martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

Araceli Gonda: "Hai ganas de saír do cine cun sorriso e non levar máis amarguras para a casa"

DAVID FACULTADE DE CIENCIAS SOCIAIS: fotos para entrevista de Araceli Gonda (guionista de Cunados e Hierro) + primeira sesion de Augal cos guionistas de Hierro, Araceli Gonda e Pepe Coira, martes, 11 may · 16:00–16:00
Araceli Gonda. DAVID FREIRE
Co bo humor e co viño do Ribeiro como bandeiras, 'Cuñados' converteuse no máis recente fenómeno de éxito do cine galego. Vén de superar un mes nas salas. Unha das súas guionistas é Araceli Gonda, que inaugurou Augal falando doutro dos seus traballos máis recoñecidos, 'Hierro'

Guionista curtida en series da Televisión de Galicia como Padre Casares ou Luci, o recoñecemento xeral chegoulle cun thriller, Hierro, a serie de Movistar que centra Augal este ano. Araceli Gonda (Morgadáns, Gondomar, 1976) e Pepe Coira inauguraron este martes, en Pontevedra, estas Masterclass do Audiovisual Galego, mentres outro dos seus éxitos, Cuñados, segue nos cines.

Que supuxo para vostede escribir o guión da serie Hierro?
Significou seguir co que estabamos a facer, pero noutro escenario, fóra de Galicia e para fóra de Galicia. Para min supuxo a posibilidade de seguir traballando en familia: literalmente, porque o director [Jorge Coira] é o meu home e o creador e guionista principal [Pepe Coira] é o meu cuñado, e simbolicamente,  porque  dun tempo a esta parte este equipo está traballando sempre xunto e con Portocabo. A nivel práctico non significou máis que calquera outro proxecto no que tratas de construír un guión a partir dos elementos dunha historia, escribindo o mellor que sabes.

Vostede e Pepe Coira inauguran Augal na Facultade de Ciencias Sociais. Animarán ao alumnado a adicarse ao audiovisual galego?
Eu pódolles falar de atopar o teu lugar neste mundo, que pode ser complicado e que conleva unhas grandes doses de frustración. É algo que aprendes rapidiño. Se isto é o que queren, que o intenten, pero que teñan claro que lles ten que gustar moito porque, se non, non lles vai compensar o esforzo que require. E hai que ter moi claro que non sempre van poder escribir as historias que queren, pero os bos momentos do oficio  compénsano.

"Necesitamos empezar a contar historias dende o punto de vista das mulleres. É un camiño que temos por diante"

A produtora Teresa Fernández-Valdés (Bambú) dixo hai poucos días en Pontevedra que as plataformas chegaron ao audiovisual español para rachar coas regras do xogo. Hierro precisamente é unha serie dunha plataforma.
Si que presentaron un novo escenario á hora de facer series. De feito, Movistar foi a salvadora de Hierro, que estaba nun caixón. E si que é verdade que había un camiño xa moi trallado nas televisións xeralistas. As plataformas apostaron por deixar contar historias dende outro punto de vista e con outras expectativas. É algo que lle hai que agradecer. Para os creadores foi un sopro de aire fresco. Isto non significa que se poidan facer todas as marcianadas que se che ocorran, pero si se abriron outras vías.

Como é a súa experiencia como muller dentro da industria audiovisual? Seguen botándose en falta máis directoras, técnicas, etc.?
Eu nunca me sentín diferente, nin para ben nin para mal, polo feito de ser unha guionista muller. Logo, postos a analizar as cousas dende fóra, pensas se puido estar relacionado co traballo que me foron dando. Eu basicamente escribín comedia. Para thriller non me chamaron tanto. Por exemplo, non cheguei a escribir nunca un capítulo de Matalobos e nunca acabei de ter claro se era porque estaba liada con outro proxecto ou porque pensaban que para thriller non valía. En calquera caso si que é verdade que somos menos mulleres en moitos postos: guión, dirección... En produción quizais é onde o número estea más axustado. Todo iso nótase. Necesitamos contar historias dende o punto de vista das mulleres. Porque cando eres unha guionista muller nun proxecto de homes acabas adoptando o seu punto de vista. E é necesario empezar a contar o mundo dende o punto de vista das mulleres. É un camiño que temos por diante.

Pero non é igual ir ver unha película que se titula Cuñados escrita só por homes a unha cun guión no que participa unha muller.
Fíxate que eu sempre fun moi defensora dese título! Pero se a peli non ten nada que ver con ese lugar no que te sitúa, ese lugar de chiste fácil e chascarrillo, non é porque a escribira eu, é porque en ningún momento se pensou dende aí. De feito, os actores estaban moi en contra deste título. O produtor zanxou as discusións dicindo: se se vos ocorre un mellor, cámbiase. E non, non se nos ocorreu.

A película converteuse nun pequeno éxito. O escritor Diego Ameixeiras resumiu o sentir de moita xente dicindo que lle gustaría quedar a vivir en Cuñados. Hai máis necesidade de rir que nunca?
A min ségueme sorprendendo a acollida de Cuñados, entre outras cousas, porque non a esperaba. Quizais é iso que dis: necesitamos rir e desconectar un pouco da situación que levamos vivindo máis dun ano; necesitamos ver historias que falen de xente coa que nos podemos identificar, incluso máis desgrazada ca nós, pero que dalgunha forma se pode redimir. Penso que todos temos ganas de saír do cine cun sorriso e non levar máis amarguras para a casa. 

Araceli Gonda: "Hai ganas de saír do cine cun sorriso e non levar...
Comentarios