Aparece un manuscrito en coiro duns 500 anos nunha casa da Fonsagrada

Estaba sobre un armario, envolto en papel de xornal. Descoñécese o contido porque aínda non foi descifrado
Pergameo localizado na Fonsagrada
photo_camera Pergameo localizado na Fonsagrada

Dicir que A Fonsagrada esconde tesouros non é novidade, pero aínda que sexa sabida a riqueza desta terra non deixa de sorprender cando nalgún recuncho aparece unha xoia da natureza, da arte, da historia. O último descubrimento foi un pergameo localizado nunha casa particular e que os seus propietarios estiman que pode ter máis de 500 anos.

O documento aínda non foi descifrado. Está escrito a man sobre coiro tratado a xeito de pergameo e os seus descubridores sosteñen que tivo que ser obra dun escribano pola coidada caligrafía que presenta.

Os donos non puideron lelo porque se encontra moi deteriorado, o texto está difuso e non conseguen entender a lingua na que está redactado. "Pode ser galego ou castelán medieval, pero iso está por determinar", apuntan.

Nos últimos días buscaron o apoio de expertos para que analicen o documento e lles axuden a descifrar o seu contido. Foron moitas as persoas que se interesaron xa por colaborar nesta tarefa, conscientes de que o manuscrito ten un gran valor histórico e documental para os estudosos dos textos medievais.

O pergameo foi localizado nunha vivenda da Fonsagrada, "nun paquete que había encima dun armario, envolto con papel de periódico xunto a outros 14 ou 15 documentos e amarrado cunha corda".

Os propietarios non saben o tempo que os manuscritos levaban alí nin a súa procedencia exacta. Supoñen que foron pasando de xeración en xeración entre os membros da súa familia e que nalgún momento alguén os gardou sobre o armario e alí os esqueceu.

O resto dos textos xa foron descifrados. Son documentos familiares escritos a partir do ano 1620, aínda que "hai tres ou catro máis antigos". Entre eles atoparon escrituras de terras, documentos sobre herdanzas e incluso encargos de misas.

Todos están en papel, a excepción do pergamino que agora se investiga, polo que os donos supoñen que debe ser máis antigo que os demais escritos.

Á espera de que se desvele o seu contido, os propietarios coidan deste e dos outros documentos con esmero. Saben que teñen entre as mans pezas de gran valor documental, que para eles tamén teñen valía sentimental. Forman parte da historia da súa familia, gardada por escrito e conservada ao longo dos séculos. Agora son os encargados de velar pola súa transmisión.

Comentarios