Benedicta Sánchez: "Apetéceme ir aos Goya porque son 'lilleira'"

A actriz do Corgo vive a súa asistencia aos premios do cinema español, que se entregan o sábado en Málaga, coa mesma naturalidade coa que pasea por Lugo nas horas previas á viaxe
Benedicta Sánchez, na tenda de Adolfo Domínguez en Lugo, a firma que a vestirá nos Goya. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Benedicta Sánchez, na tenda de Adolfo Domínguez en Lugo, a firma que a vestirá nos Goya. VICTORIA RODRÍGUEZ

"Todo o que quería de pequena era ir a Honolulú", conta Benedicta Sánchez, a protagonista da película de Oliver Laxe O que arde. "Gustábanme aquelas palmeiras, as praias, o sol,... souben delas pola primeira película que vin. Foi nun San Froilán, con 7 ou 8 anos".

O cinema vai levala o sábado a un escenario semellante, á cidade de Málaga, onde se entregan os premios Goya aos mellores actores e técnicos do cinema español por filmes do ano pasado. Benedicta figura na categoría de actriz revelación aos seus 84 anos.

O venres vai voar a Málaga "porque ten un ensaio para facer un gag con Andreu Buenafuente e Silvia Abril", apunta a filla da intérprete, Emma Karina Sánchez.

Ela ocúpase de guiar e acompañar á nai polo ámbito da interpretación e cercanías. Comezou cando a convenceu para que entrara nun grupo teatral ata que O que arde converteu a pausada rutina de Benedicta, unha muller que vive nunha casa con horta no seu Corgo natal, nunha axitación de atender un cóctel de entrevistas en medios, presentacións en salas de cine e continuos requerimentos de xente pola rúa.

A intérprete lucense fará unha intervención na gala dos premios xunto aos presentadores, Andreu Buenafuente e Silvia Abril

A actriz é cativa coma un paxaro e anda por Lugo a pasos breves, mirando para o chan coma algunhas aves. Non busca grans para comer, senón flores. Agáchase coa axilidade dun pardal para recollelas. É despistada. A cada dous metros hai alguén que lle sae ao paso para felicitala e desexarlle sorte nos premios Goya.

As respostas son sempre humildes. Usa dúas metáforas: a uns explícalles que ela é un ingrediente da sopa que preparou o chef Oliver e a outros que é "unicamente un ladrillo dunha construción".

No paseo polo centro fai unha parada na tenda de Adolfo Domínguez, a marca que a vestiu para ir a Cannes e agora a viste para Málaga. Sobre a roupa nada pode revelar. Estivo onte probándoa na sede de Domínguez en Ourense. O vestido ha responder á estirpe estética do deseñador: sinxeleza e predominio do negro.

No establecemento téxtil mira as propostas da primavera que florecerá nuns meses. Achégase ás prendas vermellas, que teñen tanta vitalidade coma ela. Míralles o prezo, non pode evitalo.

Benedicta préstase ás fotos con amabilidade. Soamente ten un reparo. Nunca abandona da man unha bolsa de plástico de supermercado. Emma Karina suxírelle que a bolsa non dará ben nas imaxes e ela acepta: "Non vai ser un bo cemento para o ladrillo". Pide que lle presten un bolso porque se sente incompleta.

A bolsa de plástico viaxará con ela a Málaga. Benedicta non sae da casa sen ela. Dentro leva "algo de comida e algo de roupa por se hai unha necesidade, e unha mochila por se hai compras". "Eu son 'lilleira', lixeira. Son vagabunda, son unha correcamiños; por iso me apetece ir aos Goya". A bolsa ten o lema "Vivamos como galegos". "Xa sei que non é chic, pero é a miña bolsa".

Comentarios