Susana Seivane: "Canalicei os embarazos a través de 'Fa'"

A artista presenta o seu último disco hoxe no Círculo de las Artes dentro do ciclo Lubicán 

Susana Seivane. AEP
photo_camera Susana Seivane. AEP

Nunha tarde de café e complicidade, como tantas outras, catro amigas reciben a noticia do embarazo dunha delas. "Marnela" -as sílabas de tres delas- dá conta dese momento no que Susana Seivane lles anunciou que ía ser mamá de novo e abre o seu último disco, Fa.

A gaiteira chega este xoves ao Círculo de las Artes de Lugo ás 21.00 horas dentro do ciclo Lubicán para traer "a vida de agora, a experiencia de ter fillos, á terra dos meus avós", conta Seivane. A F é de Fiz, a A de Antón e as composicións son todas propias. "É o primeiro disco feito só con temas meus, quería contar todo o que me percorría. Canalicei os embarazos en Fa".

Ela e súa irmá estiveron embarazadas á vez. "Falábamos da pena que dá non poder volver a vivir eses momentos sobrenaturais, nos que sintes cousas impensables", pero tamén recoñece que "son momentos longos e de dor", de aceptar a epidural axiña cando dicía que ela "non a ía querer".

Sabendo miradas é o tema que lle pon melodía a esa montaña rusa de emocións, pero o disco ao completo está atravesado pola súa mirada de nai. A risa de Antón e os latidos de Fiz cólanse entre a potencia da gaita de Seivane.

A parella da artista é boxeador. Cando Fiz ten morriña del, pídelle a súa nai que quere "ver vídeos no Youtube de papá facendo "pum pum"". Desta anécdota sae un dos temas do disco, Papá pum pum, que pecha con Revolución, un "tema movido com Antón".

Os dous cativos naceron rodeados de música. "Nos embarazos toquei ata que o diafragma mo permitiu", conta Seivane, que recorda que "cando eran máis pequenos e estaban axitados, tocáballes a gaita e tranquilizábanse". Por iso non sorprende que agora sexan os máximos fans nos concertos e que "Antón queira subir sempre a tocar o bombo".

Fa tamén soa a country en certos momentos e a flamenco noutras. Al compás de los olivos é unha homenaxe á familia materna, que é de Sorihuela del Guadalimar, en Jaén ."Son menos coñecidos que a paterna, pero tamén son o que son por eles, por iso compuxen este fandango xota con acordeón e deille un tratamento flamenco", explica.

Seivane chega á que tamén e a súa terra sentindo que "xoga na casa", cargada de enerxía e cun bombo por se Antón quere tocar.

Comentarios