A banda ‘Xosé Lois Romero e Aliboria’ lanza o seu primeiro disco o día 27

Este álbum de debut, que leva por título o nome da propia banda, achega novas fórmulas sonoras ao amplo conxunto de instrumentos que compoñen a tradición da percusión galega
Xosé Lois Romero e Aliboria
photo_camera Xosé Lois Romero e Aliboria

A banda Xosé Lois Romero e Aliboria lanzará o próximo 27 de maio o seu primeiro disco. O álbum, que se presenta levando por título o nome do propio grupo, chega un feixe de cantos tradicionais pasados polo filtro desta nova formación que pretende "provocar unha revolución no eido da percusión tradicional".

“Todos os instrumentos da música galega, comezando pola gaita, viviron unha incuestionable evolución, agás a percusión tradicional. Pretendemos que neste disco se amose un proxecto evolutivo que poida ser un revulsivo no ámbito musical”, sinala Xosé Lois Romero, músico e compositor coñecido por formar parte de grupos como Vaamonde, Lamas & Romero, Nova Galega de Danza ou aCadaCanto, xunto a Guadi Galego, Xabier Díaz e Guillerme Fernández.

O percusionista Xosé Lois Romero leva anos mergullado no proxecto Aliboria xunto a un grupo de 10 músicos xa consolidados no eido do folclore que atoparon en Romero novos camiños para seguir traballando, e que, tras anos de formación, dan un paso adiante para se converteren en compañeiros de grupo. Así, Alejandra Montero, María Montero, Andrea Montero, Mariana Montero, Cristina Sánchez, Ramón Dopico, Antonio Prado, Jorge García e Cristina Pico conforman Aliboria. Todos eles, na gravación do disco, mesturan a forza dos cantos enxebres con arranxos actuais que combinan instrumentos como as latas, tixolas, sachos, tarrañolas, tambores, pandeiras ou bombos.

E son só unha mostra da ampla instrumentación que se pode escoitar neste Xosé Lois Romero e Aliboria, álbum que achega unha rápida radiografía do amplo abano de posibilidades instrumentais que se dá no ámbito da percusión. “A percusión en Galicia é a máis rica de Europa. No país contamos cunha chea de instrumentos de percusión que están vivos, que se escoitan, que se usan e non hai que ir buscalos ao Museo do Pobo Galego”, sinala Romero sobre un corpo instrumental que se reinventa neste primeiro traballo discográfico da banda.

ORIXES E REPERTORIO. Aliboria naceu no seo das aulas de percusión que imparte Xosé Lois Romero. A banda colle o seu nome dun termo galego que fai referencia á extravangancia e á excentricidade, a todo aquilo que sae do común e que busca novas e inexploradas vías para se manifestar. 

Este primeiro disco da banda preséntasenos nun estoxo orixinal e cun deseño moi coidado no que o repertorio se divide en nove pistas, nas que se mesturan temas tradicionais individuais con outras a xeito de suites nas que se inclúen varias pezas tradicionais dun lugar concreto da xeografía galega.

Lugares como Toutón, Seixedos ou Gargamala, que son centros referenciais da recollida e da investigación da música tradicional galega. Así, no disco pódense tamén escoitar temas tan coñecidos como Olvídame ou Xota do Caroi pasados pola reinterpretación de Aliboria, na que se combinan as tímbricas de diversos instrumentos para crear novos patróns rítmicos

Este disco gravouse nunha, tamén, innovadora experiencia na Casa Gasamáns (Ames), durante unha fin de semana no mes de xaneiro, na que se alternaron sesións de gravación con pequenos concertos coa presenza de público convidado. 

Comentarios