Carlos Blanco e Touriñán venden 20.000 tiques a un mes da estrea da súa obra

A xira do espectáculo Somos criminais, que arranca o 30 de marzo na Illa de Arousa, xa esgotou en Viveiro e Lugo, con dous pases, e chegará en maio a Vilalba e Melide e en xuño a Burela, onde aínda se poden mercar entradas. A Coruña verá seis funcións e Santiago ou Vigo, catro

Xosé Touriñán e Carlos Blanco en 'Somos criminais'. MARCOS MARTÍNEZ
photo_camera Xosé Touriñán e Carlos Blanco en 'Somos criminais'. MARCOS MARTÍNEZ

Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco ensaian arreo estes días. Tiveron tempo para dixerir os parabéns polos seus papeis de Paquito Charlín e Laureano Oubiña, respectivamente, na serie Fariña, cuxa estrea se viu precipitada este semana polos acontecementos, e danlle duro para estar á altura das circunstancias: estrean o seu primeiro espectáculo conxunto, Somos criminais, na Illa de Arousa o 30 de marzo e xa levan vendidas máis de 20.000 localidades en toda Galicia.

A idea de faceren algo xuntos naceu ao coincidir na rodaxe de Fariña. Tanto o un coma o outro confesan as ganas "inmensas" que se tiñan e, "tomando uns gintonis un día, decidiron poñelo en práctica". A filosofía, asegura Touriñán, está condicionada polo feito de que na serie da produtora Bambú para Antena 3 interpreten personaxes centrais do crime organizado na historia recente de Galicia.

"Falamos un pouco do xeito de ser criminais en Galicia, desde a nosa experiencia como monologuistas, coas nosas armas e as nosas maneiras", relata Touriñán. E engade: "Vouche contar un spoiler. Ao final vai morrer algún. Agardamos que sexa de risa".

"Vouche contar un spoiler. Ao final vai morrer algún. Agardamos que sexa de risa".

Carlos Blanco, ao seu carón, admite: "Había tempo que quería currar con este [por Touriñán], como todo o mundo, por outra parte, e como é un aventuras..., pois aquí estamos". 

Ambos os dous confían en que a montaxe que están a preparar "cumpra as expectativas", o hype, que se di agora cando un produto cultural exerce un poder de atracción imparable. "Eu digo que é como se fixésemos un crowdfunding —campaña de micromecenado— involuntario, a xente puxo os cartos por adiantado sen saber en que vai consistir Somos criminais", comenta Carlos Blanco.

Son representantes de dúas xeracións do humor galego e en galego. "Buscamos un público transversal, que poidan vir avoas e netos, que sexa algo para un público amplo. Aínda así, por cuestións de que alguén se poida sentir escandalizado, é un espectáculo recomendado para maiores de catorce ou dezaseis anos", indica Touriñán.

Pola súa banda, Carlos Blanco, a quen lle toca ser "máis vello", sostén que asiste á explosión dos talentos cómicos de xente como Carmen Conde, Osvaldo Digón, Víctor Grande ou as mozas de A Panadaría con orgullo. "Como se fosen os meus rapaces". No caso de Touriñán, apunta, "ten unha cabeza privilexiada; el está aquí, ao meu carón, e fai acenos como que é unha cabeza grande, pero é outra cousa".

Touriñán ten unha cabeza privilexiada; el está aquí, ao meu carón, e fai acenos como que é unha cabeza grande, pero é outra cousa

A conxunción cósmica de atopárense Carlos Blanco e Touriñán dá como resultado que estean esgotadas a máis de dous meses vista as entradas para as dúas funcións que terán lugar no Gustavo Freire de Lugo o vindeiro 5 de maio. Aínda quedan para a segunda (23.00 horas) das dúas que se celebrarán na véspera, o venres 4 de maio no auditorio Carmen Estévez de Vilalba.

Polo que que respecta á Mariña, o cartel de non hai billetes está pendurado nas dúas representacións que terán lugar o día 14 de abril en Viveiro, mentres que aínda hai opcións para ver a Carlos Blanco e Touriñán en Burela o 15 de xuño ás 22.30 horas.

Nas proximidades de Lugo, existe a posibilidade de mercar tiques para o pase das 20.30 horas na Casa da Cultura de Melide o venres 16 de maio, véspera do Día das Letras.

O éxito está a sucederse en todo o país, onde Carlos Blanco e Touriñán farán dobre sesión —como as orquestras que tocan na vermú e na verbena— en decenas de localidades, co resultado de que os agarda unha xira primavera/verán con vinte e tantas vilas e máis de medio cento de espectáculos. 

Na Coruña, por exemplo, Somos criminais verase ata seis veces, mentres que en Vigo ou en Santiago serán ata catro as representacións que fagan Touriñán e Carlos Blanco. Tamén para as tres funcións da Illa de Arousa está todo o papel esgotado. 

Oxalá todas as iniciativas escénicas tivesen esta resposta en Galicia; sería unha moi boa noticia para todos

O máis novo dos criminais explica que ningún dos dous, con propostas en solitario ou con outros artistas, tiveron nunca "dificultade para encher; tampouco en Lugo, e iso que o Auditorio é grandísimo e sabemos por outros compañeiros do teatro que adoita ser unha praza difícil". "Oxalá todas as iniciativas escénicas tivesen esta resposta en Galicia; sería unha moi boa noticia para todos: para os artistas e para nós como sociedade", reflexiona.

Pola súa banda, Carlos Blanco explica que el ten presente o tempo de cando actuaba en bares e non en teatros e auditorios pola sinxela razón de que ese tempo aínda non pasou. "Eu empecei nun momento no que había que ir buscar o público e onde había xente era nos bares; e en xuño regreso ao Clavi de Lugo, a cumprir coa miña cita anual", proclama.

Eu empecei nun momento no que había que ir buscar o público e onde había xente era nos bares; e en xuño regreso ao Clavi de Lugo a cumprir coa miña cita anual

Visto o éxito desta xira, xa están a traballar nunha segunda, que comezará no outono e que pasará por vilas ás que agora non puideron chegar, ademaias de volver polas cidades polas que teñen esgotado para darlles unha nova oportunidade a quen non deu mercado unha entrada e quedou con ganas.

Asemade, Touriñán avanza que tamén argallan a posibilidade de que, de cara á fin de ano, poidan facer algunhas datas fóra de Galicia, "en Madrid, Barcelona e algún sitio máis", para levarlles o seu Somos criminais aos galegos da diáspora.

Para botar peito
Os dous intérpretes amósanse agradecidos polo agarimo que teñen recibido estes días tras a estrea do primeiro capítulo de Fariña. "Está ben botar peito de vez en cando por cousas que nos saen ben, porque os galegos somos moito de facernos de menos a nós mesmos", sinala Touriñán, quen tamén afirma que como pobo, deberiamos ser quen de contar "as nosas propias historias, mesmo esa parte de nós que nos parece menos bonita e nos gusta menos". 
Por iso, prosegue, "temos que estar orgullosos de que Fariña se faga por unha produtora galega e con actores e un equipo técnico galego; non ten por que vir Netflix a contar as nosas historias".
Polo que respecta a Carlos Blanco, tócalle de esgueira [ver a páxina anterior] o enfado de Laureano Oubiña, a quen interpreta, por unha escena de sexo. "El saberá. Eu son actor, a min danme un guión e teño que interpretalo. É ficción. No libro Fariña Nacho Carretero non explica como se daban os bicos os narcos", apreza.
O actor de Arousa é este sábado candidato a un premio Mestre Mateo polo seu traballo en Dhogs, a ópera prima do meirego Andrés Goteira, que opta a dezasete estauíñas na gala do audiovisual galego. "Dhogs é unha milagre —insiste Carlos Blanco—. Facer unha película así con tan pouco... Pode que soe a frauta cunha idea, pero a verdade é que de cen, só sae unha. As noventa e nove restantes non saen".
Enfatiza Blanco que os logros que vai acadando Dhogs —os premios en festivais internacionais, o ser a primeira longa en galego proxectada no Festival de Sitges— supoñen tamén un acicate para os novos directores, "para que vexan que é posible", e lembra a primeira cinta de Truffaut, Os 400 golpes, "feita con catro pesos, os travellings en carriños de bebé...".
Entende Carlos Blanco que o de Goteira "non é casualidade" e que terá "continuidade". "É alguén cunha calma excepcional e todo o que sucede na película, o ben que está Melania Cruz, o marabillosos que están Morris ou Iván Marcos, é grazas ás súas indicacións; a escolla da directora de fotografía ou da música de Germán Díaz...", enumera nun receso dos ensaios con Touriñán na súa casa para a montaxe de Somos criminais.

Comentarios