sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

"Cando escribo neste periódico síntome máis libre e desinhibido que con outros"

Juan Tallón. PABLO ARAÚJO
Juan Tallón. PABLO ARAÚJO

Juan Tallón, gañador do Premio Puro Cora, empezou no columnismo porque coñecía un defunto e fíxollle un obituario. Continuou escribindo columnas. Dende hai oito anos colabora con El Progreso e Diario de Pontevedra amosando unha mestría que foi recoñecida agora co Premio Puro Cora. Sobre as colaboracións neste periódico asegura sentirse cómodo pola falta de cortapisas 

Hai columnistas que volven continuamente á infancia. Vostede fala soamente da idade adulta.

Recordo ese tempo vagamente. Teño poucos recordos e os que teño non acaban de ser útiles.

A súa filla, Helena, ten 6 anos.

Pero non acabo de conseguir que me lembre a min a esa idade.

Recordo que unha vez me contara que estivera en Verín.

Foi na adolescencia. Estaba en Verín dende o domingo á tardiña ata o venres pola tarde. Foi complicado adaptarse. Estabas rodeado de padres mercedarios que che explicaban que é máis hixiénico durmir sen calzoncillos, contándoche cousas que non entendías. Estaba confuso. Había unha licitación da violencia escolar. Os profesores usaban a violencia. Era común nos anos oitenta. Os meus pais mandáronme a un colexio privado para que tivese unha educación mellor.

Asegura vostede que pasaba moito frío.

Unha noite batín o récod de botarse mantas enriba. O récord estaba en 20 e eu púxenme enriba 23. Sobrevivín milagrosamente.

Descubriu o baloncesto.

Aficioneime alí e practiquei ata descubrir a beleza de fumar.

Xa non fuma.

Deixeino aos 27.

Nos artigos trata temas contemporáneos e urbanos. Tampouco fala moito da localidade na que naceu e se criou, Vilardevós.

Hai unha ponte rota. Non hai rexeitamento. É que non recordo ben. Durante un tempo, os tres primeiros anos os meus pais non tiñan casa propia, era alugada. Era unha casa de dous andares. Alugabamos o segundo andar. Debaixo estaba a tenda de Isabel. O meu pai era funcionario municipal. Con 14 anos estaba traballando cun torno, foi soldador. Estivo en Puertollano, Barcelona e Madrid ata que volveu a Vilardevós. Non lle gustaba estar fóra de Vilardevós, non lle gusta durmir fóra de Vilardevós. Vén a Ourense ver os netos, pero pola noite ten que estar en Vilardevós. Desde que volveu, hai corenta anos, durmiu unha noite fóra, en Barcelona. Xantaba caldo todos os días e ceaba ovo fritido. Un día decidiu que non máis. O meu pai tiña barba dende que eu nacín. Non o coñecín sen barba. Xubilouse e afeitouse. Cruzámonos e non o coñecín. Hai nove anos que se xubilou e aínda me resulta unha cara forasteira.

El apoiou sempre a súa decisión de ser escritor.

Si, mesmo cando non tiña sentido perseverar na escrita. El dicíame: "Ti escribe. Se teño que manterte toda a vida, mantereite". Era moi lector. Leu aos rusos durante a súa etapa en Madrid e Barcelona.

Tamén lía ao escritor italiano Giovanni Papini.

O meu pai tiña dous mantras: "Le aos rusos" e "le a Papini". Eu colecciono libros de Papini. Podo ter cinco ou seis exemplares do seu libro O xuízo universal, pero, se atopo un exemplar, cómproo. O meu pai aprendeume a reverenciar ao escritor. Sempre me alentou a escribir. Cando eu tiña dúbidas dicíame: "Ti escribe, non te preocupes".

O seu pai le os seus manuscritos?

Si que os le. Ás veces comenta un artigo ou unha reportaxe se lle gustaron.

Quixo encauzar a vocación de escribir estudando Periodismo.

Non tiña nota para entrar en Periodismo en Santiago. Estudei Filosofía porque me namorara da miña profesora no bacharelato, Belén, e do seu xeito de dar clase. Tamén porque pensei que me deixaría tempo para ler e escribir. Compatibilizaría os estudos e a literatura. Fixen catro novelas que conservo na miña casa de Vilardevós. Están á vista no meu cuarto. Véxoas e dígome: "Destrúeas!". Penso que non teñen valor e se cadra un día danche un disgusto porque trascenden ou polo que sexa; pero dígome: "Respéctaas!" Axudáronme a escribir as novelas que escribo agora. Merecen un respecto.

O seu primeiro texto en prensa foi un obituario.

Na carreira fixen un traballo sobre Jacinto Santiago, un mestre e político de Vilardevós. Publicoumo Luis Rivas. Cando morreu ese editor fago o seu obituario en La Región.

Desempeñou varias labores no xornal ata que o mandan para o Parlamento galego.

Estaban Fraga, Beiras, Suárez Canal... era un espectáculo de intelixencia. Miguel Cortizo era un orador espectacular. O meu deputado favorito era Milucho. Lembro a Xaime Pita. Tiña a ‘coletilla’ de dicir ‘Moléstalles’. "Moléstalles que gobernemos nós", repetía sempre. Era moi divertido. Daquela facía información e escribín unha columna política diaria durante catro anos.

Non volveu escribir de política.

Quedei farto. Caín na marmita da columna política. Cando saín dela díxen: "Non volvas aí".

Pero volveu escribir para un político.

Volvo dunhas vacacións. Vexo unha mensaxe na que o director xeral de Emigración me ofrece traballo. Pensei en que me permitiría viaxar a Latinoamérica, seguir vivindo en Santiago —onde comprara un piso— e seguir escribindo novelas. Facía malas novelas coa idea de escribir unha boa que puidese publicar. Estiven tres anos. Despois traballei durante dous meses para escribir os discursos de Touriño, pero adiantou as eleccións e perdeu, así que non escribín o primeiro discurso. Seguía sendo columnista de La Región, pero non escribía de política porque non me parecía honesto estar traballando para a Xunta e facelo. Volvín traballar no xornal, en Sucesos e Xudicial. Unha tarde, ás sete, recibo unha chamada: "¿Quiere usted trabajar en el Ministerio del Interior?". Danme unha cita en Madrid. Entro no ministerio. No ascensor un escolta pregúntame: "¿Es usted escritor de relatos pornográficos?". Gañara 12.500 pesetas nun concurso cando estaba na universidade. Estiven facendo discursos para o ministro Francisco Caamaño durante once meses. En La Región sentou mal que marchara e deixei de colaborar. Acabou o do ministerio e volvín a Ourense. Estaba no paro. Non tiña nada. Empecei a escribir artigos semanais para La Voz de Ourense.

Pero era vostede coñecido polos textos da revista Jot Down.

Estaba colaborando tamén en Jot Down cando me chamou o daquela director de El Progreso Lois Caeiro para que escribise.

Debuta coa sección ‘Directamente desde el bar’ en xaneiro de 2014.

Levo escritas 237.000 palabras para El Progreso. Seino porque teño un lugar no ordenador onde gardo os artigos de El Progreso.

Case oito anos máis tarde recibe o Premio Puro Cora.

É algo moi importante. El Progreso é unha casa coa que me sinto identificado. Non teño nada que me ate a Lugo nin vou periodicamente, pero é unha cidade á que me sinto próximo sentimentalmente. Nunca me dixeron nada nin que unha columna era mala, que as fixen, como é lóxico. Teño unha memoria cariñosa de El Progreso que non teño doutros medios nos que colaboro. É a miña casa. Nos meus libros destaco que colaboro en El Progreso.

Continúa escribindo para Jot Down e tamén para El País.

Cambia o xeito de facer columnas cando as pensa para El Progreso? Hai un cambio de mentalidade. Para El Progreso podo facer o que queira e iso dame moita tranquilidade. Cando escribo para outros medios penso se ese texto encaixará nese medio. En El Progreso todo encaixa. Síntome máis libre e máis deshinibido. 

"Cando escribo neste periódico síntome máis libre e desinhibido que...
Comentarios