Caótica muller

O pasado sábado aproveitei a recente estrea para saciar a curiosidade de qué nos tiña reservada a última de Medem. Son seguidora do director vasco pero a anterior “Lucía y el sexo” baixara a miña consideración despóis da deliciosa “Los amantes del círculo polar”.

“Caótica Ana” confirma para min algunhas cousas que esa mesma progresión empezaba a deixar enxergar. Para comezar, que Medem posúe cada vez un idioma audiovisual máis particular, máis autorreferencial, tratando de profundar na reproducción do seu propio estilo (ollo!, cando un artista ten demasiado asumida a súa fórmula, máis lle vale escapulir e saírse pola tanxente).

Ademáis diso, a súa proposta sobre unha caótica Ana que reencarna a outras anteriores mulleres vítimas da violencia do home, é por veces abstracta de máis, pivotando máis arredor de ideas (moitas delas resoltas a través de metáforas) que de realidades (comunicadas a través de personaxes de carne e óso en accións verosímiles). A mellor maneira de infundir unha idea adoita ser contárnola dunha maneira que podamos “apalpar”, sentirnos identificados coma quen fala dalguén do noso mundo.

Saín do cine mesmo cunha certa confusión de ideas, e logo metínme nun bar onde resultou servirme un vaso de auga un home ao que amei. Precisamente, no que hoxe me parece ‘outra vida’. E así foi que só fóra do cine viñen entender o verdadeiro significado da película: que todos e todas vivimos outras vidas. Nin sequera é imprescindible crer na reencarnación.

Comentarios