sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

Carlos Oroza regresa cun musical e un poemario a cargo da editorial Elvira

undefined
Javier Romero, onte en Parada do Courel. EP
O responsable da empresa participou na homenaxe ao poeta de Viveiro feito no marco do Festival dos Eidos, en Parada do Courel

Carlos Oroza era alto coma o millo. Pesaba pouco. Cando camiñaba pola praia de Samil non deixaba pegada. Era un poeta, pero fundamentalmente un poeta oral. Rexeitaba que a súa poesía fose entintada e prensada nunha imprenta. Javier Romero vai publicar este ano o cuarto volume de 'Évame', que se vai chamar como os anteriores.

O editor logrou que lle dese permiso. Pediullo moitas veces, cunha esperanza anana. Un día, sen motivo lóxico, Carlos Oroza preguntoulle: "¿Cuándo empezamos a trabajar?". O editor non sabe o motivo. "Supoño que se sentía arroupado polo grupo. A relación co grupo, con Uxío e Branca, que eran a súa familia; comigo,..." Uxío e Branca son os fillos de Uxío Novoneyra.

Oroza botaba tempadas longas na casa familiar dos Novoneyra en Parada do Courel. Uxío, o pai, deixou encargado antes de morrer de que a porta estivese sempre franca para o seu amigo Carlos. A casa, agora sede da Fundación Novoneyra, acolle dende onte a edición anual do Festival dos Eidos. Branca Novoneyra e Javier Romero homenaxearon ao poeta que deixaba que o vento marchase cos seus versos.

O escritor de Viveiro (1923-2015) desapareceu unha noite do café Gijón de Madrid e apareceu pola mañá en Vigo. Ninguén sabe cando. Romero calcula que sete anos de morrer.

Vivía co pintor Carlos Vilas Bugallo, pero logo marchou facelo en solitario coa axuda, tamén económica, de amigos como Javier Romero. El coñeceuno no café Gregorio, na viguesa Porta do Sol, e despois frecuentouno no seu propio, Detrás do Marco, xunto a Príncipe.

"Carlos vivía cerca, na rúa de Santiago. Erguíase cedo, paseaba pola mañá e pola tarde, tomaba café, falaba coas xente e entre as seis e as sete pasaba pola editorial", indica o editor.

O autor levaba os seus poemas transcritos na cabeza. "Tiña unha memoria excepcional. Recitaba e nós tomabamos nota. Traballabamos sobre eses textos", apunta Javier Romero, que subliña que Elvira "naceu grazas a Oroza", para publicar as súas creacións.

O cuarto volume de 'Évame' abrirase cun prólogo do monfortino Antón Patiño e pecharase cun epílogo de Branca Novoneyra. A maiores "daranse a coñecer dous poemas novos; un deles chamado 'El intelectual'". Os tres volumes anteriores están esgotados.

"O meu despacho acabou sendo un lugar improvisado de tertulias, que ás veces se prolongaban», sinala Javier Romero, o editor de Elvira. El tamén estaba nos encontros do poeta viveirense con Ferrín, Antón Pulido e Bieito Ledo na cafetería O Castro, no Paseo Alfonso da cidade atlántica.

Musical. O proceso de transcribir a poesía estendeuse dous anos durante os que o poeta foi gravado en vídeo e tamén en audio. Deu a Javier Romero a idea de facer un musical.

"Tivemos un retraso por culpa da pandemia. Conto con estrealo en 2022. Unha parte será de músicos cantando poemas de Oroza e outra de curtametraxes de directores galegos, como Lois Patiño ou Antón Reixa".

O Festival dos Eidos reanuda hoxe a súa actividade ás 12.00 horas. A novelista e guionista Belén Gopegui fará unha lectura titulada ‘Nuestras voces, nuestras ficciones’, onde afondará no seu compromiso coa escrita. O acto desenvolverase no Souto. Chus Pato Pola tarde terá lugar no curral da Casa da Fonte o recital central do festival. A protagonista será a poeta galega máis respectada, Chus Pato. Estará acompañada polo naviego Constantino Bértolo, exeditor de Debate e poeta debutante,que lerá páxinas de ‘O gran poema’. Sonia Márpez Tamén participará a poetisa e fotógrafa de Sarria Sonia Márpez, que é autora dos poemarios ‘Sedimento’ (Huerga y Fierro), ‘Demolición’ (Monosabio), ‘Último momento’ (Diverso) e ‘Babilonia’ (Jákara). A maiores recitará o poeta e tradutor catalán Adrià Targa.

Carlos Oroza regresa cun musical e un poemario a cargo da editorial...
Comentarios