Berlai volve á casa para presentar o seu "Desconhecido" no Clavi de Lugo

O músico de Guntín e a súa banda actuarán esta noite co debuxante Ernesto G. Torterolo

Xiao Berlai. DANIEL CALLES
photo_camera Xiao Berlai. DANIEL CALLES

LUGO. Xiao Berlai xa tiña gana de presentar o seu primeiro disco en solitario, Desconhecido, en Lugo, xa que o xermolo deste traballo que viu a luz hai pouco máis dun ano esta nun Far West onde lindan os municipios de Portomarín, Lugo e Guntín. Cumprirá os seus anceios na noite deste venres (23.30 horas), no club Clavicémbalo da capital provincial.

Xiao Berlai, guntinés, compón en Desconhecido un álbum conceptual, inspirado na historia do seu tío avó Alfonso, que foi da casa de Berlai de Recelle, e que viviu e morreu en soidade ao non serlle permitido casar coa muller da que namorara. Foi de volta do tanatorio cando lle naceu ao sobriño neto a primeira canción de Desconhecido, unha historia de amor e tolemia que forma un todo cunha banda deseñada do debuxante Ernesto G. Torterolo.

No concerto desta noite, Xiao Berlai acompañarase da súa banda habitual, Pablo Pérez (baixo), Bruno Couceiro (batería) e Iago Mouriño (teclados). Tamén estará sobre o escenario Torterolo, que debuxará en directo. «Como é imposible integrar a banda deseñada completa en directo, Ernesto fará un debuxo cada dúas cancións», explica o músico.

O recital desta noite será especial para Berlai, xa que estará acompañado por varios dos seus familiares. «Estarán os meus tíos e tamén unha irmá de Alfonso. Só lle queda outra irmá, que é a miña avoa e ten un alzhéimer moi avanzado», explica.

Outro dos convidados da noite será o poeta, músico e contacontos Lois Pérez. Atopouse Berlai recoñecido nos poemas de Long Play de Pérez e chamouno. «El tamén versiona o himno galego, fala do Far West e atopei un verso do seu Ladyglosia Satisfaction que fala dun «chill ou en Berlai». Busqueino nas redes sociais, chameino, e faremos unha canción con ese poema», desvela.

Engade Xiao Berlai que tocará a mandolina nese Ladyglosia Satisfaction, «por iso de que soe country». E engade: «Que hai máis country ca Lugo?, retrucárame Lois Pérez cando llo contei».

Berlai, na súa lírica crúa e descarnada, de berzas de suburbio que nada teñen que ver cos hortos urbanos, atopa os referentes e a inspiración nesa periferia na que nace o «indie rururbano». Xa está a traballar nun proxecto que levará por nome Grolos, outro recuncho do seu Far West guntinés.

Comentarios