O carboeiro preferido dos nenos

A mítica figura do Apalpador, vencellada a territorios de montaña coma O Courel, está cada vez máis consolidada no Nadal galego

O Apalpador volverá baixar da Devesa da Rogueira a Moreda o día 30 AEP
photo_camera O Apalpador volverá baixar da Devesa da Rogueira a Moreda o día 30. AEP

Pode dicirse que xa estamos en Nadal. Ou, polo menos, esta época especial do ano está xa petando na porta e preparándose para entrar. Con el, chega unha figura célebre en todo o mundo: a dun home barbudo, con bastantes quilos de máis e vestido de vermello procedente do norte. A tradición de Papá Noel, tamén chamado Santa Claus ou San Nicolás, atopou en España unha dura competencia cos tres Reis Magos, de raíces católicas e que chegan desde Oriente dúas semanas máis tarde. A eles hai que engadirlles outro personaxe, moi vencellado a territorios de montaña e de orixes pagás, que apareceu hai anos en Galicia.

A lenda do Apalpador recuperou forzas e parece disposta a quedarse. Moitas asociacións e estudosos da mitoloxía galega traballaron para sacar do ostracismo este carboeiro que, segundo contan as tradicións populares, cada 31 de decembro baixaba do seu fogar, situado na devesa dun monte, para, coma o seu propio nome indica, apalpar os ventres dos nenos. Segundo relata o libro ‘Mitoloxía de Galiza’, de Vítor Vaqueiro, os máis fracos levaban unha ración de castañas e os mellor nutridos, carbón para quentar as casas.

O Courel é unha das zonas que máis reivindica a procedencia do Apalpador, que recibe distintos nomes noutras partes de Galicia. Na Terra de Trives (Ourense), por exemplo, chámanlle Pandigueiro e hai quen prefire o termo Apalpabarrigas.

"Hai 15 anos que comezamos a darlle difusión ao Apalpador. O primero paso foi unha pequena gravación para unha televisión, pero agora nos colexios estase a revitalizar moito a súa figura", di Xulio Pérez, mestre con lazos no Courel que cada ano acode ata o lugar para ser parte dun acontecemento que quere converterse nun referente do Nadal lucense. O Concello de Folgoso do Courel e a asociación Fonte do Milagro (a mesma que organiza a Festa da Pisa da Castaña) colaboran para levar a cabo a baixada do Apalpador.

Este carismático home descende desde a Devesa da Rogueira ata Moreda, onde é recibido por unha morea de nenos que agardan polas suculentas castañas e algún agasallo máis que esta especie de Papá Noel das montañas leva con el. Non se fai o día 31, como di a tradición, senón a xornada anterior, o 30. O costume foise adaptando ao que hoxe en día entendemos coma típico do Nadal, por iso é habitual que o Apalpador sorprenda os cativos con algún libro ou
xoguetes.

ORIXES. A pregunta que moitos se fan é de onde é oriúndo o Apalpador. Carmen Vergara é concelleira en Folgoso do Courel e integrante da asociación A Coroa. Ela sitúa a procedencia do carboeiro na parte norte do municipio.

"Eu son de Folgoso, que está no sur, pero meu avó Paco movíase por todo o concello e falaba do Apalpador porque oíra sobre el na zona alta do Courel", sinala. A figura do Apalpador expandiuse, segundo o que relata, desde o norte á parte baixa do Courel. Vergara incluso apunta a existencia de cantigas na honra do Apalpador.

Unha delas escríbea o propio Vaqueiro na súa citada obra. A canción, que ata semella unha panxoliña, foi recollida no ano 1994 no lugar de Romeor, na parroquia courelá de Esperante. 

A cantiga di así: "Vaite logo, meu menín/marcha agora p’ra camiña,/que vai vir o Apalpador/ a palparche a barriguiña./ Xa chegou o día grande, / día do noso Señor./ Xa chegou o día grande/ e virá o Apalpador./Mañá é día de cachela/ que haberá gran nevarada/e ha vir o Apalpador/ cunha mega decastañas./ Por aquela cemba/xa vén relumbrando/ o señor Apalpador/ para vos dar o aguinaldo".

"É curioso, porque a tradición ten moito que ver con algunhas das zonas máis illadas do Courel, onde tamén se conservan xeitos de falar e termos da lingua moi arcaicos", comenta Xulio Pérez, que é filólogo. A súa dona é natural do Courel e el atribúelle ao seu cuñado, Xosé André López González, os primeiros pasos á hora de estudar a figura do Apalpador.

Pouco a pouco, este singular personaxe converteuse nun máis dos moitos que ameniza o Nadal, sobre todo aos máis cativos, en Galicia. Aínda que, sen dúbida, o carboeiro do Courel pide a berros ser o máis arraigado.

SIGNIFICADO. O oficio do Apalpador consiste en transformar materiais vexetais en combustible para lume. Así sobrevive en zonas montañosas e devesas e por iso aparece case sempre representado con manchas negras no seu rostro, que se distinguen malia a súa inmensa barba e denso cabelo.

O Apalpador parece ter unha clara conexión co Courel, aínda que non é a única comarca na que protagoniza lendas e contos. Tamén está presente no folclore dos Ancares ou Valdeorras e dispón dalgún parente con funcións similares fóra de Galicia. É o caso do Olentzero en Euskadi ou do Esteru en Asturias.
 

Comentarios