viernes. 27.11.2020 |
El tiempo
viernes. 27.11.2020
El tiempo

Ayaso: "A miña obra nace da febre que case me mata con 9 anos"

Manuel Ayaso, este venres na galería La Catedral. SEBAS SENANDE
Manuel Ayaso, este venres na galería La Catedral. SEBAS SENANDE
O artista expón unha visión colorida da súa supervivencia ao padecemento en La Catedral

Manuel Ayaso (Aguiño, Ribeira; 1934) píntase coma un anxo, un anxo que berra de dor, un anxo católico coa cara comida por un monstro. O cadro chámase Ego sum, como a exposición que inaugurou onte na galería La Catedral 1 de Lugo. "Eu son ese", afirma estaricando un dedo debilmente cara ao cadro. Sofre, pero non nega unha oportunidade á esperanza. Hai unhas ás que o poden liberar do castigo. 

Ayaso leva 85 anos sobrevivindo. Superou unha fenda no pulmón e esquivou Corea. A tuberculose apodrecera o seu destino con 9 anos. O pulmón dereito era unha desfeita. A súa familia peregrinou de neumólogo en neumólogo e consultou de santo en santo. "Estiven nove meses na cama, sen poder ver os meus amigos. Lía os libros que me traía don Gregorio, o mestre, e copiaba debuxos de calendarios con cadros de Murillo. Tiña unhas febres moi altas e deliraba, dábame medo morrer. Deses meses nace a miña obra". 

As pezas que amosa en Lugo son representacións de demos fóra de si, bispos con rigor mortis, cruces discretas, touros que colgan extenuados de perchas, bufóns e vellas vestidas de loito. "A miña nai traballaba nunha fábrica, polo que foi a miña avoa quen me coidou cando estaba enfermo. Ela era quen cargaba comigo ao longo de cinco quilómetros para levarme ao bus". 

O mar e o teatro son os dous escenarios favoritos para ambientar os 37 acrílicos sobre táboa enteada que compoñen Ego sum. "O meu pai era mariñeiro. Emigrara a Estados Unidos en 1934, ao pouco de nacer eu, para poder aforrar e facer unha casa. Cando tiña 14 anos reclamounos porque se preguntaba que ía ser de min en Galicia. El traballaba na construción. Sempre me dicía que estudase, que non quería que traballase en nada de pico e pá. Os amigos dicíanlle: Artista? O teu fillo ha morrer de fame. O meu pai contestaba: Ha morrer, si; pero ha morrer feliz". 

Cando me chamaron para a guerra de Corea a muller do xeneral convenceu ao seu home de que eu tiña que pintar

En Nova Jersey estudou primaria e se decantou por recibir ensino artístico. "Conseguín unha bolsa pola que nos daban todo o material. Aínda conservo uns tubos de cores da marca Rembrandt. Están secos, pero son os mellores". 

Chegou a idade militar nos anos 50. "Nunca tiven que vestirme de soldado. Pintaba carteis para o Terceiro Exército. Cando me chamaron para ir á guerra de Corea, a muller do xeneral convenceu ao seu home para que me deixasen quedar, para que me dedicase a pintar". En Asia morreron milleiros de rapaces norteamericanos, outros regresaron mutilados ou tolos. Nesa volta estaba o artista de Ribeira. "Houbo unha festa de benvida. Construín pontes xaponesas e puxen decoración dese país". 

Despois virían logros máis altos. O artista de Ribeira coñeceu a felicidade de que che pechen a Quinta Avenida para que pasen carrozas deseñadas por ti. Foron varios días da hispanidade nos anos 60 e 70, cando os españois e os suramericanos paseaban o seu orgullo étnico polo centro de Nova York. 

Nesa mesma rúa viu a Dalí. "Estaba nun escaparate, vestido de astronauta nunha cama e Gala firmaba libros mentres el berraba: ¡Soy el único artista vivo en contacto directo con Leonardo da Vinci!". 

O creador que "era un personaxe". "Un día cadroume falar con el agardando a que abrise unha galería. Preguntoume pola miña arte e deume un consello: Tiene que pintar usted su tierra, pinte Galicia. Daquela, apareceron dúas mulleres moi ben vestidas e cambiou completamente. Empezou a actuar". 

Esa Galicia que retrataba era a Ribeira da súa infancia. "Cando lles cambiaba a vida ás rapazas ao cumprir 14 ou 15 anos dicíase que tiñan o mal cativo. Levábanas a praias como a da Lanzada para que o botase. Algunhas vomitaban bólas de pelo". 

A maiores de Dalí coñeceu a Antonio López. Puido comprarlle o famoso Lavabo y espejo en Nova York en 1974. "Tiña 15.000 dólares para a entrada dunha casa". A muller animouno a cambiar o destino dos cartos, "pero empecei a pensar que tiña dous fillos e non o comprei". López lo lamentó: "Es una pena que no lo compre usted porque es uno de mis cuadros favoritos". 

Manuel Ayaso inaugurou este venres a súa exposición máis sentida. "Tiña preparada outra, pero o meu fillo Joy morreu nun accidente de tráfico en marzo e decidín pintar o que me pedía sempre: Papá, tienes que pintar algo más alegre, con más color". A cor está presente, as figuras bailan na praia; pero Ego sum ten un fondo negro, de padecemente sen alivio posible.

Ayaso: "A miña obra nace da febre que case me mata con 9 anos"
Comentarios