Así se gravou o 'Eu chorar chorei' de Ortiga e Pili Pampín

A versión do tema tradicional supera as 10.000 visualizacións en YouTube ► O videoclip foi dirixido polo cervense Xaime Miranda, e gravouse a comezos de ano
Pili Pampín e Ortiga. ÁLVARO ALVITE
photo_camera Pili Pampín e Ortiga. ÁLVARO ALVITE

"Foi moi guai facer isto, a verdade. E moi emocionante. Porque eu ademais nunca estivera alí dentro, así que imaxina", conta Ortiga sobre o videoclip da súa versión do tema tradicional Eu chorar chorei, que gravou a dúo con Pili Pampín, en cinco días, leva máis de 10.000 visualizacións na plataforma YouTube. 

Conta o músico compostelán, un dos principais renovadores da escena musical galega contemporánea, que a elección do espazo para a gravación do videoclip foi cousa do seu director: Xaime Miranda. "Sempre ten unhas ideas marabillosas e esta foi unha delas. Escoitou a canción e dixo imos facer así, así e así. Contestamos a todo que si convencidísimos dende o primeiro momento e aí está".

Xaime Miranda é un dos máis destacados realizadores de videoclips de Galicia na actualidade. O de Cervo (Lugo) ten traballado con Heredeiros da Crus, Xoel López, Grande Amore, Carolina Rubirosa e Pablo Lesuit, entre outros, e ten gañado dous premios Mestre Mateo, ademais de ter recibido recoñecementos no Festival de Cans e no Festival de Cine de Ourense. Con Ortiga xa traballara anteriormente tanto no seu proxecto en solitario como, sobre todo, con Boyanka Kostova, o proxecto de trap que o músico ten a medias con Cibrán García. "Como vimos tendo bastante relación creo que xa sei máis ou menos o que lle presta e o que non a Ortiga, como é o seu universo", conta Miranda, que tamén explica que, de primeiras, o artista é difícil de clasificar.

"Precisamente é que escapa de calquera etiqueta", di. "Pero eu diría que a Ortiga o que o define é o feito de saber capturar moi ben a esencia da festa galega e de saber facelo dunha forma diferente, tocando distintos paus, mesturando influencias latinas con temas tradicionais, como é este o caso. E, por enriba, ten a capacidade de facer todo iso dunha maneira moi fresca".

Miranda explica que dende que o artista lle pasou a canción imaxinouno a el e a Pili Pampín interpretándoo nunha sala de baile. "Era un espacio estético no que me parecía que encaixaban moi ben os dous. Podía ser tamén unha verbena cunha orquestra, pero de primeiras pensei nun espazo deste tipo, grande, con pista de baile, con luces...".

Parella de baile. Cos artistas de acordo, só lle quedou engadir un último detalle: unha parella de baile de salón. "Foi unha das primeiras cousas nas que tamén pensei cando oín o tema. É unha canción con moito ritmo e gustábame iso de darlle aínda máis dinamismo cunha parella bailando". Os escollidos foron David e Jéssica, gañadores de distintos premios en competicións nacionais e internacionais, da escola Un paso adelante, de Narón (A Coruña).

Ortiga: "Foi moi guai e moi emocionante, porque ademais eu nunca estivera alí dentro, así que imaxina"

"Non sei se Xaime Miranda é o mellor realizador de videoclips de Galicia, pero un dos mellores é seguro", volve falar Ortiga, que di que, á parte de poñelo todo moi fácil á hora de traballar, "o resultado con el sempre é boísimo".

O artista conta que este dúo con Pili Pampín naceu o pasado Nadal, cando o programa Luar da Televisión de Galicia lles propuxo que actuaran xuntos no especial de fin de ano. "Despois da colaboración que fixeramos Boyanka Kostova con ela no Land Rober, tiñamos ganas de volver facer algo xuntos. Así que a idea xa estaba no aire. Cando nos chamaron do Luar, como non tiñamos moito tempo, decidimos tirar dun tema tradicional que nos gustase aos dous e así xa tiñamos bastante camiño andado. A min este tema sempre me gustou moito. Ademais Manu Chao tamén fai unha versión. Propúxenllo a Pili e ela dixo que perfecto".

En directo interpretarana xuntos o 6 de maio na sala Capitol.

Comentarios