Cartografía en Movemento encherá Lugo de arte e danza

A cita comezará este xoves coa presentación do libro 'Fulgor'
Espectáculo de presentación de Cartografía en Movemento na Praza Maior. EP
photo_camera Espectáculo de presentación de Cartografía en Movemento na Praza Maior. EP

A oitava edición do festival de artes na rúa Cartografía en Movemento, que se desenvolverá entre o xoves e o sábado, encherá as rúas da cidade de Lugo con doce espectáculos artísticos, anunciou onte a concelleira de cultura, Maite Ferreiro, xunto con membros da Asociación 3 Monos.

A cita comezará o xoves coa presentación do libro Fulgor, da editorial lucense Ámboa, no Centrad.

O venres, a Praza de Santa María encherase de danza de rúa. Por unha banda, a bailarina lucense Esther Latorre presentará a peza Mapa, gañadora do Certame Internacional de Coreografía Burgos Nova Iork na categoría de espectáculos de rúa. Asemade, a actriz e bailarina galega Ánxela Blanco presentará Voos, peza creada no marco da Residencia Paraíso do 2018.

O sábado 28 haberá mostras durante todo o día, comezando co colectivo Géminis, que presentará a súa obra Constelación da Sororidade na Ronda da Muralla. Na Rúa Bo Xesús, o Colectivo Sereno mostrará "A Chave da Rúa". Na Praza Maior, Palomoquiños e Cía interpretará Romeo pode ser unha Roca e Xulieta un Mapa.

Xa na tarde do sábado, poñerase fin ao festival con Cando a Terra foi Luz, de Ánxela Gracián, na praza do Cantiño. A continuación, no interior da estación de autobuses, Elas mostrará o seu traballo titulado Xogando con C.

Mar Freire mostrará O Pequeno Malecón na rúa Soto Freire, continuando Clementine na rúa do Hospital con A Historia non Esquecida. A Praza Maior contará con Centro de Calma e o seu traballo titulado O Bosque dos Nosos, e unha vez remate, Cris Vilariño amosará Cyan na Porta de Santiago. O festival rematará co traballo do Colectivo 3 Monos Chirlomerlos na Praza Pío XII.

Comentarios