Un cantante que substituíu a Sabina actúa en Rábade

Carlos Boente é a voz de La Penúltima, unha banda lucense que dá concertos de homenaxe ao cantautor e que toca este sábado nas patronais

La Penúltima son Manuel, Miguel, Carlos, Domingo, Javier Gómez e Tapi (de esquerda a dereita). EP
photo_camera La Penúltima son Manuel, Miguel, Carlos, Domingo, Javier Gómez e Tapi (de esquerda a dereita). EP

A banda de Joaquín Sabina sen Joaquín Sabina, Noche Sabinera, ofrece a cantantes afeccionados ao músico de Úbeda a oportunidade de subir ao escenario con eles para interpretar o seu repertorio. Carlos Boente aproveitou esa ocasión nunha actuación en Lugo e depois foi reclamado para outras en Madrid.

Carlos é o batería do conxunto lucense La Penúltima, que comparte dende 2012 con Javier Gómez (guitarra) e Miguel Bello (guitarra). O seu repertorio consiste en versionar temas do pop e o rock español dos anos 90. Javier explica que "como Carlos ten unha voz moi parecida á de Sabina, empezamos a incluír cancións súas nos concertos".

Nun deles estaba o alcalde de Rábade, Francisco Fernández, que foi quen os animou a centrarse nesas pezas dun cantautor "que gusta a todos" os integrantes da banda luguesa.

Javier Gómez indica que foi o rexedor quen os convidou a presentar esta homenaxe a Sabina nas festas patronais de San Vicenzo, algo que farán "moi agradecidos" o sábado ás 23.30 horas.

A maiores de Carlos, Javier e Miguel, o conxunto está tamén integrado por Domingo López (baixo) e Manuel Sánchez (teclado). A maiores, Tapi ocupará o lugar de Carlos na batería. "Ao ser o que vai cantar nos concertos de tributo a Sabina, dixémoslle que tiña que deixar a batería o poñerse diante", comenta o representante de La Penúltima.

PANTALLAS. O espectáculo que se verá en Rábade será "un concerto como os que fai Sabina", polo que "haberá unha pantalla na que se verán os cadros que pinta", sinala Javier Gómez, quen insiste en que queren facer "unha loubanza de Sabina tratando de capturar e ofrecer a súa esencia".

O repertorio que soará nas celebracións de San Vicenzo son 17 cancións que os seis integrantes de La Penúltima elixiron "democraticamente" entre os centos que gravou o artista andaluz.

O guitarrista da banda presume de que non se lles resistiu "ningunha", pero recoñeceu "a dificultade técnica" de temas como Y sin embargo, que foi a que máis lles custou dominar. "Hai outras, como é Princesa, que levamos anos tocando, polo que non hai problema", resaltou.

A La Penúltima gustaríalle "poder vivir da música", para o que propoñen vías como estas homenaxes a Joaquín Sabina, "pero é moi difícil". Ao seu favor conta que son "o único grupo de tributo que teñen en Galicia, porque hai dous rapaces de Vigo que fan versións acústicas, pero non como banda". Polo de agora, empezan a xira internacional en Rábade. A seguinte cita será o 23 de xuño no Clavicémbalo de Lugo.

Comentarios