Catro millennials lugueses, entre os renovadores do sector audiovisual galego

A Academia Galega do Audiovisual destaca na súa memoria anual a Andrés Goteira, Suso López, Adrián Canoura e Laura LaMontange

Os catorce mozos destacados en 'Nacidos despois de 'Sempre Xonxa'. TAMARA DE LA FUENTE
photo_camera Os catorce mozos destacados en 'Nacidos despois de 'Sempre Xonxa'. TAMARA DE LA FUENTE

Andrés Goteira vén de recibir galardóns internacionais coa súa longametraxe de debut, Dhogs, o primeiro filme proxectado en galego no Festival de Cine Fantástico de Sitges. Naceu en Meira en 1983 e polas mañás vende electrodomésticos na súa vila natal. Só pode dedicarlle ao audiovisual un dez por cento do seu tempo, pero Goteira é un dos catro lugueses e dos catorce mozos destacados como os millennials que están a mudar o audiovisual galego na memoria anual da Academia Galega do Audiovisual.

A carón de Goteira está un dos seus colegas na produtora Gaitafilmes, o tamén meirego Suso López Paz, así como o músico e cineasta de Burela Adrián Canoura, nacido en 1991, e a actriz e cantautora Laura Iglesias Vázquez, que traballa co alcume artístico de Laura LaMontange e que abriu os ollos ao mundo en Lugo no ano 1993.

A memoria anual da Academia Galega do Audiovisual, coñecida como Os Papeis da Academia, publicouse onte cun renovado formato de revista web que se pode consultar en papeisdaacademia.gal. O tema de portada desta publicación dixital é unha reportaxe a fondo que leva por título Nacidos despois de 'Sempre Xonxa': a quinta dos millennials renova o audiovisual galego. Textos da xornalista luguesa María Yáñez e fotografías de Tamara de la Fuente descobren para o público xeral a 14 creadoras e creadores nacidos a finais do século XX. Anxos Fazáns, Silvia Fuentes, Andrés Goteira, Suso López, Mar Catarina, Adrián Canoura, Jorge Boquete, Óscar Cruz, Laura LaMontagne, Santi Cuquejo, Antón Varela, Charles Rapante, Andrea Villa e Brais Romero contan as súas experiencias de traballo e, con elas, ofrecen unha ollada renovada sobre o audiovisual do país.

"Non pararei moito en Lugo; o mundo é demasiado grande para estar quieta", di Laura LaMontange sobre o seu futuro

Andrés Goteira e Suso López Paz relatan na reportaxe Nacidos despois de 'Sempre Xonxa' como resulta facer cine nun municipio como Meira, de 1.700 veciños: "Que se se pode facer cine desde Meira? Mira, se non fose pola xente de Meira non teriamos sacado adiante Dhogs; o rural dache cousas que non che dan outros lugares", asevera Suso López Paz.

Pola súa banda, Goteira asegura que o seu futuro pasa por Meira e rexeita que sexa necesario desprazarse a unha gran cidade para facer cine e considera que plataformas como Filmin funcionan a xeito dunha grande escola audiovisual. Entre os seus referentes, varios pares de irmáns: os Coen, por suposto, mais tamén os Laxe (Oliver e Felipe) e os Coira (Jorge e Pepe), de ADN lugués.

Outra das luguesas escolmadas na memoria da Academia Galega do Audiovisual é Laura Iglesias Vázquez, actriz na longa de Anxos Fazáns A estación violenta, unha película baseada na novela homónima —en galego e de mocidade— da que renega Manuel Jabois. A cinta vén de ser estreada no Festival de Cine de Sevilla.

"Non pararei moito en Lugo; o mundo é demasiado grande para estar quieta", di Laura LaMontange sobre o seu futuro.

En Madrid bota boa parte do ano Adrián Canoura, burelao fillo e neto de mariñeiros que nos veráns traballa no barco con seu pai. Tamén músico —a metade do dúo electrónico Nistra—, as súas "movidas" son "películas punkis" que van da matanza na casa petrucial en O porco e o seu espírito á recoñecida curta Salitre nas veas e un videclip para o grupo Guerrera. O principal referente tírao de ben preto da casa: Lois Patiño.