Camiñando moito con Manuel María

É o escritor máis cantado seguindo o seu liderádego naquela revolución musical de Voces Ceibes
Casa de Hortas, fogar de Manuel María
photo_camera Casa de Hortas, fogar de Manuel María

Tiven a fortuna de facer moitas camiñadas con Manuel María, "andando a Terra" e tamén "viaxes sentimentais", soñando e sucando novos ronseis na súa agra literaria, e sigo percibindo o mesmo alento. Transmitía unha ollada limpa cara todas as criaturas que partillaban as nosas andaduras, endexamais cousificaba nada, pola contra situaba todo na relación ou constelación harmónica coa que concibía a contorna, sen marxinar nin manipular a ninguén. Despois de moitas xeiras en común, Manuel María foi definíndose coma unha labarada de luz cunha presenza sempre cordial, dándose a coñecer paseniñamente dende o seu berce. Captaba coma ninguén as luces e sombras, o claroscuro, non só das persoas tamén das circunstancias de cadaquén. Non era inxenuo e penetraba ata tal punto na realidade que intuía segredos e tesouros nas cousas máis sinxelas, e porén dende mozo cantaba todo o universo da vida cun fondo humanismo.

E esta experiencia axúdame arestora a comprender a resposta global que está a ter a Festa das Letras dedicada ao poeta de Outeiro de Rei. A súa exemplaridade coma cidadán deste país e a súa obra naceron dunha autenticidade a proba de lume, que motiva estas respostas e reaccións positivas. Manuel María coa vida e a escrita provocan esta empatía que estamos a celebrar... É a única resposta que corresponde á súa coherencia.

Se as nenas e nenos están a recrear e visualizar coa súa arte Os soños na gaiola é porque o poeta concibiu este poemario a partires da súa infancia na que non disfrutou de contos na fala que mamou, a non ser os que escoitaba na voz dos maiores e de Manuel de Paderna. E con toda a súa cordialidade e arte agasallounos con poemas que rebordan música e agarimo. Toda esta fervenza de xogos teatrais que está impactando á mocidade nace da teima de Manuel María de verter neste xénero creativo a nosa historia, da que o privaron na escola do seu tempo: Os Irmandiños, Abril de lume e ferro, etc., e el sentiu a necesidade de artellar estes autos dramáticos para que as novas xeracións coñecesen a historia de nós que a el lle secuestraran.

Manuel María é o escritor máis cantado seguindo o seu liderádego naquela revolución musical de Voces Ceibes no ano máxico de 1968, que encheu coa súa palabra rexa teatros e estadios cantando liberdade e gravando Poemas ditos coa súa voz, ata chegar a Barcelona da man da nova música catalana e a Madrid, onde foi sancionado por reivindicar o que é noso, o mesmo que arestora proclaman ducias de músicos e mesmo grupos de nenas e nenos que puxeron ritmos aos seus versos. Podo acreditar a súa sensibilidade ás vangardas musicais que anuncian os tempos novos, co seu afán de ser con Saleta dos máis madrugadores para participar nos festivais de Pardiñas dende as alboradas e sen perderse nada.

Se agora estamos a cantar O carro, musicado por Mero de A Quenlla, en común, coma un himno comunal, é porque Manuel María nos legou estas ensoñacións para dignificar e valorar o noso patrimonio coma o herdo máis significativo que nos puido tocar. Abofé que en ningún ano abrollou tanta escrita auspiciada por un autor, sen dúbida, froito da loita que aprendemos de Manuel María, facho aceso que non esmorece, pois foi o primeiro mozo en escribir en galego despois da guerra, e o máis novo editor de versos e libros de xente moza na revista e na editorial Xistral, converténdose nunha ponte entre os autores exiliados e aqueles que estaba a animar nesta beira, espallando a súa creación.

E todo isto porque Manuel María estivo sempre abrindo camiños, non só para el, senón para o pobo, e non quería que ninguén sufrise as carencias que afectaron á súa vida, tamén no eido sociocultural. O seu labor coma escritor foi un servizo xeneroso á sociedade, para dignificala dende un compromiso ético sen tachas nin fendas.

Pero non só están a celebrar ao autor os centros de ensino, tamén os colectivos que fan cultura a cotío nas súas parroquias ou comarcas. A celebración do día 28 en Castro de Rei de máis de 20 asociacións culturais é o froito bizoso das sementeiras do poeta labrego, que inzan a eito por todo o país e mesmo polos centros da emigración. É o agradecemento e correspondencia á súa xenerosidade cando pateou todas as parroquias e vilas, e mesmo á Galiza emigrante, acendendo luceciñas coma o vagalume, que mantivesen vivo o espírito do noso pobo. Aínda mozo, afincado en Monforte, é un dos fundadores da Asociación Cultural e despois presidente da Asociación Castelao, sufrindo os rigores da ditadura que endexamais o arredaron da súa coherencia vital. Lembro con que ledicia asistiu á primeira actividade da Asociación Cultural de Outeiro de Rei o 14 de outubro de 1983. Nestes meses sentimos no ambiente como está a seguirse o rastro a máis libros que de costume para coñecer mellor ao escritor, é o que acae nesta primavera cultural. É unha lección máis do ensino alongado de Manuel María que contaxiaba con Saleta, a súa dona, da querencia pola lectura, cando xestionaban dende 1970 a Libraría Xistral en Monforte, e porén daquela a mocidade a coñecía como a libraría ‘dos galegos’. Un cualificativo axeitado fronte ás insidias e ameazas doutros que non aturaban o seu compromiso a prol da Galiza real aldraxada por tanta inxustiza e manipulación.

Manuel María ensinounos a ser fieis ao noso pobo en todos os eidos e actividades, endexamais reduciu o seu compromiso ao plano cultural e á Festa das Nosas Letras, entregouse ata o derradeiro alento á defensa da fala e dos sinais de identidade de Galiza. E no derradeiro parágrafo deste percorrido temos que contextualizar este esforzo divulgativo dos medios de comunicación sobre Manuel María, no seu labor xornalístico, un artigo semanal ata o seu pasamento, principiando en El Progreso aos vinte anos (1950).

Comentarios