Bernardino Graña ou 'Dígocho eu', entre os galardoados nos Premios da Cultura Galega

Antón Pulido ou a Nova Galega de Danza foron outros dos premiados na edición deste ano
Anxo M. Lorenzo, Román Rodríguez e Susana López Abella, no fallo dos premios.XUNTA
photo_camera Anxo M. Lorenzo, Román Rodríguez e Susana López Abella, no fallo dos premios.XUNTA

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2021 seleccionou a Bernardino Graña, Antón Pulido ou á Nova Galega de Danza entre os galardoados neste certame que ten o fin de recoñecer a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural da comunidade.

O académico, poeta, narrador e articulista foi recoñecido na modalidade de Letras. Docente até xubilación, Graña colaborou con numerosas publicacións, faladoiros, prensa escrita, e impulsor do primeiro intento dun centro PEN Galicia con Eduardo Blanco Amor e Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros.

No campo das Artes Plásticas, o premio será para o pintor e gravador ourensán Antón Pulido, autor de mostras por todo o mundo (Shangai, Beijing, Seúl) e que desenvolveu posteriormente un papel como xestor cultural na dirección xeral de Cultura da Xunta a principios dos 90 e primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en 1994.

Así mesmo, recoñécese o papel de Nova Galega de Danza na sección de Artes Escénicas, entidade xurdida da man de Vicente Colomer e Jaime Pablo Díaz e da fusión da tradición folclórica de raíz galega coa danza contemporánea.

A pianista Natalia Lamas foi galardoada no ámbito da Música, pola súa traxectoria de prestixio internacional e actualmente presidenta da asociación de Amigos da Ópera da Coruña, a entidade lírica máis antiga de España nesta materia.

Na categoría Audiovisual, o xurado recoñeceu o papel de Zaza Ceballos, produtora, escritora, directora cinematográfica e unha das pioneiras do audiovisual en Galicia. Directora e produtora executiva de Zenith Televisión, Ceballos recibiu a Medalla Emilia Pardo Bazán 2021 polo seu labor centrado no recoñecemento á muller.

O programa Dígocho eu da CRTVG recibe o premio en Lingua pola súa exitosa iniciativa de resolución de dúbidas sobre o idioma e empregando, ademais, unha linguaxe comunicativo moderno que conecta co público de todas as idades.

PATRIMONIO E PROXECCIÓN. O galardón na modalidade de Patrimonio Cultural recae no Mosteiro de San Pedro de Rocas, probablemente o conxunto cenobítico máis antigo de Galicia e ser un singular exemplo de igrexa rupestre, escavada na roca viva na Ribeira Sacra.

Por último, o Premio Cultura Galega 2021 de Proxeción Exterior será para a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FSG), unha das máis importantes organizacións non mutualistas da emigración galega no devandito país e impulsora, entre outras iniciativas, da editorial Alborada. 

Comentarios