Bal y Gay resucita coa gravación de toda a súa obra por vez primeira

A pianista Paula Ríos presentou o CD 'Vento de prata', un proxecto "de máis de tres anos" que conta tamén coa vocalista Eva Juárez
Paula Ríos, con Anxo Lorenzo no CGAC
photo_camera Paula Ríos, con Anxo Lorenzo no CGAC

Notas perdidas no océano da historia. Se dalgunha forma puidese definirse a lección de historia musical que impartiu a pianista Paula Ríos na mañá deste luns, esa sería a máis exacta. O Centro Galego de Arte Contemporánea converteuse en aula magna para acoller a historia olvidada do lugués Jesús Bal y Gay e a súa dona, Rosa García Ascot, un par de corcheas entrelazadas polas circunstancias da vida, tanto no profesional como no persoal. A súa música, inmortal, devolveunos finalmente á vida.

Esta é unha historia que comeza no presente para rematar no pasado. As súas liñas empezan coa inquedanza dunha moza por coñecer a súa cultura. Paula Ríos sente a necesidade de escoitar a Bal y Gay, pero descobre que iso é imposible; curiosa ironía que na era dixital un só atope silencio. É entón cando esa inquedanza se transforma en sorpresa: non existen partituras, nin del nin da súa esposa. Así que a pianista decide converterse en investigadora.

"Estiven moito tempo pensando onde podían estar", relatou a viguesa, pois boa parte dos tres anos que leva en pé este proxecto débense ás dificultades antes expostas. A solución? O arquivo da Residencia de Estudiantes de Madrid. Non é casualidade. O lugar onde se coñeceron estes dous referentes da cultura galega, onde medraron musical e sentimentalmente, tiña que ser tamén o lugar onde quedase rexistrada a súa vida, a súa obra.

Respecto a isto, o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, asegurou que tanto Ríos como a vocalista Eva Juárez -que colabora nalgunhas pezas- traballaron "duro" para lograr unha gravación que cualifica de "interesante" e "fundamental" para "achegar novos fitos" na cultura musical.

‘Vento de prata’ é o nome escollido para titular o conxunto. Vinte e oito pezas, partes dun todo que ve a luz por primeira vez. O nome procede dun poema que Lorca, grande amigo da parella, lle dedicou a García Ascot no día do seu aniversario. Para Ríos isto ten unha grande importancia. "Penso que alude non só á idade de prata desta gran xeración de artistas -a do 27-, senón tamén á vida nómade deste matrimonio", relatou de forma moi paixonal.

Ese dobre significado agocha moitas verdades da parella. Ambos os dous eran cultos, artistas consagrados e recoñecidos con numerosas amizades moi respectadas -Otero Pedrayo, Castelao e Buñuel, entre outros-, pero foron presos dunha guerra que os condeou á peor das penas: o exilio. "Isto é, sen dúbida, algo que afectou de forma clara á súa carreira como compositores", advertía a artista momentos antes de cambiar o micrófono polo piano.

‘Petit suite’, de García Ascot, foi a primeira peza en pasar polas súas privilexiadas mans. Unha armonía clásica, viva e dinámica entraba polo oído para quedarse na cabeza incluso horas despois de escoitala. O movemento que interpretou Ríos, ‘allegro’, pouco ou nada tiña que ver co que viría minutos depois.

‘Hojas de álbum’, de Bal y Gay, ten aires de balada; arrítmica no mellor sentido da palabra. É difícil atopar un calificativo que a defina, pero de decantarse por un, probablemente o más acertado sexa impredecible. As notas disonantes que rachan continuamente a melodía principal crean un grao de suspense que lembra lixeiramente ao Chopin más deprimente: aquel que, ao pouco de fuxir da Polonia natal antes da guerra, atopou refuxio nunha abadía cuxas paredes eran para el o máis horrible dos cárceres.

Comentarios