Berto: "Con este disco tiña medo todo o mundo, menos eu"

Berto abandona as estela do que foi un dos grupos galegos de maior éxito dos últimos anos publicando un disco conmovedor, no que trata a depresión, a ansiedade e as ideas suicidas. Fala de todo abertamente. E regala unha exclusiva: está traballando con Mariña, de Furious Monkey House.
Alberto Mira 'Berto'. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Alberto Mira 'Berto'. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Xogou en todas as categorías inferiores do Pontevedra C.F. Ata que rompeu o peroné. Así se truncou a carreira futbolística de Alberto Mira Berto (Pontevedra, 1997), que lembra a experiencia mentres camiña pola Xunqueira. Afincado en Santiago de Compostela dende que marchou para esa cidade a estudar Medicina, alí montou con Fernando Peleteiro Fer, en 2019, Verto, un dos grupos que máis rápido e con maior forza impactou na escena musical galega. O seu último disco, Embora, superou o millón de escoitas na plataforma Spotify. Tras o éxito fulgurante, sorprenderon a todos anunciando, o pasado outubro, que tomaban un descanso. O 26 de novembro, Berto volvía sorprender publicando disco en solitario. Titúlase Viaxe ao espazo interior e nel fala da depresión e da ansiedade.

Xa é vostede compostelán?
A ver, en Pontevedra nacín e crieime, pero hoxe en Santiago é onde está a miña vida, si.

Vén pouco pola casa.
Veño pouco porque alí é onde te podes mover nos círculos nos que máis me interesa estar, nos da xente que quere facer cousas, crear música e arte. Para min é moito máis doado traballar en Compostela. Por exemplo, agora estou facendo un EP con Mariña, de Furious Monkey House. Por que? Porque veu a Santiago estudar. Faloume de facer algo comigo e nesas estamos. Isto é algo que só podía pasar alí.

Están traballando xuntos entón?
Creo que estamos facendo unha barbaridade. Vai ser a hostia. A finais de xaneiro sacaremos un temazo, unha bachata. Mariña é unha vocalista incrible e ten un talento brutal. Que significa Pontevedra para min? Pois Pontevedra tráeme moitos recordos, bos e malos. Aquí é onde tiven os primeiros amores e desamores, as primeiras amizades e desamizades.

A ponte da Xunqueira na que fala en Que sintes? é de Pontevedra?
Si que é. Todas as cancións son autobiográficas. Estou eu en todas. Nesa que dis canto, "e nunca voltei á Xunqueira, á ponte que nos viu amar", porque durante moito tempo, cando estaba moi depre, non quería volver por sitios que me traían recordos porque me poñía peor. Sobre esa ponte eu quería facer unha canción enteira, pero ao final só metín un cachiño nese tema. A unha parella que tiven durante catro anos pedinlle para saír nesa ponte, pola que despois paseabamos escoitando a Love of Lesbian... Unha historia de amor moi de adolescentes. Cando o deixeimos, volvín á ponte un día e vina derruída. Foi unha imaxe moi potente, que me quedou moi gravada.

Con Mariña creo que estamos facendo unha barbaridade. É unha vocalista incrible e ten un talento brutal. A finais de xaneiro sacaremos un temazo, unha bachata

E aí está no seu primeiro disco en solitario, Viaxe ao espazo interior.
É un proxecto honesto, no que intento que xente que está pasando por un proceso depresivo, ansioso ou por calquera outro problema de saúde mental se sinta máis comprendida e acompañada. Tamén para sentirme eu mesmo máis comprendido. Porque este é un disco que narra todo o que che pasa. Para facelo uso esa metáfora de viaxar ao espazo exterior, ese soño que temos máis ou menos todos de subir a unha nave espacial e marchar. O que pasa é que despois, cando estás alí, ves que, en realidade, non hai comida, non podes respirar e vas morrer. Iso foi un pouco o que me pasou a min. Comecei a sentirme mal. Comecei a dar voltas en círculos. En todo, na miña vida en xeral. Illeime. Fundinme na miseria. Quería falar diso, pero non dun xeito tan tanxible e cru, senón doutra forma máis metafórica. Ocorréuseme o do espazo exterior e tirei por aí. O disco narra esa viaxe: primeiro, escapas ao espazo exterior, despois íllaste e caes en picado, chegan as ideas suicidas, despois daste conta do que está pasando e, finalmente, os dous últimos temas falan de como me sinto agora mesmo, cun optimismo moderado. O disco axudoume a sentirme menos só e gustaríame que axudase a sentirse menos sós aos demais. A verdade é que o escoito moito. Son as miñas cancións que máis escoito con moita diferenza. Pero non é que as escoite para recrearme senón que as escoito porque me reconfortan e me fan sentir ben. Que haxa persoas que se sintan identificadas con eses sentimentos e con esa narración é o que máis feliz me fai. Estou moi orgulloso, a verdade.

"Quizais xa só canto para non sufrir" di no Bolero. O poder da música.
Teño moitas ganas de tocar todas estas cancións en directo. O proceso de facelas no estudio é moito máis tedioso. Por moito que ti esteas vivindo a canción, estás enfocado en que quede ben. Por iso teño moitas ganas de cantarllas á xente. Aínda que tamén sei que vou morrer de ganas de chorar cando o faga, e sei que, dalgunha maneira, o vou pasar fatal. Fatal no sentido de que sei que vai ser moi catártico. Mencionas ese cachiño do Bolero. Foi o primeiro tema que fixen. E foi o que me convenceu do concepto. Porque é un xénero que ten esa capacidade de falar de cousas tristes, pero sen facerte sentir triste. Só che fai sentir melancolía, como unha tristeza cálida. Iso foi o que eu pensei: podo facer un álbum sobre a depresión, pero que non transmita que non hai saída, senón unha esperanza melancólica. Fágoo a través de todos eses estilos, o house, o bolero, o r&b, o soul, o techno... Falo de cousas tristes? Seguro. Pero penso que a esperanza impregna todas as cancións. Non te sentes derrotado por ningunha.

Que Berto inclúa un bolero no seu primeiro disco en solitario é unha sorpresa. Como tamén o é o recitado dese "epílogo" que é O rapaz do espello.
Como era un proxecto que fixen só, por primeira vez podía reflectir totalmente como vexo a música e a arte. Obviamente con Fer tiñamos un proxecto perfectamente definido, marcado por unhas ideas concretas. Quero dicir que concibimos Verto para sacar temazos, non para contar a nosa vida. En Viaxe ao espazo interior a liberdade era total. Podía facer o que me saíra das pelotas. Escribín o poema de O rapaz do espello e quixen metelo no álbum. Así que fixen unha canción que é como unha especie de bomba sonora. Métoche unha parte poética, logo outra parte instrumental, logo outra medio pop... Sumei todo o que me gusta e metino aí. Co Bolero pasou o mesmo. É un xénero que me encanta, así que fixen un. Este último ano que pasei moito tempo en Pontevedra, porque fixen aquí as prácticas da carreira, volvín un pouco tolos a meus pais porque pasaba o día escoitando boleros. Acabaron fartísimos de escoitar a Los Panchos. É un xénero que me ten acompañado moito na tristeza. Nos días nos que estaba moi chungo, sabía que polo menos tiña a Los Panchos comigo todas as tardes. Volvemos a ese poder que ten a música.

Xa dixo que tiña ganas de interpretar estes temas en directo. Vai haber logo concertos?
Non se pode dicir nin cando nin onde, pero vou presentar o disco nun sitio mítico da capital.

Non existe unha cultura de recoñecerlle o traballo aos produtores. Só no rap. Pois no mundo do pop, perdoa, pero debería ser o mesmo

O disco contén varias colaboracións, con Fer, de Verto; con Toni Martelo; con Hevi en Atmosfera...
Ese tema é a ansiedade. Así, directamente. Ti acabas de escoitalo e fas "ufffff, what?". Porque é saturante. Non te deixa respirar. Grazas a Hevi conseguín ese son. Collemos todos os cachivaches que ten el no estudio e empezamos a darlle a todo. Agradecereille eternamente que conseguiramos facer unha canción así, que para min reflicte perfectamente o que significa atoparte illado e sen osíxeno nun sitio. De feito nos primeiros momentos da canción escóitaseme como abafar un par de veces. Hai moitas cousas dese tipo agochadas polo disco, que metín como un cativo traste. Por exemplo, en Viaxe estelar hai como unha chea de estímulos, xusto antes do que sería esa chegada ao espazo. Esas dúas cancións son para min as que definen exactamente o desorientado que quedas cando caes neste tipo de problemas. Son probablemente os dous temas máis especiais do disco, os que mellor definen as sensacións polas que te ves envolto.

Mencionáballe o das colaboracións porque di que quería facer o disco só, pero tamén está acompañado.
Pero fixate na xente coa que traballei. Cando ti contratas a un produtor, o normal é que sexa o teu Umpa Lumpa. Que queres? Isto? Eu fágocho. Xa está. Eres un sintetizador de son, estás ao servizo de quen sexa para sintetizar o seu son. Volvamos a Atmosfera: para min é como expresarme a través de Hevi. Eu non a tería feito só. O Bolero, igual. Nel exprésome a través de Fer. Un bo produtor permíteche expresarte a través do seu canal. É como un túnel no que ti entras con todo e cando saes apareces noutra parte. Iso é o bonito e o marabilloso que teñen os produtores. E o pouco recoñecidos que están! Eu teño claro que sempre que traballe cun produtor aparecerá no título da canción. Isto levoume a ter mesmo unha pequena trifulca con Hevi, porque non quería aparecer no título da canción. Porque nunca o fai. Prodúcelle a Ortiga, a Boyanka Kostova, a Grande Amore, a Novedades Carminha... a toda esa xente, pero diso pouco se sabe. Porque non hai esa cultura de recoñecerlle o traballo, de recoñecer que ti tes ese son grazas a ese produtor. No mundo da música debiamos recoñecernos máis mutuamente e deixar de lado ese rollo da competitividade entre nós. En serio hai un tipo que é o responsable de todo o son do teu disco e como se nada? A min non me entra na cabeza. Os mesmos produtores teñen interiorizada esa alienación ata o punto de que xa che digo que Hevi non quería que o mencionara. Sabes quen os recoñece? C. Tangana. El sempre puxo a Alizzz nos seus temas. Hai que recoñecerllo. E sabes por que? Porque el vén da cultura do rap e do hip hop. Aí si que se fai. Eminem facíao con Dr. Dre, por exemplo. Facíalle a base e sempre aparecía no nome da canción. Así recoñecía que o beat era fundamental no tema. Pois se fas unha canción de pop, perdoa, pero éche o mesmo.

A vostede gustaríalle ser ese tipo de produtor, o que colle a un artista e lle axuda a canalizar a súa obra?
Mira, cando nós comezamos con Verto fixémolo porque vimos que a xente tendía a marchar a Madrid, a Barcelona ou a Granada para facer música, porque é onde podes entrar en contacto con discográficas ou produtores importantes. Digamos que aí é onde se pode establecer unha rede de contactos. O que queriamos Fer e máis eu é que a xente quixera quedar aquí, que se conformase unha especie de panorama musical galego que animase a ficar aquí e a triunfar. Este rollo de poñerme agora a producir a outras persoas está relacionada con iso, con confiar en que quedando aquí se poden facer cousas e gañar a vida.

A cultura pode cambiar moitas cousas. A sociedade pode e debe influír nas decisións políticas. Se a saúde mental segue manténdose en primeiro plano van ter que empezar a tomarse decisións ao respecto

A cantante británica Adele tivo os seus máis e os seus menos coa plataforma Spotify porque non quería que as cancións do seu disco 30 se escoitasen en modo aleatorio. As cancións de Viaxe ao espazo interior tampouco deberían escoitarse así.
Imaxínate empezar por Lentamente vai pasar. Que? Que vai pasar?. Non ten ningún sentido escoitalo así. O álbum titúlase viaxe porque é unha viaxe. Se realmente queres gozar o traballo e entendelo ben tes que comezar polo principio, rematar polo final e ir pasando por todas as fases. Unha canción explica a anterior, e esta a anterior, e esta a anterior... E así irte metendo dentro do disco, que é o bonito. Que tamén penso que ten a súa cousa e non está moi de moda sacar un álbum no que non hai ningún sinxelo e que está concibido para escoitar desta maneira. Algo valente si que fun en coller e chimparche isto así.

Tamén foi valente falando de problemas de saúde mental nun disco. Aínda que cada vez estes temas estean máis presentes no debate público e mesmo en contidos culturais. Este mesmo ano, o xornalista Anxo Lugilde publicou un libro, A vella compañeira, no que fala da súa experiencia coa depresión.
Todas as xornalistas me comentades o de Anxo Lugilde. No meu caso, eu sempre fun... como dicilo, moi notas. Quero dicir que hai que ter un tipo de personalidade concreta para pensar que a xente quere escoitar a túa historia ou que iso lle pode axudar a alguén. Eu confío moito na miña capacidade de expresión. Porque realmente é moi arriscado poñerte a facer un disco sobre unha depresión e que non che saia mal. É bastante fácil que acabe sendo un desastre e te pegues unha boa hostia. Pero eu tiven esta idea e tirei para adiante con ela. Recoñezo que son moi impulsivo: quero facer isto, bum, fágoo, sen pensalo tampouco demasiado. Para adiante e nada máis. Fíxate que llo ensinei á miña moza e xa vía a cara que poñía como dicindo "en serio vas sacar un disco sobre a depresión?". Con meus pais pasoume outro tanto. Todo o mundo tiña medo, menos eu. Eu pensaba, pois a min paréceme que vai saír todo guai e que a moita xente lle vai molar. Da saúde mental hai que falar. Eu teño moitos colegas que algunha vez na súa vida pensaron en se suicidar. E só mo contan a min porque pensan que os podo entender. Pois ao mellor é importante que todo o mundo poida falar destes temas tan serios. Porque por agora o habitual é que, cando no medio dunha conversa con amigos, alguén di que está fatal se xere un ambiente incómodo, todo o mundo cale ou se cambie de tema e quizais o que hai que facer é aprender a falar disto, preguntar que che pasa, cóntame. Eu que sei... Se se inicia unha conversa sobre todo isto a partir dun produto cultural como este disco, sería xenial. Xa digo, eu nunca tiven ningunha dúbida sobre facer isto por moito que me dixeron que me estaba arriscar moito ou que pasar de Verto a isto era moi raro... Pero tampouco son o primeiro. Billie Eilish xa o fixo. Ata Justin Bieber sacou un tema que se chama Lonely no que fala da fama e de como se sentiu cando era rapaz e todo o mundo se aproveitaba de el e non tiña amigos de verdade. Mira, eu creo que a cultura pode cambiar moitas cousas. Quero dicir que a cultura, a sociedade, pode, e debe, influír nas decisións políticas. Se a saúde mental segue manténdose en primeiro plano van ter que tomarse decisións políticas con respecto a iso, que nos beneficiarán a todos, que axudarán a facer unha sociedade mellor. Iso é o único importante: que se decida apostar por que a saúde mental sexa unha prioridade no sistema sanitario público. Porque eu estoume deixando unha pasta nunha terapia psicolóxica dende hai cinco ou seis anos. E non todo o mundo pode permitirse iso. Á fin e ao cabo, eu son un fulano de clase media que naceu en Pontevedra e estudou en Santiago de Compostela. Aquí estamos falando tamén dun problema de clase. Canta xente está na rúa con problemas de saúde mental graves? Iso non se ve nin se denuncia. Aquí estamos falando disto os privilexiados. A conversación tamén ten que ir por aí.

Comentarios