domingo. 29.03.2020 |
El tiempo
domingo. 29.03.2020
El tiempo

O certame Contos de Verán recoñece relatos protagonizados por animais

Luís González Tosar, Blanca García Montenegro, Valentín García, Lourdes Abuide, Alberte Momán, Tito Diéguez e Alfonso Riveiro. XESÚS PONTE
Luís González Tosar, Blanca García Montenegro, Valentín García, Lourdes Abuide, Alberte Momán, Tito Diéguez e Alfonso Riveiro. XESÚS PONTE
El Progreso entregou os premios a Lourdes Abuide, que gañou con Dualidade, e a Alberte Momán, con O regreso de Lauraine Maccow

Lourdes Abuide é xornalista, polo que vive en constante axitación. "O que máis boto en falla da infancia é a calma", destacaba onte ao recoller o premio Contos de Verán na sede en Lugo de El Progreso. O diario organiza o certame –que se entrega dende hai sete anos–, xunto coa Secretaría de Política Lingüística (SXPL).

A periodista de Onda Cero de Lugo resultou vencedora co relato Dualidade, a historia dun rapaz que observa camiñando polo seu dedo unha araña e que lle serve para facer unha reflexión sobre que vivimos atentos "ás grandes historias, cando as que nos fan felices son as pequenas".

Nacida en Lugo e residente en Lugo, botou a infancia en Castroverde "observando a natureza". "As rúas e os edificios non cambian; as follas e a natureza, si. Cando era nena miraba as formigas indo e vindo cargando as súas cousas".

A natureza tamén ten presenza destacada na literatura de Alberte Momán. Fillo dun xermadés, criouse nas aforas de Ferrol cando aínda non as conquistara a cidade. "Comprabamos o leite aos veciños, que tiñan animais. A primeira vez que vin un tetrabrick de leite tiña 16 anos".

As vacas son protagonistas dalgúns dos seus relatos, como acontece en O regreso de Lauraine Maccow, un texto de xénero western sobre un asalto a un tren.

No ámbito da anécdota, Momán pediu "desculpas a Lauraine Maccow, unha muller de 53 anos, de Bloomfield, en New Jersey", por usar o seu nome para poñerllo á personaxe que artella o seu relato.

A peza resultou finalista no concurso que promoven este diario, que estivo representado na entrega pola presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, e pola SXPL, co seu secretario xeral, Valentín García Gómez, á fronte. O acto foi conducido polo subdirector de El Progreso, Tito Diéguez, e contou coa participación do director, Alfonso Riveiro.

Blanca García Montenegro manifestou a súa satisfacción porque "o premio cumpra unha edición máis" e agradeceu "o respaldo de Política Lingüística". Remarcou que a concesión de galardóns se fixo, como cada ano, ao redor do Día de Rosalía. Loubou a calidade do conto vencedor, así como o "coñecemento do xénero" western que ten o autor finalista.

Valentín García Gómez subliñou "a frescura, o rigor e a seriedade" que caracteriza a Contos de Verán,que serve para premiar "ano a ano escritos dunha calidade superior aos que se premian noutros certames e que, a maiores, están escritos en lingua galega".

"A permanencia das convocatorias fai que os lectores de Contos de Verán se animen a escribir, que é un dos fins que persegue a Secretaría Xeral de Política Lingüística», apuntou. Agradeceu, pola súa banda, que os textos que aspiran ao premio sexan publicados nun «medio consistente e con tanta difusión como El Progreso".

O presidente do xurado, Luís González Tosar, valorou tamén "a valiosísima achega que fai este certame á literatura galega" porque permite difundir masivamente a obra dos autores que participan.

Na súa opinión, Contos de Verán é un triunfo produto da conxunción "da vontade dunha Administración e da boa disposición dun xornal para facilitar un espazo" que permita promocionar a creación literaria feita na lingua do país.

O certame Contos de Verán recoñece relatos protagonizados por animais
Comentarios