Berio Molina escoita como escribe as letras en 'Setras'

O artista fonsagradino presentou este libro, a medio camiño entre a poesía, arte de acción e arte sonora, na libraría Trama de Lugo

Un momento da presentación, en Trama. SEBAS SENANDE
photo_camera Un momento da presentación, en Trama. SEBAS SENANDE

O artista fonsagradino Berio Molina vén de gañar, xunto co debuxante vietnamita afincado nos Estados Unidos John Pham, a primeira edición do premio Puchi Award, convocado por La Casa Encendida de Madrid e a editorial Fulgencio Pimentel, co seu libro 'Setras', unha obra que este venres pola tarde presentou na libraría Trama de Lugo.

O xurado, composto por Manuel Borras (fundador de Pre-Textos) Nick Currie (cantante, compositor e escritor escocés máis coñecido como Momus), Mónica Carroquino (coordinadora de Cultura de La Casa Encendida) e Joana Carro (editora de Fulgencio Pimentel) seleccionaron as propostas gañadoras entre máis de 600 proxectos recibidos.

Puchi Award decidiu condecer de forma extraordinaria o premio especial do xurado a 'Setras', libro a medio camiño entre a poesía a arte de acción e arte sonora.

Un estudo sonoro do alfabeto galego desde a acción caligráfica que ten a capacidade de desenmascarar enganos producidos por unha excesiva delegación no sistema visual para aprehender a realidade.

Como sería a representación gráfica das letras? Que cualidades estéticas teñen as letras xusto no momento no que son escritas?

Berio Molina (A Fonsagrada, 1979) é licenciado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra pola especialidade de escultura. Estudou un máster en artes dixitais na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, así como outro máster en Computer Graphics Design no Rochester Institute of Tecnology de Nova York.

Actualmente está inmerso no proceso de montaxe do filme 7 limbos, que codirixe con Alexandre Cancelo.

Comentarios