Case medio milleiro de artistas participan nas xornadas de Folclore de Ourense

Arredor de 450 artistas procedentes de Asia, Europa e América participarán dende hoxe ó 16 de agosto nas XXIV Xornadas Internacionais de Folclore, que se celebran ó longo da provincia de Ourense.

A inauguración oficial do certame será ás oito e media desta tarde no Teatro Principal da cidade, onde se recibirá ós grupos invitados, intervirán as autoridades e se proxectará un documental realizado polo Centro de Cultura popular Xaquín Lorenzo.

O director artístico das Xornadas de Folclore, Julio Fernández Senra, manifestou que esta iniciativa non se entende "soamente como un espectáculo", senón tamén "como un intercambio de culturas".

Fernández sinalou que o obxectivo é que as case 500 persoas que participan nas xornadas e os cidadáns "convivan e se empapen". Entre os grupos participantes hai culturas tan dispares como as de Brasil, Hungría, Irlanda do Norte, Perú, Rusia, Ucraína ou Uzbekistán.

Este ano, ademais será o primeiro no que o festival traspase as fronteiras ourensás, e recalará na vila lucense de en Monforte de Lemos e na localidade portuguesa de Chaves. Os espectáculos desenvolveranse en escenarios como a Praza Maior de Ourense, o claustro do mosteiro de Celanova ou o castelo dos Sarmiento de Ribadavia.

Comentarios