jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

Carballo Calero "era xovial" na intimidade

Ricardo Carballo Calero. MONCHO RAMA
Ricardo Carballo Calero. MONCHO RAMA
O profesor de Literatura Ramom Reimunde fai público un texto inédito escrito con ton xocoso polo homenaxeado este domingo no Día das Letras Galegas que el acompaña dunha breve nota explicativa

Ricardo Carballo Calero quedou coma un busto; como un erudito correctísimo e elegante, pero severo no trato. O homenaxeado nas Letras Galegas tiña unha dición marcada, un vocabulario amplo e un xesto trazado a compás ao falar que contribuíron a esa sona de hierático.

O profesor focense de Literatura Ramom Reimunde, que o tratou durante décadas, apunta a que a súa presentación ante os demais era unha mestura de “timidez e un coidado da súa imaxe que foi elaborando meticulosamente” nas intervencións públicas porque era consciente de que trascendería. Reforza esta idea subliñando que “non hai fotos nas que se lle vexa rir”.

Pero Reimunde puido acceder a outro Carballo tanto en Santiago como en Lugo. “En pétit comité era xovial e de facer brincadeiras, ría el tamén da súas bromas”. O profesor vai máis aló e desvela que o persoeiro do Día das Letras chegaba “a cantar ópera e zarzuela” nos ámbitos nos que se sentía cómodo.

Ese Carballo pode coñecerse en textos inéditos como unha carta que enviou a unha alumna do Colexio Fingoi de Lugo por volta do ano 1980 sendo xa profesor na Universidade de Santiago.

Ramom Reimunde explica que Carballo Calero era confiado a respecto da normalidade que acadaría o reintegracionismo

Na peza fai unha parodia de certa correspondencia de ton e ánimo aristocrático, “sendo el o menos monárquico” que existía.

Ramom Reimunde sinala que “don Ricardo” trazaba un valado de respecto e educación ao seu redor que soamente permitía traspasar a un contado grupo de persoas. Aínda nese círculo o trato é sempre o ‘vostede’. O titeo era a rareza coa que premiaba os amigos de vello —”Cunqueiro, Del Riego,... cos que trataba nos anos 20 en Santiago— e a certos alumnos de Fingoi.

O profesor debuxa un Carballo Calero con traxe, gravata e maletín que atravesa a rúa Tránsito de Gramáticos, en Santiago, para acudir á facultade de Filoloxía e que, ao cruzarse cunha señora, quita o sombreiro e inclina o corpo para reforzar a reverencia.

Esa educación extendíaa tratando con “simpatía os seus correlixionarios política ou lingüisticamente”, aínda que nunca foi despectivo cos que discrepaban del en cuestións que eran fundamentais no seu ideario como era a defensa do reintegracionismo, como “Alonso Montero ou Constantino García”. Sen embargo, había outros aos que “nin saudaba porque falaban mal del nas clases ou na prensa”.

OPTIMISMO. Ramom Reimunde explica que Carballo Calero era confiado a respecto da normalidade que acadaría o reintegracionismo. “Era máis optimista do que eramos outros. Pensaba que xa estaba feito, que os pasos de “isolacionismo, mínimos, máximos para chegar ao portugués” era unha escaleira que se estaba subindo “porque el publicaba escribindo como quería”.

“Eu advertíallle que, igual que se sube, se baixa; que foi o que pasou”, indica Reimunde.
 

Carta humorística de Carvalho Calero | Por Ramom Reimunde
(Dedicada a transcrição literal deste texto a Araceli Herrero Figueroa, discípula do Sumo Mestre, com a minha amizade velha em tempos duros para ela, que ojalá supere)
seguinte texto autêntico, manuscrito com a clara letra de D. Ricardo Carvalho Calero desde a sua cadeira de Filologia em Compostela antes de 1980, demonstra o seu sentido do humor e erudição, com o emprego irónico de variados tratamentos de cortesia e respeito exagerados, mesmo o veneziano de Signoria, tratamento que se da a pessoas de boa posição e que outrora se dava só às pessoas da alta nobreza.

Esta carta pudo ser dirigida a qualquer das suas antigas alunas, preferentemente às do Colégio Fingoi de Lugo, e prova a existência de outro Carvalho Calero humorista e jovial, sempre culto e correto, generoso para doar a sua docência, um algo diferente do sisudo e severo professor e do autor máis prolífico e brillante do seu tempo ao que dedicamos com justiça adiada o Dia das Letras Galegas de 2020 ou 2021.

—0—

Universidade de Santiago
Faculdade de Filologia
Departamento de Filologia Galega


Caríssima Lilie Ann:
Em cumprimento das ordes da sua Excelência Reverendíssima, adjunto se envia o artigo solicitado, escrito calamo currente e à demónia, como o sainete de Fandinho, para que chegasse às poderosas mans de V.E., e delai às dos senhores responsáveis da publicaçom, no breve prazo imperativamente assinalado. Como a cavalo regalado nom se esculca a dentámia, teria-o mandado em plenitude ortográfica reintegracionista se nom me tivesse assaltado a dúvida de se na imprensa na que a revista se imprime existia o ç. E se nom se pode usar o ç, cai pola sua base todo o sistema das sibilantes nom palatais. Assi que renunciei ao uso histórico dos grafemas correspondentes em toda a sua plenitude. Pensei chamar por teléfono à Vossa Reverência e consultar-lhe o caso. Mas ocorreu-me que a Vossa Majestosa Realeza acaso nom possuisse informaçom sobre o particular, e ainda que nesse caso o prazer de escuitar a argentina voz da V.E. podia tentar-me a marcar o 982-------, o temor a escuitar, em troca da voz de Vossa Signoria a da belíssima Emmanuelle murmurando «no, no está», num formoso e sonoro castelhano, desanimou-me, e velai.

Como quer que seja, deposito, Senhora, aos reais pés da Vossa Majestade, este humilde produto das minhas cintileantes e esmorecentes luzes, engendarado num rápido contacto coas musas da erudição, para que a Vossa Real persoa disponha do seu destino, e lhe dé o máis conveniente ao proveito da Pátria.

Senhora, aos reais pés da Vossa Majestade, que beixa respeitosa e reverentemente o vosso humildíssimo atque fidelíssimus servus.

Herdinandus Carvallus
O R S M

Carballo Calero "era xovial" na intimidade
Comentarios