O artista Berio Molina Quiroga, natural da Fonsagrada, foi declarado onte gañador do XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo, que convoca a Deputación Provincial da Coruña, coa súa obra Erre melón.
O xurado deste certame, segundo informou no seu nome a institución provincial, escolleu por unanimidade a obra do artista lucense de entre as finalistas, que foron seleccionadas do total das presentadas a esta nova edición do certame.
Trátase dunha peza en vídeo na que se investiga sobre a linguaxe e os problemas de comunicación que se xeran no mundo actual, "introducíndose nos procesos de aprendizaxe da linguaxe e da incapacidade da sociedade para dar cabida ás formas de comunicación que se sitúan fóra do normativizado".
O tribunal destacou o traballo dun creador "único" no panorama galego e tamén a nivel estatal. Ademais, resaltou a súa "coherencia, singularidade e capacidade de adaptación" á hora de traballar en diferentes contextos e procesos.