Brath celebra os seus 40+3 anos percorrendo os escenarios de medio mundo cun novo single

O tema No val da bretema, adianto do seu novo álbum 43+3, fala do paso que nos agarda a todos, o paso do mundo dos vivos ao dos mortos
Eloi Caldeiro, da banda Brath. CEDIDA
photo_camera Eloi Caldeiro, da banda Brath. CEDIDA

40+3. Esta é a cifra sumada que a banda Brath leva percorrendo os escenarios de medio mundo coa súa música. Música que afunde a súa raíz na tradición galega, o cal non é impedimento para que se mesture con outras músicas e outros ritmos do mundo, xa que iso foi e segue a ser unha constante no proceso creativo. Eloi Caldeiro busca dende o primeiro álbum de Brath crear, a partires da música galega, uns sons que dialoguen con outros rimos e melodía e se irmanden con calquera outra música sen que importe de onde esta sexa, a única norma é que as novas creacións non perdan ese sabor enxebre das nosas músicas.

O seu primeiro single, adianto do novo álbum, No val da bretema, fala do paso que nos agarda a todos, o paso do mundo dos vivos ao outro. Tamén do tempo que transcorre guiándonos cara ese río que inevitablemente todos teremos que cruzar e do que só poderiamos escapar matando o tempo. Así, No val da bretema mestura diferentes estilos musicais, igual que o resto do álbum: Neste tema en concreto a música new age partilla co folk e a electrónica.

Historia de Brath

Brath é a banda que no ano 1980 incorpora por primeira vez ao folk galego instrumentos que ata daquela estaban reservados para o rock, como a batería e as guitarras eléctricas. Con esta nova visión da música galega, que naqueles momentos foi toda unha revolución, iniciouse un camiño que aos poucos percorrerían a maioría dos grupos galegos.

Brath nacía coa filosofía de achegar á xente nova unha nova música galega e utilizou desde o principio a mestura de diferentes estilos musicais para, a través de diferentes fórmulas, crear unha música galega renovada a partir de elementos da tradición. 

Nestes 43 anos, o grupo que lidera Eloi Caldeiro gravou 13 álbums de estudio e varias bandas sonoras para o cinema e a televisión, participando en discos colectivos e compilatorios. 

Concerto de Brath no San Froilán. CEDIDA
Concerto de Brath no San Froilán. CEDIDA

No ano 2001 foi nomeado aos Premios da Música da SGAE co tema Burka como mellor canción en galego. Asemade, Brath levou a súa música a diferentes países de Europa e América, nos preto de 1000 concertos que ofreceu nestas catro décadas.

Tamén actuaron en diferentes festivais, como o Festival Interceltico de L'Orient (Bretaña), Festival de Ortigueira, Festival Celta de Vigo, Segovia Folk, Festival de Murcia, Festival da Guitarra de Córdoba, etc. Tamén en diferentes países, como Portugal, Francia, Italia, Arxentina ou Brasil.

En 2018 Brath foi escollido pola CRTVE-RADIO3 para representar a España no EuroRadioFolk Festival que se celebrou en Moscova, onde compartiu escenario con grupos e artistas de diferentes lugares do mundo e acadou un importante éxito. O concerto foi emitido en máis de 50 países de todo o mundo pola radio e a televisión. 

Eloi Caldeiro, pioneiro na fusión do folk con outros estilos

Caldeiro, compositor voz e batería de Brath, foi pioneiro na fusión da música galega con outros ritmos e estilos. Xa no ano 1976 fundou o primeiro grupo de rock galego Tebras, onde ademais de cantar en galego mesturaban por primeira vez a gaita coa batería e as guitarras eléctricas, no que se deu en chamar rock progresivo. Xa no ano 1980 fundou Brath. 

Inicialmente, Eloi era batería e percusionista do grupo, pero a partir do ano 1999 ademais da batería puxo a voz, xa que a partir deste ano, Brath abandonaría a liña instrumental para incluir letras nalgúns temas.

No ano 2013 Brath lanza o seu disco Codex, onde as melodías e ritmos celtas camiñan da man do flamenco, o que os leva a participar no prestixioso Festival de la Guitarra de Córdoba, logrando un gran éxito.

No verán de 2017 Brath estivo invitado durante sete semanas no programa Feirantes da Televisión de Galicia

Na actualidade acaba de gravar o seu novo disco, titulado xenericamente 40+3, un título que se decidiu para celebrar os 43 anos de vida da banda.

Nestes 43 anos de carreira musical Brath compartiu cartel e escenario coa maioría dos artistas do folk e outras músicas de recoñecemento internacional, entre os que cabe citar a Alan Stivell, Gwendal, Boys of the Loug, Oskorri, Julio Pereira, David Spillane, Omara Portuondo, Pat Metheny, Joe Satriani, e un longo etcétera.

Comentarios