'O que arde' leva 6 Mestre Mateo e 'Hierro' gaña 4 nun paseo do cinema lucense

A maiores dos éxitos de Oliver Laxe e Coira, premiouse na provincia á actriz María Vázquez e os directores David Fidalgo e Xaime Miranda
2020030800325177937
photo_camera Amador Arias, Benedicta Sánchez e Oliver Laxe. EP

O que arde venceu nos XVIII Mestre Mateo con seis galardóns, entre eles mellor longametraxe e mellor dirección para o director con orixes lucenses Oliver Laxe. A terceira longametraxe de Laxe impúxose en seis das doce categorías nas que optaba a premio. Os académicos tamén recoñeceron a dirección de arte de Samuel Lema e Curru Garabal, o traballo na dirección de fotografía de Mauro Herce, a montaxe de Cristóbal Fernández e o son de David Machado, Amanda Villavieja , Sergio Silva e Xavi Souto.

Os irmáns Jorge e Pepe Coira viron recoñecido o seu traballo en Hierro con catro estatuíñas. A serie acadou o galardón de mellor serie de televisión. A maiores, levaron as de mellor dirección de produción para Ana Míguez; mellor guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Coral Cruz e Carlos Portela, e mellor música Orixinal para as composicións de Elba Fernández e Xavi Font. Pepe Coira indicou que "o premio non é so para os que asinan o guión, senón tamén para os que están tras a idea e os asesores"

A maior decepción foi para o equipo de Quien a hierro mata, de Paco Plaza, que partía como favorita con quince candidaturas e quedou en tres premios: mellor actor de reparto para Xan Cejudo, e mellor actriz de reparto para a carballedense María Vázquez. A intérprete dixo que "foi un regalo, foi facilísimo" traballar no filme.

Da adaptación para a pantalla grande do éxito teatral da compañía Chévere Eroski Paraíso, dirixida por Jorge Coira, foron recoñecidos os seus intérpretes principais: Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, nas categorías de actor e actriz protagonista.

Dous galardóns obtivo Segredos, desmontando Galicia, que foron mellor programa de televisión e mellor realización para Marcos Barrios Carreira.

Manoliño Nguema, producido por Filmika Galaika, gañou o premio ao mellor documental mentres que Antes de perder, de RTVE e Cósmica Producións, se fixo co premio á mellor serie web. 16 de decembro, dirixida por Álvaro Gago, conquistou o de mellor curtametraxe de imaxe real e Homomaquia do lucense David Fidalgo Omil, o de mellor curtametraxe de animación. Fidalgo compareceu cunha camiseta de Chayanne como cantante de Torero para protestar contra la tauromaquia.

Esquimales (Heredeiros da Crus) do mariñán Xaime Miranda foi premio ao mellor videoclip.

O traballo de María Fandiño en Lobos e cordeiros acadou o premio á mellor vestiario, mentres que Lucía Regueiro obtivo o premio de mellor comunicadora polo seu traballo en Bamboleo.

Ademais de premiar aos profesionais e producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra Fernando Rey, que este ano foi para o proxeccionista do Centro Galicia de Artes da Imaxe José María Rodríguez Armada, Chema.

Comentarios