Aser Álvarez: "A Ricardo Carballo Calero teríalle gustado ser músico"

O realizador dirixiu un documental no que persoeiros falan sobre o homenaxeado nas Letras Galegas a través de palabras que o definen
Aser Álvarez. EP
photo_camera Aser Álvarez.

Aser Álvarez (Bande, 1976) apunta que a Ricardo Carballo Calero, figura das Letras Galegas que se celebran o domingo, gustáballe moito a música. De neno gozaba cando os pais o levaban ao Teatro Jofre de Ferrol e de adulto cantaba ópera e zarzuela cando se atopaba festexando entre os máis íntimos. O director explica que lle "tería gustado ser músico, pero dedicouse á palabra por falta de formación".

A entrega de Carballo á palabra foi unha consagración vital porque viviu de usala como profesor, e tamén a usou para investigar, dar conferencia, e para escribir ensaios, gramáticas, novelas, poesías e pezas teatrais.

Logo de que a Associaçom Galega da Língua (Agal) lle encargase un documental para dar a coñecer o ideólogo fundamental do reintegracionismo entre os rapaces, o director sentou unha base na palabra. "É difícil facer unha biografía dunha persoa, sobre todo dunha persoa que traballou todos os xéneros literarios, que parece ser máis dunha persoa, porque a súa obra é inabarcable", recoñece.

De Carballo a Carvalho é un percorrido de media hora pola vida e obra do homenaxeado nas Letras construído a base de comentarios de persoas que o trataron e/ou de especialistas no que cada un escolle unha palabra para definilo.

"Empezamos a gravar antes do confinamento, polo que puidemos usar o escritorio e a cadeira que usaba el e que está na bilioteca do Parlamento galego". Unha quincena de persoas escribe unha palabra na máquina que usaba Carballo Calero e fai un comentario. Todas esas intervencións de expertos como Darío Villanueva, Araceli Herrero ou Pilar García Negro "forman un mural" deste persoeiro que foi "un sobrevivente e un resistente que mantivo intacto o compromiso co país e coa escritura da república, a pesar dos golpes", polo que o realizador subliña "a súa capacidade de resistencia, loita e traballo".

Os interviñentes tiveron liberdade para escoller as palabras que usaban no documental, polo que se repiten algunhas. Destacan "compromiso" e "independencia", pero tamén aparecen "seriedade", "rigor" ou "honestidade".

Aser Álvarez bota en falta outras como "pioneiro" ou "vangarda", dado que "foi o primeiro en facer moitas cousas, como participar no anteproxecto de estatuto, ser pioneiro entre os avogados da República, redactar a novela galega despois da guerra".

O resultado verase este venres ás 23.00 horas na Galega 2.

Comentarios