"Cando se encebolaba nun tema de tradición ou popular era difícil sacalo"

O filósofo e ex director de Política Lingüística Manuel Regueiro lembra a tenacidade e a bonhomía do amigo co que compartiu tempo en Lugo

2019051618592525000Manuel Regueiro Tenreiro lembra sobre Antonio Fraguas que, "cando se encebolaba nun tema, era difícil sacalo". O ex director de Política Lingüística indica que encebolarse era o termo que usaban para describir a actitude de concentrarse vivamente nun asunto. "Cando se poñía coas cantigas e a literatura popular non atendía a nada". O campo para investigalas eran os arredores de Lugo, onde viviu durante nove anos, entre 1950 e 1958.

Froito deses encebolamentos foron moitas das "asiduas colaboracións en El Progreso, que trataban de literatura popular e tradicións de Lugo. Outras veces acababa usándoos para as conferencias que impartía no Círculo de las Artes, como a que ofreceu en abril de 1951 sobre Estudios y estudiantes de antaño, na que enfiaba anécdotas con base da súas experiencias en Santiago.

Nesa cidade empezou a tratar a Regueiro Tenreiro, co que despois coincidiría en Lugo. "Era unha boa persoa, amable e moi tratable", indica sobre Fraguas. A formación de Manuel Regueiro é filosófica, diferente da que tiña Antonio Fraguas.

O punto de encontro era a historia. "A el interesáballe a historia do folclore, dos costumes e o catolicismo".

A obra de Antonio Fraguas é un labor impresionante a prol do coñecemento do ‘ser dos galegos’

As crenzas eran importantes para Antonio Fraguas. "Penso que era de misa diaria e que ía á catedral despois de dar clase. Polas tardes se dedicaba a investigar. Era kantiano cos seus horarios". Engade que acudía a tertulias como a do Méndez Núñez, "pero non a todas", porque "cando se encebolaba cun tema...".

Entre os seus alumnos non había suspensos. "Unha vez examinou a un rapaz, Pepe, sobre economía. Preguntou: A ver, Pepe, que economía hai na túa aldea? -Na miña aldea non temos diso. Na túa aldea cultívase millo?. O que queira. E trigo?. Máis ben centeo. E púxolle un 9. Era moi comprensivo, era moi fácil aprobar con el. Unha vez preguntoume: Ti suspendes moito, Manoliño —porque me chamaba Manoliño—. Non, pouco. E como fas para conseguilo?.

Sobre a figura de Fraguas, agora que o mira no recordo, Regueiro Tenreiro glosa que Antonio Fraguas "é memoria do século XX e hai que avanzar nesa memoria". Unha das vías para avanzar é o bilingüismo. "Hai que facer á xente experta en idiomas para abrir Galicia".

A lingua era fundamental para o homenaxeado nas Letras Galegas, tal e como reseña Manuel Regueiro no libro Os nove anos de Fraguas en Lugo: "De tódolos elementos en que unha cultura se afinca o idioma é o máis radical e representativo. O idioma é xa unha creación colectiva". A lingua serve como ferramenta, que "coa apertura á lingua por aqueles que a ignoraban ou desprezaban, ou a súa aceptación plena, xurde neles unha nova óptica da realidade galega".

Para Regueiro "cómpre dicir que a obra de Fraguas é un labor impresionante a prol do coñecemento do ser dos galegos, é dicir, co seus estudos podemos deducir como somos e por que os galegos somos así".

Considera que transmitiu ese ser a través de catro grandes temas: territorio —paisaxe, reparto da terra, arquitectura,...—, a lingua e a literatura —en especial, a literatura oral—, costumes —festas, bailes, música,...— e crenzas —nomeadamente as relacionadas coa morte.

"Estes temas fóronse desenvolvendo de diferentes maneiras na sociedade galega, estruturados por unha lingua e uns dicires colectivos para explicar e ser transmitidos ás seguintes xeracións", escribe o escritor lucense, o impulsor do libro Os 9 anos de Fraguas en Lugo.

Comentarios