Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

Carmen Méndez: "Se un día perdo a cabeza, en Baralla sei que volvo á terra"

Carmen Méndez
Carmen Méndez
A intérprete, natural de Neira de Rei, opta a un premio Mestre Mateo como actriz de reparto. O seu papel de Rita na serie ‘'Pazo de familia’' da TVG fixo dela un rostro popular en Galicia

Un Ere na empresa na que traballaba en Madrid como enxeñeira química presentouse como unha oportunidade para Carmen Méndez, que había tempo que sabía que a súa verdadeira vocación era ser actriz. Esta muller nacida en Neira de Rei, Baralla, en 1979, será unha das candidatas este sábado ao premio Mestre Mateo do audiovisual galego na categoría de mellor actriz de reparto.

O seu é un rostro cada vez máis coñecido para os galegos grazas ás catro tempadas da serie ‘Pazo de familia’ que emite os luns á noite a Televisión de Galicia. Nesta secuela da lonxeva ‘Libro de familia’, Méndez encarna a Rita, unha muller ao servizo dos Pardo Veiga.

O de ‘Libro de familia’ é o primeiro papel fixo de Carmen Méndez en televisión e o que lle está a dar a razón logo de elixir o camiño senón máis difícil "si máis inestable e cun traballo precario".

Comenta que para os actores galegos é "unha sorte contar cun idioma propio e unha televisión autonómica" que fai de lanzareira "e de canteira" para os moitos actores, realizadores, directores e técnicos galegos que son demandados despois nas televisións estatais e sinala o traballo que está a realizar, por exemplo, a produtora galega Bambú fóra do país.

"É unha sorte contar cun idioma propio e unha televisión autonómica que fai de canteira e de lanzadeira"

Ela sostén que a súa vocación xa estaba aí, "dentro" da nena que fixo a primaria no colexio de Baralla, que foi ao instituto en Becerreá -"como todas as nenas da Montaña de Lugo"- e que estudou oito anos de violín no Conservatorio de Lugo e, asemade, a Enxeñaría Técnica Industrial en química no campus lugués da USC.


A moza de Neira de Rei continuou cos estudos na Universidad Rey Juan Carlos de Móstoles, en Madrid, onde cursou a Enxeñaría Superior en Química Industrial e iniciou o contacto coa interpretación no teatro universitario.

"Unha vez acabei a carreira, matriculeime en Réplica Teatro, unha escola privada, e alí foi onde estudei interpretación. Traballaba como enxeñeira para pagarme as clases de teatro e tiven moita sorte porque conseguín un traballo moi bo, dos de rematar ás tres, que me permitía facer moitísimas cousas", relata.

Volvemos agora ao momento do Ere, no que Carmen Méndez "tiña que decidir" que facer coa súa vida. "Tiña a indemnización, dous anos de paro. Era un agora ou nunca", engade. Calculou os riscos e os contras e elixiu o camiño vocacional da interpretación.

Conta que na casa, en Baralla, tivo todo o apoio. "Meu pai faleceu cando eu tiña 19 anos, pero miña nai e miña avoa seguen comigo e sempre souberon que facía teatro e que era a miña vocación".

"Tiña a indemnización, dous anos de paro. Era un agora ou nunca. Tiña que decidir que facer coa miña vida"

Pouco a pouco foron chegando as metas. Asegura que non hai ningún motivo polo que non deba ter nos pés no chan, pero engade que, se por calquera cousa se lle fose a cabeza, sabe que en Baralla a van poñer de volta na terra".


Agora está asentada na Coruña, pero volve á súa casa sempre que pode e segue a sentirse parte da Montaña de Lugo onde están as súas raíces vitais e familiares.

Da formación musical quédalle unha bagaxe artística que lle permite facer colaboracións coa orquestra Gaos -"para algúns bolos, segundo o que necesiten"- e nun cuarteto de corda -"de tocar en vodas ou cerimonias"- e que lle abriu a porta para participar no videoclip de Alejandro Sanz ‘Un zombie a la intemperie, onde precisaban violinistas.

"Era para unhas secuencias e a experiencia foi fantástica. Alejandro Sanz é encantador", asegura Méndez, quen engade que xa en Madrid tivo a oportunidade de sumar as súas dúas carreiras artísticas nunha obra de teatro na que tocaba o violín amais de actuar e que se forma en canto e non descarta o teatro musical.

Os talentos de Carmen Méndez son múltiples. Hai uns días, con motivo do Derbi dos Artistiñas que celebran as xentes do audiovisual galego cando xogan o Celta e o Deportivo, marcou os dous goles celestes. "Xoguei cinco anos ao fútbol e once en Madrid e quedoume algo de goleadora", chancea. Recoñécese celtiña, pero ten un oco no corazón para o CD Lugo. "Ademais, o actual adestrador é amigo meu", puntualiza.

Carmen Méndez: "Se un día perdo a cabeza, en Baralla sei que volvo...
Comentarios