'Cartas de inverno' chegará a 100.000 exemplares cunha edición especial

A novela de Agustín Fernández Paz será publicada á volta do verán na súa 36º edición
Ilustración da capa de 'Cartas de inverno'
photo_camera Ilustración da capa de 'Cartas de inverno'

Edicións Xerais fará á volta do verán unha edición especial da novela ‘Cartas de inverno’ duns 4.000 exemplares co fin de que acade os 100.000 exemplares vendidos.

O director de Xerais, Manuel Bragado, avanzou a que será a 36º edición desta novela do escritor vilalbés Agustín Fernández Paz formará parte da colección Fóra de Xogo e levará unhas cubertas en flexibook no canto do habitual cartoné.

Bragado pediu facer a un lado a polémica sobre se ‘Cartas de inverno’ é o libro máis vendido da literatura galega moderna facendo unha referencia indirecta a ‘Memorias dun neno labrego’, publicado en 1961 por Xosé Neira Vilas e que rolda os 600.000 exemplares comercializados. O editor establece o comezo da idade moderna na literatura escrita en galego en 1990 e, así concebida, o libro publicado en 1995 por Fernández Paz non ten rival.

Outro título que tivo gran repercusión, como ‘O lapis do carpinteiro’ superou a tamén considerable cifra de 55.000 exemplares. Con todo, queda afastada da marca de Fernández Paz, que publica nunha literatura na que superar o millar de exemplares que atopasen un comprador ten ecos de heroicidade.

‘Cartas de inverno’ comeza co regreso a Galicia do escritor Xabier Louzao dende Canadá. Atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda.

A narración está estruturada ó xeito das monecas rusas: unha voz -en terceira persoa- que dá paso a outra voz -en primeira-, que a súa vez dá paso tamén a outra voz -tamén en primeira persoa-.

Comentarios