"'Café Derby 21' é a continuación das conversas que tiñamos na cociña"

O pódcast máis escoitado de Galicia gravou este xoves en Lugo ► Alicia Pena deu a coñecer a novela gráfica Gallina clueca
De esquerda a dereita, Alicia Pena, Adrián Lede, Carme D. Prol e Nicolás Carreira, este xoves en Trama. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera De esquerda a dereita, Alicia Pena, Adrián Lede, Carme D. Prol e Nicolás Carreira, este xoves en Trama. VICTORIA RODRÍGUEZ

A libraría Trama de Lugo ten cartelas con letras para clasificar os libros polos apelidos dos autores. Do 'B' salta ao 'D'. Venden escritores que se apelidan polo 'C', pero desapareceu. Se Café Derby 21 fose unha novela non estaría asignada, pero é un pódcast. O máis escoitado de Galicia.

O espazo radiofónico está na súa terceira tempada e onte fixo a súa terceira saída para ser gravado en Lugo. Adrián Lede viste unha chaqueta azulona de chándal. Estudou Periodismo en Santiago, coma Carme D. Prol e o lugués Nicolás Carreira. Os tres foron vivir xuntos a un piso no último ano de carreira. Despois de xantar quedaban relaxados sentados á mesa e falaban de "cousas moi variadas", apunta Carme D. Prol, quen resume que "'Café Derby 21' é continuar aquelas conversas na cociña, pero cun famoso".

Durante a pandemia pensaron que sería fácil de producir "porque todo o mundo estaba na casa", así arrancaron no 2019. Polo programa pasaron todo o que é alguén na cultura pop galega, entendida en orixinalidade e brillantez. Nicolás Carreira indica que o máis novo foi Nee Barros (Ourense, 2002) e o maior, Xosé Ramón Gayoso (A Coruña, 1956), un convite que Adrián Lede basea en que "é unha lenda da comunicación". O catálogo de Café Derby 21 contén tamén programas sobre escritores como Berta Dávila e Álvaro Cunqueiro, da vangarda de Baiuca ao 'triunfismo' de Sabela. Outros tratan a saúde mental ou a máis frívolas das cancións italianas.

O espazo emítese os mércores cada quince días e grávase "cando se pode".

Suecia. A lucense Alicia Pena escoitaba o pódcast desde Suecia. Aos poucos meses lles pediu que publicasen unha listaxe de libros e series porque estaba debuxando e non lle daba tempo a apuntalos. Este xoves foi a protagonista coa súa novela gráfica Gallina clueca.

Trata de dúas mulleres que queren ter un fillo de seu, do arduo e frustrante proceso ao que deben someterse. Alicia Pena nunca quixo ter fillos "porque non me gustaba o xeito en que me dicían que había que criar os fillos e porque me convenceran de que limitaría a miña vida". Pero un día quixo. "Fun inocente. Resulta máis duro do que pensara".

León xa ten cinco meses "e compensa todo". Onte paseaba por Lugo, desconcertado polos ruídos e as luces; inhóspitos no lugar de Suecia onde vive, onde as casas se contan cos dedos dunha man con exactitude.

Comentarios