sábado. 31.10.2020 |
El tiempo
sábado. 31.10.2020
El tiempo

Asociacións de profesionais da cultura esixen un "trato igualitario" e menos restricións

Cadeiras para o público nun concerto este verán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Cadeiras para o público nun concerto este verán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Piden unha reunión coas Consellerías de Cultura, Sanidade e a Dirección Xeral de Emerxencias para tratar a situación do sector e esixir "protocolos de actuación razoables e precisos"

As asociacións profesionais vinculadas ás artes escénicas, os festivais de cinema, a música e a xestión cultural denunciaron este mércores o "trato discriminatorio" que sofren por parte das autoridades con respecto a "outros sectores produtivos con máis capacidade de presión".

Oito asociacións profesionais vinculadas á cultura lamentan nun manifesto feito público este mércores que a "falta de claridade da normativa sanitaria aplicada", xunto coas restricións aplicadas en multitude de municipios para frear o avance do coronavirus está "dificultando enormemente a celebración de eventos nos espazos", o que traslada á cidadanía "unha mensaxe errónea de que a cultura non é segura".

Nesta liña, denuncian que se están "suspendendo espectáculos sen causa xustificada", razón pola que fan chamamento a todas as Administracións Públicas para que "sexan conscientes das gravísimas consecuencias que teñen as cancelacións e aprazamentos nun sector estratéxico" que emprega a 30.000 persoas e achega case o 3% do PIB galego. "Os responsables públicos deben dobrar os esforzos xa feitos e garantir a supervivencia de todo o ecosistema cultural", apuntan.

Neste contexto, as asociacións piden á Xunta que fixe "un único criterio claro e inequívoco de capacidade de espazos que non de lugar a malinterpretacións". Ademais, esixen que "se especifique con maior precisión a cabida dos teatros, cines, auditorios, circos de toldo e espazos similares"

En canto ás zonas con restriccións, defenden que o criterio para establecer a capacidade "ten que ser necesariamente unha porcentaxe da súa capacidade". "Queda fóra de toda lóxica que espazos con cabida de mil persoas persoas se vexan limitados a sesenta", apuntan.

Doutra banda, solicitan que se equiparen as salas de concertos privadas aos espectáculos en espazos pechados, "respectando as medidas que rexen para os teatros, o uso necesario de cadeiras e sempre nun horario que, contando o tempo de desaloxo da sala non supere nunca a unha da madrugada, tal como sucede cos restaurantes e outros establecementos de hostalaría".

Ademais, piden á Xunta que declare a cultura como ben de primeira necesidade.

"Queremos subliñar que a cultura é segura, que os espazos e os eventos seguen sendo espazos libres de contaxios", apuntan as asociacións de traballadores culturais, que solicitan unha reunión coas Consellerías de Cultura, Sanidade e a Dirección Xeral de Emerxencias para tratar a precaria situación que vive o sector.

Asociacións de profesionais da cultura esixen un "trato...
Comentarios