A arqueoloxía subacuática terá o seu propio centro de interpretación

Un parque adicado á arqueoloxía subacuática será o quinto elemento clave da futura rede galega de patrimonio arqueolóxico, engadíndose ós outros catro centros que a Consellería de Cultura repartirá polas provincias da comunidade. Terá como obxectivo protexer o patrimonio cultural somerxido que se atopa fronte ás costas de Galicia e que nos últimos anos sufriu varios casos de espolio.

O novo parque sumarase ó de arte rupestre, en Campo Lameiro (Pontevedra), o de cultura castrexa, en San Cibrao de Las (Ourense), o do mundo romano, na cidade de Lugo, e o do megalitismo na Costa da Morte, que se atopan en diversas fases de execución. Nos dous primeiros iniciaranse as obras de construción dos correspondentes centros de interpretación este mesmo ano, e estarán en funcionamento en 2009. Este novo centro estará vinculado ó Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde se construirá un edificio anexo.

A intención do departamento de Cultura é que a nova rede de parques funcione como "motor de desenvolvemento económico" en base á súa atracción turística. Esta mesma semana adxudicaranse as obras do centro de interpretación do situado en Campo Lameiro e dentro deste ano comezarán as de San Cibrao de Las. Con respecto ó do mundo galaico-romano en Lugo, Bugallo advertiu de que se o concello non facilita outra ubicación, o centro de romanización estará nas instalacións da Xunta no centro da cidade.

Evitar os espolios
Estas medidas buscarán evitar casos de espolio como os acontecidos o pasado mes de maio, cando desapareceron varios lingotes de chumbo e a roda dun canón pertencentes ós restos dun buque do século XVI afundido na costa de Corcubión. Este mesmo mes, a fiscalía de Vigo abriu dilixencias informativas sobre o posible saqueo do galeón Santo Cristo de Maracaibo, afundido nas illas Cíes na batalla de Rande de 1702, que foron posteriormente arquivadas.

A realización do inventario inicial, que permitirá determinar a localización dos posibles restos, levará máis dun ano o que permitirá tomar medidas para a protección deste tipo de bens.

Comentarios