O certame Contos de Verán recoñece dúas historias sobre a vida e a morte

O diario El Progreso entregou os premios literarios a Pepa Barrios, gañadora por 'Morte en primavera', e ao finalista, Pedro Rielo

De esquerda a dereita, Pedro Rielo, Pepa Barrios, Valentín García, Blanca García Montenegro e Tito Diéguez. SEBAS SENANDE"A morte e a vida son un círculo que se pecha mesmo na explosión da vida, a primavera", argumentaba a lucense Pepa Barrios. O seu relato Morte en primavera, unha historia que encadea o pasamento dun paxaro e outro máis dramático, foi gañador do certame Contos de Verán. "A vida continúa aínda que haxa unha perda", engadiu a autora.

A profesora do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria converteuse en vencedora do concurso literario que convoca o diario El Progreso cada verán e que se entrega dende hai seis anos. O finalista foi Pedro Rielo coa súa peza Tras o sorriso de Daniel, un relato no que a morte se move nun segundo plano, aínda que de xeito patente.

Conta a historia dunha investigadora privada de 15 anos á que contrata o arcebispado de Santiago para que aclare por que o Daniel do Pórtico da Gloria quedou sen sorriso. O pasamento, no seu caso, aparece na referencia "ás 4.000 persoas refuxiadas, 2.000 en España, falecidas o ano pasado, que poderiamos ser cada un de nós", como podería telo sido o propio santo.

Barrios e máis Rielo recibiron o seu recoñecemento de mans da presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, e do director de Política Lingüística, Valentín García, nun acto conducido polo subdirector do periódico Tito Diéguez.

García Montenegro destacou que o relato premiado está escrito cun ton "moi expresivo" para describir "a loita pola vida".

A presidenta de El Progreso aledouse do "éxito que está tendo este certame, que está xa na sexta convocatoria e que superou este ano o medio cento de contos". Quixo facer un agradecemento expreso a Política Lingüística "polo seu apoio, que fai posible" que o concurso literario se desenvolva. O responsable de Política Lingüística salientou a presenza da súa antecesora no cargo Paz Lamela, que acompañaba ao seu fillo, Pedro Rielo.

Para Valentín García é importante que a iniciativa xurdira de El Progreso, "unha casa significativa na comunicación e a cultura", e sexa un vehículo para "a animación á creación literaria; sobre todo, a autores novos, aínda que non é o caso deste ano, porque ambos teñen obra publicada" e unha traxectoria "recoñecida polo premio". Dirixíndose a Pepa Barrios e Pedro Rielo indicoulles que "a partir de hoxe un capítulo dos vosos curículos saen reforzados".

Barrios publicou Cando era tempo de inverno (Sotelo Blanco, 2006) e Pedro Rielo é autor de libros de poesía e dunha biografía de Ovidio Murguía. O xornalista vén de gañar o premio Xosé Neira Vilas con Detrás dos perdidos.

"Contos de Verán busca unha literatura popular, achegada ao público en xeral. Son relatos de fácil manexo para ser lidos", sinalou o representante da Consellería de Cultura. Segundo desvelou "un dos motivos de que Política Lingüística apoie e celebre este certame é que se trata dun modelo de convocatoria do que deberían ser as convocatorias literarias. Non se dirixe a académicos nin a escritores de peso, senón que está aberta a todo o mundo. Unha mostra de que calquera pode ser escritor son eses máis de 50 relatos que se recibiron".

Pepa Barrios coincidiu nese aspecto en que o concurso permite "promocionar autores non moi coñecidos" valéndose "dun formato que ten moita tradición en Galicia", como o conto.

Pola súa banda, Blanca García Montenegro tamén remarcou a intencionalidade de que a entrega dos galardóns de Contos de Verán se faga cadrando co aniversario do nacemento da escritora máis importante en lingua galega, Rosalía de Castro, aínda que matizou que este ano non puido ser ao coincidir en domingo.

Comentarios