Catuxa Salom: "Mamei dos ritmos tribais pola miña avoa, que era indíxena"

A súa innovadora música está chea de cores e convida a viaxar por mundos oníricos. Catuxa desprega todo o seu poderío no salón de actos dos Chaos de A Fonsagrada este domingo a las 19.00 horas
Catuxa Salom. EP
photo_camera Catuxa Salom. EP

NACIDA EN Vilagarcía e con raíces arxentinas, Catalina foise vivir a Madrid moi nova. En plena pandemia sentiu a chamada do rural. Cambiou a capital por A Pontenova e atopou a súa fonte de inspiración na natureza. Así naceu Catuxa Salom, unha artista cunha imaxe rompedora e un discurso reivindicativo que pon en escena ao ritmo dos tambores.

Canta 'Eu vin para a aldea a vivir unha vida tranquila/ É o único que quero caramba/Cansada do ruido dos autos'. ¿No rural o tempo vai máis amodo que nas cidades?
Si, moito. Aquí tes moito máis tempo para atoparte a ti mesma. A xente acolleume moi ben e os lazos que fun creando son moi auténticos. No rural hai moita paz e moitas cousas boas, pero tamén conta co seu lado negativo: a soidade. De todo estou aprendendo.

Precisamente o seu EP debut, 'Nunha aldea', naceu no rural. ¿Serviulle de inspiración?
Por suposto. O rural é a miña fonte de creatividade e estou constantemente experimentando. De feito, agora atopei un novo xeito de compoñer: pinto a canción que me gustaría compoñer. De primeiras non sei como soará, nin como será a letra. Primeiro imaxínoa con cores, busco texturas... Imaxino como sería ese tema plasmado nun cadro. De aí vaime vindo a letra e a melodía. Paréceme fundamental abrir novas canles de creatividade porque senón podes caer na rutina de que sempre che saia o mesmo tipo de cancións.

Antes de vir para Galicia xa levaba tempo dedicándose ao mundo da música. ¿Cambiou o seu estilo cando veu aquí?
Claro, eu tocaba un estilo máis cercano ao country ou ao blues. Fun sempre por unha onda máis africana e cantando en inglés. Entón para min adentrarme no folclore galego foi unha innovación. Ademais, ao ser meus pais arxentinos, tampouco vivín as foliadas. Estou agora empezando a descubrilas e encántanme.

¿Cómo definiría a súa música?
Diría que me achego ao electrofolk e bebo tanto do folclore galego como do arxentino. Nesa fusión nace Catuxa Salom. A miña misión é que o público baile, goce e conecte ao ritmo dos tambores.

'Chicharras’ é un canto ás lembranzas da infancia na casa das avoas. Precisamente a súa avoa tivo moito que ver no seu estilo... 
Chicharras é un canto ás miñas raíces arxentinas. Son uns insectos que viven en Latinoamérica e escóitanse cando hai moita calor. Miña avoa era indíxena arxentina e mamei moito dos ritmos tribais por ela, lévoos dentro. Moitos membros da miña familia son músicos e recordo que na casa sempre houbo guitarras, piano, bombo, leguero… Reuníanse e formaban unha festa.


¿Qué mensaxe quere transmitir a través da súa arte?
É unha música reivindicativa desde un punto de vista desenfadado. Quero levar a música galega e a vida rural ao resto do mundo e que a xente diga: Prefiro plantar uns allos que traballar para calquera. A idea é gozar, que sexa un baile de meigas.

Seus pais eran arxentinos e a súa lingua materna o castelán. ¿De onde lle veu a paixón polo galego?
Eu crieime en castelán e falar galego saiume de xeito orgánico. Víñenme para o rural, todo o mundo o falaba e eu animeime. A xente aquí recibiume cos brazos abertos e noto moito a súa calor. Este proxecto naceu en Galicia e é para Galicia. En Madrid houbera estado fóra de contexto. Catuxa naceu aquí, vive no rural e sáelle de dentro.

O ano pasado foi finalista dos premios Martín Códax na categoría de músicas do mundo e mestizaxe. ¿Agardaba que a súa música tivera tan boa acollida?
Que bah! Foi máxico. Cando me chamaron non o podía nin crer.

 

Catuxa Salom. ELPJPG

Levaba dez anos vivindo en Madrid. ¿En qué momento dixo 'collo as maletas e véñome á aldea'?
Foi algo casual. A pandemia pilloume na capital, onde levaba vivindo dez anos. Eu xa levaba tempo na industria musical e o sector, coma moitos, viuse moi afectado. Non era capaz de aforrar e non estaba a gusto. Entón propúxenlle a uns amigos virnos a vivir a Galicia, eles aceptaron. Ao día seguinte xa tiñamos buscado por internet unha casa e aquí nos viñemos á aventura. Primeiro estiven na Pontenova e agora levo desde decembro en Palas de Rei.

En 'Mulleres piratas' fala das que levan "a loita na pel". Precisamente vostede vai actuar polo 8-M. Quen son hoxe en día esas mulleres?
Na canción refírome ás mariscadoras, mulleres que guerrean e se deixan o lombo. Pero é extrapolable a todas as mulleres empoderadas que loitan polo que nos foi arrebatado.

¿Que ten agora entre mans?
Non podo parar de facer cancións. Teño millóns de ideas na cabeza. Ademais, agora está aí a primavera e será unha explosión de creatividade.

Comentarios