Beramendi gana el Premio Nacional de Ensayo

Justo Beramendi (Foto: AGN)
photo_camera Justo Beramendi (Foto: AGN)

O catedrático de Historia Justo Beramendi vén de gañar o Premio Nacional de Ensayo concedido polo Ministerio de Cultura español co traballo De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Así o confirmaron fontes próximas ao galardoado.

Con esta mesma obra, publicada por Xerais, Beramendi acadou recentemente o Premio da Crítica de Galicia e o da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e foi recoñecido o pasado mes de maio co Pedrón de Ouro.

Un galego de Madrid
Nado en Madrid en 1941, Beramendi estudou Enxeñería Industrial na Universidade de Madrid e iniciouse na investigación da historia das ideoloxías e nas actividades políticas e culturais na Universidade de Barcelona.

En 1947 estableceuse en Galicia para desempeñar o posto de xerente da Comisión de Cultura e secretario técnico do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Axiña asumiu como propia a lingua galega e comprometeuse na loita política co Partido Socialista Galego. Cofundador do Museo do Pobo Galego e actual presidente da súa Xunta Reitora, participou na creación das revistas Negaciones, A Trabe de Ouro e Tempos Novos, foi vicerreitor da Universidade de Santiago e membro fundador da Fundación Castelao.

Especializado na historia das ideoloxías e dos nacionalismos, publicou entre outros libros e artigos de investigación, 'Miseria de la Economía', con E. Fioravanti, 'Vicente Risco no nacionalismo galego', 'Galicia e a historiografía', 'Manuel Murguía', 'Alfredo Brañas no rexionalismo galego', 'La historia política: algunos conceptos básicos', 'La España de los nacionalismos y las autonomías' con J.L. Granja e P. Anguera, e 'A Autonomía de Galicia'.

'De provincia a nación'
Nas máis de 1.200 páxinas de De provincia a nación, froito de máis de 25 anos de investigación, Beramendi recolle a historia do galeguismo político.

É unha investigación sistemática arredor dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII ata a actualidade.

O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes.

O nacionalismo no Estado
As maiores novidades da publicación son a reconstrución das estruturas das ideoloxías, a caracterización das bases sociais e a técnica aplicada para desvelar e cuantificar a fraude electoral na Segunda República.

Ademais, en paralelo coa historia central, vai trazando a da cuestión nacional en España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios do Estado español.

Isto unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego.

Comentarios