sábado. 24.08.2019 |
El tiempo
sábado. 24.08.2019
El tiempo

Baiuca: "O de que o 'tradi' está cheo de xente clásica e reacia é un mito"

Baiuca. EP
Baiuca. EP
Nos torreiros deste verán soarán as muiñeiras electrónicas de Baiuca, o proxecto de Álex Guillán que casa percusión e voz con sintetizadores acompañados dos vídeos de Adrián Canoura

GALICIA estivo tan chea de baiucas coma de cantos. Agora son tan poucas as tabernas nas aldeas coma a xente que se acorda das cantareas. Alejandro Guillán naceu nun lugar de Catoira que se chamaba A Baiuca. Tocou a gaita, fuxiu dela e, vivindo en Madrid, casou os samplers coas voces e as percusións do mundo tradicional. Esta aventura chámase Baiuca e, neste verán, recorre os torreiros xunto as octavas das Lilainas, os pandeiros de Aliboria e o audiovisual psicodélico de Adrián Canoura.

Cando naceu, a Baiuca da súa aldea estaba aberta?

Eu non a cheguei a coñecer, pero creo que nos 80 había si que había unha taberna. Apetecíame moito ter esa conexión con algo que tivera relación comigo.

Tocou a gaita e deixouna.

Toqueina ata os quince anos. Aí tiven o paso de deixar todo o que facía: clarinete, fútbol... Chegou o bacharelato e a universidade e abandonei o que facías antes. Sempre me quedaron as ganas de volver a introducir estes elementos nun contexto diferente. A gaita non a emprego porque é un instrumento con moita personalidae, é complicado.

A súa intención inicial era que a gaita fose o instrumento central.

Cando estaba na facultade intentei facer temas con ela. Anos despois dinme conta de que o que tiña que facer era deixala de lado e centrarme noutros elementos con outros matices como a percusión e as voces. A idea da gaita estábame bloqueando.

Projecto Trépia, Os Grú, Mercedes Peón, Pandoé... Hai numerosos intentos de casar a tradición coa electrónica en Galicia. Tomounos como referencia ou quería rachar con esa sonoridade?

O último é bastante significativo. Quería facer algo cun sonido diferente ao que xa había. Nunca tomei como referencia ningún proxecto. Estar fóra dun circuíto permíteche explorar máis. Non veño da electrónica nin do 'tradi', estou nun punto de partida sen ideas preconcibidas. O que fai Mercedes Peón non ten que ver co que fago eu.

Non veño do 'tradi' nin da electrónica, parto dnu punto sen ideas preconcibidas

Cando comezou Baiuca tiña a intención de que fose a electrónica a que guiase o camiño e acabou por ser ao revés.

Foi un proceso bonito. Coa música tradicional nunca traballara desta forma, deime conta de que tiña moita forza. Cada vez que metía algo tradicional tiña máis forza que o instrumento electrónico. E tamén é o que marca a esencia do proxecto, o que o fai diferente.

Un dos seus primeios temas, ‘Mozas’, parte dunha gravación a un home de Baralla, Xosé Abilleira, que xa fora versionada por Fanny & Alexander. Que ten unha melodía para resultar inspiradora?

Fanny & Alexander gustábanme moito, pero non coñecía a canción e é o mesmo sampler. O bonito é que eu non a escoitara e iso demostra que, cando hai un material bo, pódelle interesar moito á xente. Tamén é bonito que soe diferente un tema de outro.

Se Xosé Abilleira se escoitase, que diría?

Seguramente non soubera que é el. Pasoume con ‘Arrieiro’, que canta Xisco Feijóo. Cando lle pasei a canción, el non entendía o que lle comentaba. Dicía: "Pero quen é ese que canta?".

Como acolleu o seu proxecto a xente do tradi?

Tiña un certo medo de ver como podían reaccionar. Existe a idea de que é xente clásica, pero no meu caso a acollida foi positiva. Igual é un mito o de que o ‘tradi’ está cheo de xente reacia e temos que rachar coa idea de que é un mundo pechado.

Sorprendeulle algunha reacción nos concertos?

Nunca me deixan de sorprender as reaccións. Tamén as de outras xeracións, tanto máis maiores como máis pequenas. Sorpréndeme ver que podes encaixar algo con públicos tan diferentes.

Seus avós que dixeron?

Víronme cando estiven no Luar e gustoulles moito. Cando estaba con Álex Casanova non era unha música que lles gustara tanto.

Pensou en facer as súas propias recollidas de campo con persoas maiores?

Penseino, pero hai unha biblioteca enorme de gravacións. Houbo investigadores que fixeron cousas incribles e que merecen unha certa atención. De momento resúltame máis interesante que indagar eu.

Baiuca: "O de que o 'tradi' está cheo de xente clásica e reacia é...
Comentarios