Casanova, o poeta "renovador"

O escritor e intelectual lucense Arcadio López Casanova foi soterrado en Valencia, cidade na que residía desde o ano 1968. A vindeira semana celebrarase unha misa na súa honra en Lugo
López Casanova, no pronunciamento do seu discurso de ingreso na RAG, en 2013. EP
photo_camera López Casanova, no pronunciamento do seu discurso de ingreso na RAG, en 2013. EP

A morte este luns do intelectual lucense Arcadio López Casanova consternou ao mundo da cultura galega. A Real Academia Galega expresou onte o seu fondo pesar polo pasamento "dunha das voces destacadas da renovación da poesía do último terzo do século XX". O autor foi soterrado en Valencia, cidade na que residía desde o ano 1968, nun funeral celebrado na máis estricta intimidade por desexo da familia. A vindeira semana está previsto celebrar unha misa en Lugo na súa memoria.

O académico de honra da RAG, nado en Lugo no ano 1942, vivía en Valencia desde hai máis de 50 anos onde se instalara tras aprobar as oposicións de catedrático de instituto de lingua e literatura españolas. Dende 1986 era profesor da Universitat de València, da que foi nomeado catedrático emérito á súa xubilación.

Como creador, deixa libros como Mesteres (1976), obra fundamental na renovación da poesía do seu tempo na que mantén a cerna do seu universo poético: a vivencia e a representación do desposuimento e do exilio nadas cando, por circunstancias profesionais, deixou Galicia para se instalar á beira do Mediterráneo, onde nunca deixou de cultivar a lingua galega como poeta e como investigador do feito literario.

Tras estudar bacharelato no Instituto Masculino de Lugo, Arcadio López Casanova licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago, cidade na que entra en contacto coas figuras máis relevantes do galeguismo da época e comeza a publicar os seus primeiros textos en xornais e a gañar premios nos certames poéticos organizados durante os Xogos Minervais.

López Casanova, xunto ao monolito descuberto na súa honra. EP
López Casanova, xunto ao monolito descuberto na súa honra. EP

 

De volta na súa cidade natal, traballou como docente no Colexio Fingoi, dirixido entón por Ricardo Carballo Calero, e publicou, en 1967, Palabra de honor, que o converteu nun dos referentes da poesía galega da súa xeración.

O volume contén un capítulo de poemas celebratorios nos que retrata a Rosalía, Antonio Machado, Ramón Cabanillas, Miguel Hernández e Celso Emilio Ferreiro e reflicte as súas inquedanzas estéticas e éticas. O capítulo finaliza cun Envío e revelación pra Carlos Casares unha orixinal evocación da infancia perdida, tema ao que o intelectual lucense recorría constantemente na súa obra.

A perda da infancia e da terra están no núcleo dun mundo poético que, en palabras do propio López Casanova, ten como foco motivador "a representación da desfeita, da desgraza ou do desposuimento como identificadores do humano vivir". "En cada ciclo e no seu mesmo desenvolvemento ese desposuimento queda contemplado dende perspectivas moi distintas e complementarias".

Así, o ámbito da infancia perdida e o espazo mítico do seu Páramo, onde tiña a casa paterna, aparecen nos poemas adolescentes de Palabra do honor e tamén en Mesteres -dez anos despois e coa experiencia da saída de Galicia-. "Esa desfeita convértese nun total e alucinante espectáculo de destrución coa imaxe simbólica do exilio como eixo fundamental", dicía nunha autopoética do ano 1990.

Esa perda seguiu a deixar pegada ata os seus últimos versos publicados en títulos como Diario da Casa Grande (2019), que é tamén poesía sobre a perda provocada non só pola distancia física, senón sobre todo polo paso do tempo. O libro, dedicado á memoria da súa avoa Manoela, do seu pai e dos tíos Celia e Emiliano na casa do Rodo, inclúe tamén outra paisaxe vital que o marcou, a de Ondara (Alacant), "fermosa, chea de luz e mar, de acollida, pero na que está o sentimento do exilio, da perda das raíces", explicaba.

Alén do labor estritamente creativo, Arcadio López Casanova foi un recoñecido ensaísta no ámbito dos estudos literarios. O académico Xesús Alonso Montero, encargado de dar resposta ao seu discurso de ingreso na RAG, refírese á súa obra como "a máis importante e orixinal da historia das letras galegas no que atinxe á estilística". A súa perda deixa agora un vacío difícil de encher no mundo da cultura e, sobre todo, no seu Páramo querido.

Comentarios