miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

"No campo todos somos pirómanos"

Amador Arias, Benedicta Sánchez e Óliver Laxe. SEBAS SENANDE
Amador Arias, Benedicta Sánchez e Óliver Laxe. SEBAS SENANDE
Os rebolos de Quindous (Cervantes) dan a benvida no último filme de Óliver Laxe, 'O que arde', que chega este venres ás salas de cine. Unha historia de lume, dese que queima o monte e tamén do que quece os corpos no inverno da montaña, protagonizada pola enérxica Benedicta Sánchez e a mirada sensible de Amador Arias

ONDE SE POUSAN as nubes, no fondo deses vales fondos e calados, tamén se pousou o lume. As imaxes dun incendio en Quindous (Cervantes) son os últimos minutos de O que arde, o último filme de Óliver Laxe. Os primeiros son dos seus rebolos vellos e retortos vendo chegar o autobús González de la Riva. Baixa Amador Arias, volve da cárcere. Seica prendeu lume. Os ollos dos veciños pesan nel. A calor de súa nai, Benedicta, pesa aínda máis.

Amador e Benedicta existen. Son "o mozo solteiro de montaña que é moi sensible, pero que non ten as ferramentas para vivir neste mundo tan tolo" e a "muller galega que ten un amor infinito", conta Laxe, que usou de referencia as mulleres da súa familia no seu filme máis "persoal".

Os nomes dos personaxes correspóndense co das persoas que lles dan vida. Benedicta Sánchez é pequena e lixeira. Ten máis enerxía ca quilos no corpo. "Na película era todo como a cámara lenta e eu son o oposto", conta Sánchez. Case non lle chega á altura do peito a Óliver. Ten que estirar o pescozo para falar con el. "A Bene do filme tiña que mostrar serenidade e hamornía co entorno. Para min era un reto non frustrarme. Estaba filmando dúas persoas moi fermosas e sempre hai unha tensión entre a personaxe e a persoa, conta Laxe, que asegura que Benedicta sempre fixo un pouco "o que lle peta" e que de aí agroman "pequenos xestos moi sabrosos". "Observo cousas xenuínas deles e aprovéitoas. A miña xenialidade é que sei descubrir a xenialidade dos outros", explica.

"Cada vez que Óliver me dicía 'moi ben' dábanme ganas de pegarlle. Eu quería que me exprimise, que me dixese que o fago mal e que teño que mellorar. Eu quero avanzar", asegura Benedicta.

O Amador da realidade apelídase Arias e viveu coidando o monte. Foi garda forestal e ten a mesma mirada sensible ca no filme. Meterse no papel foi doado porque di que no rural todos andan con "navalla e mechero" e que coñeceu "moitos Amadores culpables e non culpables".

"No campo todos somos pirómanos, é unha ferramenta que se emprega", explica o director, que quería "liberar o rural dese peso e de ser demonizado" dende as cidades. O que arde non busca a culpabilidade que hai enterrada nas cinzas. E, se houbese que buscala, a "culpa témola todos, porque todos marchamos e vivimos nesa relixión das cidades e participamos no cambio climático", apunta Laxe.

O que arde foi gravado entre lama e lume. Entre invernos húmidos e veráns abrasadores. "A vida nos Ancares é dura: a soidade, o aillamento, a falta de servizos... Pero eu apunto cara os valores. Aí si que hai riqueza e hai unha correspondencia. A verdadeira liberdade é entender que non es libre. Aquí a natureza está todo o tempo dicíndoche que es pequeno, iso faite sabio", sinala.

E así foi, na rodaxe tiveron que agardar ata o final de todo para que houbese un incendio. Moita parte do filme foi un pouquiño "documental", deixar que as cousas pasasen. "Eu non sei como a cámara captou que, cando estou comendo, por dúas veces póusase unha mosca en min e eu tornaba dela", conta Benedicta.

"Óliver esfarela, desfaite, coloca unha cantas pezas e queda a alma do que quere", explica Arias que, para a rodaxe, tamén aportou a súa cuxa Lúa. "Se o can move unha orella no filme é porque Óliver quería que movese a orella", di o actor sobre unha escena na que a súa Lúa pareceu entender os desexos do director.

Ambos protagonistas seguen coa película pegada ao corpo, chámanse "nai" e "fillo" e comparten complicidade case coma se o fosen. Durante a rodaxe dormiron baixo o mesmo teito algúns días. "Era unha casa na que pasabamos moito tempo cando eramos pequenos, a única que tiña televisión, a nosa estaba no fondo do pobo e non a captaba", recorda Laxe, que abreu unha porta da súa infancia que levaba "vinte anos pechada".

"Sempre dixen que Galicia non me quería, porque saín de aquí e todo me era fácil, aquí non había maneira", di Benedicta, que levou a súa alegría por medio mundo. Agora, vendo o filme, cos ollos cheos de bágoas di que aprendeu que dentro dela "está Galicia".

Óliver recoñece na súa pel o sentimento de Benedicta. Este terceiro filme do director dos Ancares serviu para que estivese "en fase cun territorio". "Estou filmando nos prados onde traballaron xeracións e xeracións de familiares meus. A nivel de rito é moi potente". E así, coma quen recolle o millo, os repolos e os tomates, Laxe recolle este filme que levaba sementado dentro.

"No campo todos somos pirómanos"
Comentarios