viernes. 21.01.2022 |
El tiempo
viernes. 21.01.2022
El tiempo

A biblioteca e o arquivo da Fundación Casares, á Cidade da Cultura

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e a presidenta do Padroado da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg, anunciaron este venres un acordo polo que a biblioteca e o arquivo particular do escritor ourensán pasarán a formar parte dos fondos da Cidade da Cultura de Galicia.

Estes fondos permanecerán na Cidade da Cultura durante polo menos os próximos 30 anos co fin de promover o seu estudo, fomentar, difundir e estender o coñecemento xeral do patrimonio cultural galego e a formación de investigadores.

Varela destacou que esta cesión gratuíta da que son beneficiarios "todos os galegos" representa a doazón dun "extraordinario legado que Carlos Casares desexaba pór a disposición de Galicia".

Os fondos compóñense dunha biblioteca de 6.000 libros e un arquivo particular que recolle uns 7.000 documentos en papel inventariados e case 2.500 imaxes.

O conselleiro destacou o carácter de Carlos Casares como "un bibliófilo pertinaz" e dixo que o seu arquivo particular contén varios milleiros de documentos reveladores da súa forma de ser, de pensar e de traballar, nas súas distintas actividades como escritor, editor, académico, parlamentario e xornalista.

Estes documentos constitúen, ao seu xuízo, "relevantes testemuños da historia e da evolución da cultura galega das últimas décadas".

A biblioteca de Carlos Casares alberga coleccións completas de autores nacionais e estranxeiros, en idioma orixinal e tamén en traducións ao galego e ao castelán, segundo informou este venres a Consellería nun comunicado.

Algúns libros datan dos anos trinta e responden á herdanza familiar, aínda que a maioría do fondo bibliográfico data dos anos 60 e 80.

O arquivo particular de Carlos Casares está formado por manuscritos e mecanoscritos de novelas, contos, artigos, ensaios, discursos, cartas, conferencias, notas e borradores do escritor, así como por fotografías, recortes de prensa, correspondencia recibida e documentación relativa ao desempeño da súa faceta profesional e institucional.

A biblioteca e o arquivo da Fundación Casares, á Cidade da Cultura
Comentarios