martes. 04.08.2020 |
El tiempo
martes. 04.08.2020
El tiempo

DAVIDE SALVADO

"Cantar no Gustavo Freire baleiro foi apocalíptico, pero moi emocionante"

Davide Salvado
Davide Salvado
O artista ofrecerá o seu espectáculo 'Amarelo' dentro da programación online para celebrar o Día das Letras Galegas

A Deputación celebra o Día das Letras coa programación Letras na Rede. Como valora a iniciativa?

Pareceume xenial, todo o que sexan iniciativas a favor dos músicos é algo estupendo porque estamos acostumados a ser o último elo da cadea. Gustoume moito ademais que me chamaran considerándome lucense. Eu son de Pontevedra, pero vivo en Palas de Rei hai bastante tempo e que me consideren de aquí fíxome verdadeira ilusión. Trátase dunha iniciativa moi novidosa, nun ano atípico, cunha celebración das Letras Galegas especial.

Participaron unha decena de artistas que gravaron hai uns días as actuacións no auditorio Gustavo Freire, como foi a experiencia?

Foi algo raro (risas). Había un protocolo moi esaxerado, laváronnos as mans, os pés, rociábannos de arriba a abaixo... Era un pouco extremo para que non houbera ningún risco innecesario. Os técnicos estaban enfundados e fixeron un gran esforzo para que os artistas puideramos actuar sen traxes especiais. Definiríao como un Gustavo Freire bastante apocalíptico, todo en negro, sen público, sen achegarnos uns aos outros. Eu non estaba afeito a estas medidas porque resido no rural e vivín o Covid-19 dun xeito moi distinto, sen tanta sensación de encerro. Pero debo dicir que cantar foi emocionante, tiven a sensación de que estaba gravando un videoclip.

A súa actuación emítese o sábado e vai presentar un anaco do seu último traballo, ‘Amarelo’. Que se vai atopar o público?

Vanse atopar un anaco de min, o meu proxecto é moi persoal porque fala de min claramente, das miñas emocións, da miña forma de vida e, sobre todo, de como amo. A xente no meu espectáculo vaise atopar verdade, non é algo que diga eu, pero é o que defendo, a miña proposta é moi honesta co público e comigo mesmo.

Este ano cumpre 16 como músico profesional. Que balance fai da súa traxectoria?

Moi positiva, dado que son un desastre a nivel organizativo e empresarial. Aínda así viaxei por todo o mundo, estiven en festivais con moitísimo percorrido e cantei con músicas e músicos moi importantes, e iso déixame un balance fantástico. A miña carreira permíteme ademais vivir como vivo e onde vivo, sen grandes luxos pero con todo o que quero, rodeado de beleza e nun lugar fantástico.

Na súa música sempre tiveron gran influencia as mulleres...

Si, eu vivo nunha familia de mulleres e ademais defendo que o folclore galego é fundamentalmente feminino, aínda que os homes tamén cantamos.

Dada a situación de crise que estamos a vivir un dos colectivos máis prexudicados é a cultura. Como afronta o futuro Davide Salvado?

É moi difícil para min pensar no futuro porque non solo planear nada, planeo a miña horta e a vida dos meus animais e da miña familia, pero a miña profesión déixoa levar polas emocións e polo que vai saíndo porque precisamente é arte e temos que facelo así. Non sei que vai pasar, pero non estou preocupado, as cousas son porque teñen que ser. Eu intento levar unha vida sostible sen moita dependencia do diñeiro e sei que vou estar rodeado da xente que quero e iso é o importante na vida. Se non teño traballo de músico tereino doutra cousa.

Tocará reinventarse?

Iso sempre, antes do coronavirus había que reinventarse e agora aínda máis, como esta iniciativa da Deputación de Lugo que me pareceu brillante.

"Cantar no Gustavo Freire baleiro foi apocalíptico, pero moi...
Comentarios