"Benedicta pediu que lle apagaramos as luces da habitación para ver o sol"

O lucense Ignacio Lázare, subdirector do hotel onde se hospedaron os nominados aos Goya, sinala que entre todas as estrelas que pasaron polo establecemento Benedicta deixou pegada

Ignacio Lázare xunto Benedicta Sánchez. EP

A 34 edición dos premios Goya deixa este ano unha doce resaca con varias das ansiadas estatuíñas en Galicia. Pero estes galardóns son moito máis que a gala que deixou enganchadas á pantalla miles de persoas. As anécdotas que aconteceron entre bambolinas son infinitas e se alguén as coñece ben é o lucense Ignacio Lázare, subdirector do hotel Barceló de Málaga. "Desde o venres houbo moitísimo movemento. Hospédaronse máis de 3.000 persoas en hoteis da cidade, e no noso quedaron case tódolos nominados", di Lázare, quen compartiu momentos con Luis Tosar, Oliver Laxe, Antonio Resines, Ara Malikian ou Benedicta Sánchez, que foi a estrela absoluta diante e detrás dos focos.

A súa personalidade única, a súa espontaneidade e a súa cautivadora forza namoraron a todo o mundo. "Foi a protagonista desde o primeiro momento, toda a xente, desde actores ata persoal do hotel, achegábase para coñecela, é excepcional", indica Lázare, quen sinala que a galardoada é "moi natural, cercana e cariñosa". "Chegou o venres e desde ese día tiven unha relación moi cercana con ela. É tal e como aparece en O que arde, verdadeiramente entrañable", indica o lucense, quen sinala que a palabra "nervios" non entra no dicionario da corguesa.

A única preocupación que tiña era que se lle daban a ela o premio as demais nominadas quedarían sen el

"Estivo moi tranquila en todo momento, a súa única preocupación era que se lle daban a ela o premio as outras nominadas quedarían sen el. Recordoume á miña avoa, a todas esas avoas galegas que antepoñen o benestar dos demais ao seu propio", engade.

A esencia de Benedicta quedou patente ademais na súa relación co persoal do hotel. "Amosábase moi agradecida por todo e quedou impresionada co almorzo bufé, dicíanos que a ela cunha peza de froita e un zume de laranxa xa lle chegaba". "O único que nos pediu foi que lle apagaramos as luces da habitación para poder ver entrar pola fiestra o sol de Málaga". Quizais Benedicta botaba de menos a natureza do seu querido O Corgo.

Foi a protagonista absoluta, recordoume a todas as avoas galegas que antepoñen o benestar dos demais ao seu propio

Antes da gala, nos corredores do hotel comentábase que a actriz revelación era unha das favoritas para gañar o premio, "pero ela tomábao con humor", indica o subdirector do establecemento, quen comenta que "sempre se amosou relaxada, só dicía que estaba cansa polo trafego da xornada. Foi un cambio importante deixar a súa vida diaria na aldea e acostumarse ao ir e vir da cidade".

Ignacio Lázare, natural de Lugo, leva desde finais do ano ano 2018 como responsable dun dos hoteis máis importantes de Málaga. Polo seu traballo está acostumado a tratar con clientes Vip, pero sinala que participar na organización dos premios Goya "foi algo moi forte". "Con só 25 anos estar dentro dun dos galardóns máis importantes do noso país é algo moi gratificante pesoal e profesionalmente, será algo que non esquecerei". Ao igual que a relación que entablou con Benedicta Sánchez, "unha persoa única que levarei para sempre no meu corazón", recalca.

Comentarios