'Artesanía de Galicia': El valor de una idea hecha a mano

Nin lle caeu unha mazá na cabeza nin vai pasar á historia por enunciar a Lei da gravidade. Pero José Luis Latas, ou Lis Latas, como o coñecen no mundo do folk, ten algo en común con Newton: a casualidade tamén chamou á súa porta no momento xusto.

Latas acaba de gañar o Premio Artesanía de Galicia polo seu ‘punteiro afinable’, unha peza ansiada por todos os gaiteiros que permite regular a afinación dunha maneira moito máis precisa ca coa palleta tradicional. A obra é o resultado de oito anos de probas e cálculos. Unha investigación que comezou... de casualidade.

Lis Latas traballa coas mans dende mozo. Constrúe instrumentos musicais nun obradoiro da súa propiedade e no que lle axuda un coñecido gaiteiro, Pepe Vaamonde, pai da agrupación de sons tradicionais PVG (Pepe Vaamonde Grupo). Os músicos que acudían ó obradoiro “queixábase seguido de que a palleta das gaitas debería ser máis estable, para dar amplitude de afinación de xeito rápido e preciso”. Pero nin se lle ocorría como facelo, nin tiña claro que a afinación dependese unicamente desa peza.

Un bo día, mentres amañaba un punteiro fixo, dos de toda a vida, este caeulle ó chan e rompeu pola metade. Ó recollelo, Latas soprou por el e, para a súa sorpresa, decatouse de que, aínda roto, seguía soando. Entón decidiu pegalo e gardalo no obradoiro como recordo. Pero mentres o pegaba pensou que, se cadra, os vellos problemas que o frío e a calor supuñan para a afinación, e que tantas dores de cabeza lle levaban dado ós profesionais da gaita, atopaba solución se o punteiro se dividise en partes.

Comentoulle a idea a Vaamonde, pero non o convenceu ata que no 2002 lanzou a primeira patente do punteiro afinable. Entón conseguiu demostrarlle que tiña razón. Dende aquela desenvolveron xuntos as investigacións para perfeccionar esa peza da gaita e facerlles máis doado o traballo ós gaiteiros galegos. Por iso, hoxe Lis Latas non ten ningún reparo á hora de recoñecer que, aínda que o gañador material do Artesanía de Galicia é el, “o premio é dos dous (del e máis de Pepe Vaamonde), porque era imposible que un artesán conseguise facelo sen a colaboración dun músico”.

Adeus ós problemas de afinación
O froito do seu traballo veu a romper definitivamente cos desaxustes na afinación da gaita. Unha peza constituída en cinco partes que permite que un punteiro estea totalmente afinado a calquera temperatura.

A obra foi definida polo xurado coma unha das iconas máis senlleiras da tradición musical galega. Ademais da casualidade, detrás do punteiro de Latas e Vaamonde están oito anos de investigación e o recoñecemento que lle outorgan gaiteiros coma Budiño, Iván Costas ou o grupo Berrogüeto. As súas gaitas levan incorporada xa a peza coa que artesán e músico se presentaron ó certame, que se estreaba este ano. Foron os mellores entre os cinco finalistas e, pese a que Lis Latas recoñece que se lle pasou pola cabeza o de gañar (“que para iso te presentas”), asegura que a competencia era dura.

A obra pode mercarse nas tendas por algo máis de 500 euros, e os seus creadores recibiron da Consellería de Innovación un belisco de 10.000 euros. Latas non dubida ao explicar a onde irán parar: “Pepe mercará instrumentos, e eu empregareinos no obradoiro”. Pero tamén ten claro que o importante de recibir o Artesanía de Galicia é, sobre todo, o prestixio. “O feito de que fose o primeiro ano que se convocaba e de telo recibido supón moito máis que os cartos”, matiza. Aínda así, toda axuda se agradece e estes dous lucenses xa presentaron a súa obra ó Premio Nacional de Artesanía, convocado a nivel estatal.

Pero nos Premios Artesanía de Galicia había outras dúas categorías: a de Innovación, que ficou deserta, e a de Novos Creadores, que recaeu en ‘Transportiños’ unha peza parida grazas ao reto dun vello canteiro. A historia cóntaa o seu creador, o tamén lucense David Soengas. Ten 31 anos e defínese a si mesmo coma un “mercenario do volume”.

Na compaña doutra xente, vén de mergullarse na andaina de poñer en marcha un obradoiro de artesanía, A Palleira. Nel contrúese calquera peza que o cliente encargue, o que sexa, “o que outros non se atreven a facer”. E sempre en tres dimensións. Pero David non é novo no oficio. Levaba xa moitos anos traballando con canteiros que loaban o seu bo facer e as ideas que era quen de arrancarlle ós croios.

Das pedras naceu ‘Transportiños’, unha orixinal proposta de pezas decorativas con forma de vehículos a pequena escala. Hai un camión, un autobús e ata unha grúa. Pero o primeiro compoñente foi un coche, e naceu hai 14 anos. David traballaba cun grupo de canteiros da vella escola que non daban creto ao que o mozo era quen de facer coas mans. Pensando no seu orgullo, retárono a que tallase un coche en pedra.

E perderon. Aquela idea serviulle de base para crear a gama de pezas que presentou, e coa que gañou, o Novos Creadores. “Non teñen ningunha pretensión artística, senón un fin decorativo en clave de humor”, di David, quen lembra que botar man do granito e dunha técnica tan asentada coma a da canteiría “xa identifican a Galicia”. O mesmo pensou o xurado, que escolleu a súa obra por ser unha homenaxe a un material cunha presencia fundamental na tradición cultural do país.

Na procura da profesionalización
Así as cousas, a primeira edición dos Premios Artesanía de Galicia xa ten gañadores: dous lucenses que elixiron o traballo coas mans como medio de vida. As pezas que crean un e outro nada teñen que ver: mentres David Soengas busca unha finalidade estética, todo o que faga Lis Latas, ademais de entrar polo ollo, ten que soar. Aínda que ambos teñen claro que se pode vivir da artesanía (“igual ca das vacas”, recalca David), recoñecen que falta por dar un paso de xigante: o da profesionalización.

É preciso romper coa idea de que un artesán é un home altruísta, que viste con gorro e que vive case en anarquía. “Os artesáns non teñen que ser hippies”, sentenza. Os novos profesionais da artesanía chegan con outro concepto de negocio baixo o brazo, o do ‘low cost’, deseños sinxelos e a prezos asequibles. “Non se busca un nome, senón facer cousas rendables”.

O punteiro afinable de Latas xa está nas tendas. Aos ‘Transportiños’ quédalle aínda unha presentación en sociedade que, visto o éxito colleitado, chegará pronto. Polo de agora, David Soengas debullará os 4.000 euros do premio “nas vacacións que non pensaba ter”. Quizais Lis Latas e máis el se vexan de novo as caras na segunda edición dos Artesanía de Galicia, uns premios que naceron para estimular o labor de creación dos artesáns galegos, e recoñecerlles a un tempo a súa traxectoria profesional.

Comentarios