sábado. 21.09.2019 |
El tiempo
sábado. 21.09.2019
El tiempo

"Conformabámonos con que o celta era un imaxinario de cen anos, como o flamenco"

Carlos Núñez. ARCHIVO
Carlos Núñez. ARCHIVO

O gaiteiro vigués leva 20 anos facendo música celta. Baixo a súa creación hai unha base teórica que vén de plasmar nun libro no que se vale de descubertas recentes, como unha lira no norte de Portugal.

Carlos Núñez afrontara hai uns anos as dúbidas sobre a congruencia histórica da cultura celta en La hermandad de los celtas (Espasa), que ve agora a luz. A redacción do ensaio cadrou cunha cadea de descubertas que, por unha banda, confirmaban materialmente as súas teorías, e, por outra, obrigárono a reescribilo.

Escribiu o libro ao longo de tres anos dentro desa xira perpetua de concertos que goberna a súa vida.

O libro componse de catro ou cinco zonas determinadas. A primeira é dos últimos avances sobre o estudo dos celtas, con preguntas sobre eles. O segundo capítulo trata a historia de música celta, busca descubrirlle a moita xente que a música celta ten milleiros de anos, que non empezou nos anos 70 con Alan Stivell nin é un soño romántico. A terceira parte conta que a península Ibérica é un continente con dous universos: o Atlántico e o Mediterráneo. A confluencia celta está na franxa atlántica. A cuarta fala da ida e volta desa música a América coa diáspora. A quinta son solucións de presente e de futuro.

Fala de capítulos estruturados, pero vai tocando un tema nun capítulo e volvendo sobre el noutro. O tema repítese, aínda que varíe o punto de vista. Parece que, durante a redacción, acabou desbordado polos descubrimentos que se sucederon neses tres anos.

Non conseguín escribilo en menos tempo. Fun detrás das novidades. Cando xa estaba pechado, atoparon unha lira da Idade de Bronce no norte de Portugal, na Gallaecia. Aparece a música ao lado da lingua, relaciona a música celta coas linguas celtas.

Atlántico
"O Atlántico era como un fogar común para os pobos celtas. Estaban comunicados por mar"

A primeira xeración de arqueólogos galegos censurounos a palabra celta e propuxo castrexo para referirse á presenza desa etnia no noso país. Vostede considera o celta como un feito; o seu matiz é que debe investigarse.

Levo vinte anos de carreira. Afíxenme a dúbidas e nebulosas. Non era un problema. Non falabamos dos celtas salvo con Alan Stivell, que os estudou. Non era un problema, conformábanos co imaxinario. Criamos que era un imaxinario de cen anos, como o flamenco, ou outros; pero o traballo para este libro superou todas as expectativas. Consultei cos que máis saben, como o mestre Barry Cunliffe (catedrático de Arqueoloxía en Oxford). Hai unha nova fornada de investigadores que sitúan a orixe dos celtas no Atlántico e que dá a volta a idea de que chegaron de Centroeuropa. Antes non cadraban as datas cos restos arqueolóxicos; pero, con esta nova teoría, todo cadra en positivo.

Daquela, as linguas celtas tamén serían atlánticas.

A primeira idea revolucionaria trata sobre o nacemento das linguas celtas no oeste da península Ibérica, en Galicia e Portugal. Serían lugares fortes dos celtas que, coa lingua, subiron ás Illas Británicas e penetraron no continente polos ríos. Hai correntes do Mediterráneo e o Atlántico, e a síntese son os celtíberos. Para os celtas da Idade de Ferro o centro do mundo era onde cada un vivía. O Atlántico era como un fogar común para estes pobos, que estaban comunicados polo mar. O mundo non era tan puro como puidéramos pensar, era mestizo. Houbo unha fascinación polo Mediterráneo que agochou o demais. Hai xente que se pregunta se había oliveiras [o símbolo mediterráneo] no Atlántico. A oliveira é o símbolo de Vigo.

A idea sería que a Península estaría formada a partir de dúas identidades fortes: atlántica e mediterránea.

Hai unha diagonal na música da Península. A división parte de Cádiz, Tartessos, e vai ata os Pireneos. A parte norte, é a atlántica; o mundo da gaita celta. A parte sur, é o mundo da guitarra; máis íbero. Hai unha realidade que vén de cada océano. Europa ten cinco mares e cada un é un sistema, cada sistema ten a súa enerxía. Os músicos sabiamos iso, pero faltaban os coñecementos científicos.

Cultura
"A universidade está construída sobre columnas grecolatinas, dominada polo escrito. O celta é oral e musical"

O feito de que os celtas non tivesen unha escrita de seu explicaría esa desconfianza cara á consistencia da súa cultura?

A universidade está construída sobre columnas grecolatinas , dominada polo escrito. O mundo celta ten unha forma oral e musical. Agora empezamos a saber datos.

A análise da música será o campo máis importante na reconstrucción da identidade celta?

A aparición desa lira celta lévanos a pensar que había un bardo cantando.

Usaban a palabra, aínda que non considerasen necesario escribila.

Os sistemas musicais herdados dos celtas, interpretados con liras, arpas e gaitas, seguen vivos no rock, no blues, no pop...

Vostede escribe que o pop británico soa como as cantigas.

Por que non fai iso o pop español? Temos armas para vender unha cultura como a nosa. A idea da irmandade é esa: acoller, unir... Os arqueólogos recrean ese esforzo por entenderse con culturas diversas. A apertura ao mar foi o que alimentou a construción de España.

Falemos de As cantigas de Santa María e da influencia celta que atopa nelas.

Temos a visión de que todo apareceu en Roma, pero hai características indoeuropeas que eran realidades. Iso que eles escribiron, iso que eles reflectiron estaba xa presente no Atlántico, non era algo exterior. Hai unha influencia indoeuropea cunha visión nova.

Etiqueta
"Galicia debe usar a etiqueta celta para vender, e non facelo con festivais de rock e indie. Os cartos deben usarse ben"

Protesta porque as administracións estean vendendo «as nosas paisaxes con pop dos anos 80, heavy e son latino de Miami» e aínda o horroriza máis que «exporten produtos galegos ao son do flamenco, do indie —en inglés ou en castelán—, da electrónica e do jazz». Defende que a música celta «abrazou elementos de todos eses xéneros sen perder a identidade».

Galicia debe usar a etiqueta celta para vender, e non facelo con festivais de rock e de indie. Andalucía vende o flamenco, sería un erro tiralo ao lixo. Os cartos públicos deben ser ben usados.

Entende que Asturias trata o asunto celta con máis seriedade.

Asturias ten un papel moi activo, aínda que, evidentemente, vai por detrás de Galicia. Galicia é beneficiaria porque é herdeira dunha grande enerxía. O noso proceso da longue durée tivo picos durante a Idade Media.

Permítame explicar que a longue durée (longa duración) son tramos da Historia nos que hai estabilidade, sen grandes feitos.

Os nobres galegos coñecían o mundo celta. Poñíanlles nomes artúricos aos fillos. Nomes como o propio de Artur, ou Tristán e Merlín. Na catedral de Santiago temos o Tristán máis antigo da Península

 Hai referencias ao celta en intelectuais como o Padre Sarmiento.

O celta tivo picos de popularidade. O Padre Sarmiento falaba diso no século XVII. Non era un romántico. Estaba ao tanto dos estudos que se desenvolvían nas Illas Británicas. O humanista escocés George Buchanan xa relacionara escoceses e irlandeses no século anterior. Os gregos e romanos falan dos celtas na Península. Tamén se pon de moda do bardo do século III Ossian, quen asegurou ter descuberto James McPherson en 1760. McPherson di recoller as súas composicións en Fragmentos de antiga poesía recollida nas Terras Altas de Escocia. Napoleón viaxaba sempre cun exemplar dese libro. Dicía que a poesía de Ossian era superior á de Homero. Non foi o único admirador, tamén o foron o escritor Chautebriand; o coautor da Declaración de Independencia de Estados Unidos, Thomas Jefferson; Voltaire ou Diderot. Mesmo influíu na obra de Mendelssohn, Schubert o Brahms. Galicia aproveitou esa moda que Londres lanzou ao mundo. Galicia tivo un xenio que era Murguía, que era moito máis que o home de Rosalía, e que é quen reconecta Galicia co celtismo co éxito de Ossian.

Pero ese movemento quedaría adurmentado ata rexurdir con forza nos anos 90.

Era a fin do milenio, o tempo da New Age. A New Age entrou grazas a esa moda.

Vostede está en contra de que a música celta sexa world music.

Porque esa etiqueta non funciona para nós. Estanse gastando millóns de euros para promocionar un movemento que capitanean Inglaterra e Alemaña con artistas exóticos. Para outros está ben, pero a nosa música non é exótica. A música celta é o xénero máis aberto e xeneroso con todo o norte da Península. Un rapaz que toca a dulzaina en Segovia non pode darse a coñecer como flamenco, pero si como celta.

Certames de música en Galicia. «Os nosos festivais son cervexeiros, o modelo dos 90»

O gaiteiro observa un estacamento nos festivais de música celta que se celebran en Galicia.

Acusa aos certames celtas do país de estar anquilosados.

Temos uns festivais cunha visión dos 90. Son festivais cervexeiros, co público en pé, sen esixencias á organización e gratuítos. Glasgow ou Lorient evoluíron. Un pode estar sentado nunha butaca escoitando a Jordi Savall en Glasgow. Nese festival mestúrase a música celta con pop, indie, rock, country ou música electrónica.

A nosa debilidade é o estatismo do modelo de festival?

A capacidade para reinventarse é o grande éxito. Beethoven arranxaba música celta de mil anos. Que tipo de música che permite iso? Os británicos son iguais a nós na gaita e na lira. Eles proceden de Galicia. É incrible que Galicia non capitanease todo iso.

Ese liderado require un grande esforzo económico e promocional. En La hermandad de los celtas bota en falla o apoio da Administración.

Hai apoios construtivos e destrutivos. O mellor é que nos deixen competir en igualdade de condicións con outros estilos. Usan os cartos públicos para pagarlles a artistas mainstream, que cobran grandes cachés. En Vigo pagáronse medio millón de euros por Maná. Iso non se fai polo mundo adiante. Vaise a billeteira. Como moito, cédenche o auditorio; mesmo ás veces tes que pagalo, como en Francia ou en Estados Unidos. O espazo rural estivo ocupado polos gaiteiros mil anos, eran os que animaban as festas. Hoxe son as orquestras de baile. O sistema de música en vivo afoga as nosas músicas.

E como o combate vostede?

Estamos abrindo camiño coa xira Lugares máxicos, na que tocamos en lugares bonitos de Galicia, como unha adega, un dolme, un castelo ou un parador ao borde do mar. Integramos a música en lugares fermosos. Temos o apoio do público, que paga unha entrada. É duro sufrir competencia desleal con cartos públicos.

A situación é reversible?

Estamos nun momento límite. Ou cambiamos e logramos que os novos conecten con isto ou seremos consumidores periféricos de Miami.

Pergameo Vindel. «As autoridades deberían ter feito por popularizar a Martín Códax»

A estadía do pergameo Vindel en Vigo —onde foi escrito a fins do século XIII— para ser exhibido durante uns meses pasados foi outra decepción para Carlos Núñez. «Para min era un soño que volvese a Vigo, estivera véndoo na Biblioteca Morgan de Nova York».

Vostede sente devoción por Martín Códax. O pergameo Vindel contén sete composicións do trobador vigués; seis con notacións musicais.

Eu graveinas. Son un canon universal da música medieval. É imperdonable que as autoridades non fisexen nada por popularizalas.

Presentouse como «xoia literaria», como se fosen poemas.

O representante da Morgan indicou que non esquecesen que o importante do Vindel é a música porque a letra xa se coñecía antes de 1914.

En La hermandad de los celtas especula coa posibilidade de que Martín Códax tivese pasado pola corte de Afonso X, que se caracterizou por acoller poetas de diversas procedencias.

A maioría das cantigas de Afonso X están en modo dórico, é o modo que predomina na música celta. Eran músicas anteriores, músicas de baile con fídulas [violín primitivo] e harpas. É sorprendente o múmero de trobadores que chega a haber nesa corte. Son bretóns, escoceses, galegos, persas,... Foi unha operación de irmandade para que España crecese cara ao sur. Puido continuar cara a América; que cortou con España, pero non coas músicas tradicionais. Nótase nas músicas que eles din que son nacionais. Nas gaitas e na cultura céltica da Península hai elementos en común que non se poden discutir. Hai elementos de gaita que se transforman en guitarra pola influencia de Sevilla, do urbano e do barroco fronte ao mundo medieval, rural e de gaita.

Os portugueses levaron a gaita a Brasil.

Cando chegan piden gaiteiros porque aos indios lles gusta a gaita. Así aceptan máis facilmente a nova relixión.

Negra sombra, do compositor lugués Juan Montes, tamén entrou no repertorio internacional.

Era unha peza con cheiro a naftalina, a século XIX. Propúxenlle a Ry Cooder que a tocásemos con Luz Casal. É un exemplo de que hai temas que poden funcionar por si mesmos.

"Conformabámonos con que o celta era un imaxinario de cen anos,...
Comentarios