Atopan en Lalín pezas funerarias da Idade de Ferro

Estrutura funeraria achada no Castro de Bendoiro e datada na Idade de Ferro (Foto: Consellería de Cultura)
photo_camera Estrutura funeraria achada no Castro de Bendoiro e datada na Idade de Ferro (Foto: Consellería de Cultura)

Os arqueólogos que traballan nas escavacións arredor do Castriño de Bendoiro, no concello pontevedrés de Lalín, atoparon novas pezas que os expertos dataron, nunha primeira análise, na Idade de Ferro.

Nos traballos arqueolóxicos que se realizan no ámbito do trazado da liña do AVE de Ourense a Santiago, os arqueólogos exhumaron dúas estruturas singulares no contorno do castro, ás que se lles atribúe unha función funeraria.

Á falta de estudos máis detallados, os expertos vinculan as pezas ao xacemento castrexo de Bendoiro e sitúanas na primeira Idade de Ferro. De estar no certo, os arqueólogos cren que o achado podería marcar un fito historiográfico na arqueoloxía galega.

Nestes posibles enterramentos, un deles formado por dúas gabias lineais, acháronse diversas pezas metálicas, segundo informou hoxe a Consellería de Cultura nun comunicado.

Tamén se localizou outra posible tumba de inhumación asociada a estruturas lineais na que non se atoparon restos óseos nin elementos arqueolóxicos asociados. A escavación desta área para realizar unha atribución cultural e cronolóxica máis precisa dos restos encontrados aínda está por completarse.

Comentarios