Fran Sieira: "Baséome nunha copla dun avó con demencia"

Botou a adolescencia xunto a un maior con problemas mentais ao que non prestou atención. Agora trata de apagar ese escozor bailando para el en ‘Demente’, que se verá hoxe no auditorio Gustavo Freire de Lugo
Fran Sieira. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Fran Sieira. VICTORIA RODRÍGUEZ

No acceso ao conservatorio de danza de Lugo hai unha escaleira pechada. Un cartel pon Chan esvaradizo. A danza,como a mente, sempre foi un terreo inestable, unha profesión cargada de interrogantes. Fran Sieira (Ribeira, 1982) estudou Empresariais e un máster de Comercio Internacional, máis por tranquilizar aos seus pais que por convencemento.

Estuda cuarto de Danza Contemporánea en Lugo.
No baile tradicional non hai titulación. Estamos loitando para que haxa. Necesitamos o título para poder presentarnos a moitas convocatorias.

Pero vostede é profesional.
Hai seis anos que creei a miña compañía. Colaboraba con outras, coma Nova Galega de Danza, Quique Peón ou Galicia Século 21. Tiven a inquedanza de profesionalizarme. Fago as coreografías e dirixo.

Ten 41 anos. Pensou no momento de baixarse do escenario?
A danza tradicional e a contemporánea son menos esixentes fisicamente que a clásica. As pezas poden adaptarse a cada idade. Na danza hai unha discriminación por idade, pero penso que poderei aguantar dez anos máis. Tamén me gusta dirixir e crear. A coreografía de Demente é miña, aínda que a obra está dirixida por Carla Diego, que se estableceu en París.

Vostede quedou en Galicia.
Eu son máis de tradicional, por iso non marchei.

O seu interese polo tradicional tenque ver cos seus inicios?
Son dunha parroquia de Ribeira, Olveira. Viñeron dúas compoñentes de Leilía dar clases. Era a moda. Iamos todos os mozos porque era o xeito de mocear. Creamos o grupo Tahúme.

Daquela había estigmas de cara aos varóns danzantes.
Eu non notei que o baile estivese sexualizado cara ao varón. No instituto si que che faltaban ao respecto por bailar. Era a actividade extraescolar da parroquia. Tamén estiven en fútbol.

Gústalle?
Vexo o Mundial ou a Eurocopa, pero por socializar.

O fútbol é unha danza.
Tamén o vexo por estética.

Como foi a primeira clase de baile?
Encantoume. Foi un descubrimento. De neno non tiña o pelo loiro, senón case branco. Dirixía e sigo dirixindo aquel grupo. Doulles clases.

Hai canteira na súa parroquia?
Si. Nese grupo naceu Aida Tarrío, de Tanxugueiras. É de Ariño, unha parroquia cercana á miña. Fun o seu mestre.

O paso de Tanxugueiras polo Benidorm Fest aumentou as matrículas nas súas clases de baile tradicional?
Foi importante. Todo o mundo me pedía que lle ensinase o baile de ‘Terra’. Aida forma parte do elenco de Demente. Cando pode vir está connosco, pero agora ten moitas actuacións coas Tanxugueiras. Usamos a súa voz gravada no espectáculo. Se pode acudir fai parte en vivo. Aida Tarrío cantaba e bailaba na montaxe Entre soños, xunto con Xisco Feijóo. Demente é de 2021, cando estabamos saín do da pandemia do covid.

As Tanxugueiras chamárono para a coreografía de Terra.
Xa colaboraramos no vídeo da canción Midas, onde estabamos Artur Puga, que está no elenco de Demente; Xisco Feijóo, que fai de Midas, e máis eu. Quixemos levar o baile tradicional ao Benidorm Fest. Terra é un intento de amosar a nosa linguaxe, o noso folclore.

Deseñou un baile para esa canción que vai pegado ao tradicional.
Non me afasto do tradicional, pero tampouco bailo unha muiñeira ao uso. É un movemento corporal a través do baile tradicional. É bo saber de onde vés, coñecer a historia para conservar a identidade. A xente da danza debe coñecer o noso, o folclore, o baile, a idiosincrasia. Temos outro xeito de movernos, é vivo, cara a afora, aéreo. A xente de fóra dime: "Parece que flotas". É contraposto ao flamenco, que se baila para dentro.

En Demente fala das doenzas mentais.
En ‘Entre soños’ xa trataba os estados alterados de conciencia. Son unha persoa que dá moitas voltas á cabeza. Bótome a culpa cando pasa algo. En ‘Entre soños’ falaba das miñas inquedanzas cara a danza cando estudaba Comercio Internacional.

Fáleme dos seus remorsos de conciencia.
O meu avó materno padeceu demencia senil. Conviviamos. Eu era un adolescente e mirei para outro lado. El era tímido. Cando estaba encamado repetía todo o tempo unha letanía de prosas desvirtuadas. Cantaba coplas. Ven acá, vén acá... aparece na obra.

Para o seu avó as coplas eran de alegría ou angustia?
Eran un trance. Quedoume ese arrepentimento de que mirei para outro lado. Un primo meu tivo un accidente con vintepoucos anos. Quedoulle un problema mental. Eu pedíalle que se comportase con normalidade e non podes facer iso. Pensamos que a solución era contelo, como se tivese a culpa de algo.

Esta obra creouna na pandemia.
Tiña na cabeza o meu avó, o feito de non telo entendido. Falei con psiquiatras e con psicólogos, sobre cómo vían a saúde mental. Unha psiquiatra fíxome ver que estas persoas tamén teñen dereito a unha vida.. Non deben aparentar ser quen non son. O baile libera os corpos das cadeas psíquicas, é liberador. ‘Eu serei o tolo, cantade vós os cordos’.

Sinalábame o poder liberador da danza. Están aplicándoa en terapias mentais?
Fixemos funcións para colectivos de saúde mental. Foron das poucas persoas que entenderon unha escena na que estamos todos xuntos, como un amoreamento de masa; que é como o cerebro cando se move. Dicíanme: É como o meu cerebro cando vai para un lado e para outro.

Comentarios