do poemario.

Dalgunha maneira pode ser un reflexo do papel que está xogando hoxe a poesía feita por mulleres?

Eu creo que é xusto que se lles recoñeza o que merecen e merecen moito máis do que se lles recoñecía. Creo que na poesía galega nos últimos anos as voces que máis destacan son as voces de mulleres, pero non porque sexan mulleres, senón porque teñen unha poesía que ten máis calidade ca outra. Tamén teño que dicir que nas miñas lecturas e referencias poéticas probablemente tamén existe un maior número de mulleres poetas. É cuestión de sensibilidades, de gustos, de química, non o sei.

Unha delas é a sarriá Xela Arias, á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. Como valora este nomeamento?

Alegroume. Sinto que lle coincida un ano que tampouco apunta a que vaia ser moi normal. No seu momento eu tiña algunha das creacións de Xela Arias como referente, polo seu atrevemento, polo seu grao de ruptura, porque tamén mesturou a imaxe e a palabra. Pareceume dunha frescura e dun atrevemento na literatura galega naquel momento. Que plans ten a nivel creativo? Non fago proxectos. Escribo en función da necesidade e do pracer que nun momento determinado sinto e do tempo do que podo dispoñer. Despois, todo o que vén a maiores benvido sexa e se non vén nada empecei sen nada tamén.

Comentarios