¡Hasta el año, Agroglamour!

Un ano máis Cans díxolle deica logo aos chimpi-buses, aos jalpóns-salas de proxección e ás estrelas do audiovisual galego. Ata dentro doutros doce meses.

A xornada de despedida desta xa sétima edición do Festival de Cine de Cans non puido ser máis redonda: caras famosas, concertos espectaculares, refrescantes cervexas e cine, sobre todo moito cine. De novo a xa famosa aldea do Porriño volveu a acadar récord de asistencia, que pode chegar ás 8.000 persoas nos catro días do certame.

Entre paseos en chimpín e alfombras vermellas cheas de batume, Luís Tosar, Iván Ferreiro ou Coque Malla, entre moitos outros, pasean pola aldea, toman cañas na praza da igrexa ou tocan en Jaliñeiros convertidos en perfectas salas de concerto. E é que en Cans todo é moi de andar pola casa.

'Torreiro de estrelas'
Se hai unha estrela galega que brila con especial intensidade esa a de Tosar, que a partir de agora xa ten un oco no 'Torreiro das Estrelas', o particular Hollywood Walk of Fame do cinema galego. A chegada do lucense foi aplaudida polos asistentes e converteu o momento nun dos fitos históricos do festival. Tosar dixo entón que a súa simpatía por Cans se debía a que significa "a verdadeira alternativa", porque aquí "todo é diferente ao resto dos festivales, e, este 'Torreiro das estrelas' donde todos poñemos pezuños, porque todos somos cans e cadelas, incluso supoño que é máis divertido que o paseo de Hollywood, aínda que eu nunca estiven alí".

O seu carón brila tamén a estrela de Ernesto Chao, premio Pedigree deste ano, que ao igual que o lucense recibiu o calor dos amantes do audiovisual.

Outro momento do día para recordar foi a presentación do proxecto audiovisual 'Picnic extraterrestre' de Iván Ferreiro que acabou derivando nunha pequena jam session xunto a Coque Malla dentro do jaliñeiro unplugged.

Premios
A iso das 23:30, co Torreiro e a N-120 de bote en bote foron entregados os premios. Un filme no que interven o ex xogador do Celta Fernando Rodilla gañou o premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción. A peza, do director Juanjo Giménez, conta a historia dun home que está nunha fase de desacougo e se empeña en cubrir un anaco do seu pasado completando o seu vello álbum de cromos de fútbol da tempada 1973/74.

Os veciños, que este ano estrearon o seu propio xurado, pemiaron á curta 'Padre modelo' de Alberto Marzoa e interpretada por Miguel de Lira. Unha señora veciña da aldea foi a encargada de dar o galardón que recolleron director e actor. A humilde entrega foi quizáis un dos momentos máis emotivos da noite.

A curta de animación 'A nena que tiña unha soa orella' de Álvaro León gañou o premio á mellor curta animada e o permio para a mellor actriz foi para Nuncy Valcárcel, por 'Coser e cantar'.

A recta final
Logo da entrega de galardóns un emocionado Alfonso Pato (principal impulsor do festival) despediu a sétima edición do festival e prometeu, para goce da xente que se apretaba na praza e nos camiños da aldea, que habería un oitavo Cans.

Inmediatamente despois o escenario foi ocupado por Luís Tosar e os seus mozos gafapasta que escolleron o festival porriñés para presentar o último traballo do seu grupo 'The Ellas'. A complicidade co público foi palable durante todo o concerto que rematou con músicos e espectadores movendose ao ritmo de 'Oye como va'.

Para os máis festeiros o polifacético Rober Bodegas continuou a troula cunha sesión DiscoChimpín, que puxo o punto final ao festival. Agora só queda esperar outros doce meses para volver a empaparse de cine, música e festa. ¡Que viva Cans!