"Ao pasar dos 30 anos custa máis que te chamen para facer cine"

'Mataharis' e 'Silencio roto' son filmes especiais para María Vázquez, un por estar baixo a dirección dunha muller, Icíar Bollaín, e o outro por ser a primeira película que fixo. A actriz con raíces en Carballedo é a madriña do Cume Tapas, que se celebra en Monforte ata o día 31

«Belesar é o lugar da Ribeira Sacra que máis me gusta e tamén A Barrela, porque alí están as miñas raíces e é o meu refuxio», di María Vázquez (Vigo, 1979) cando fala das súas orixes e faino con paixón, coa mesma coa que explica a súa traxectoria no eido da interpretación. Esta viguesa con raíces na Ribeira Sacra é a madriña do Cume Tapas.

¿Que significa para vostede amadriñar este evento?
Para min é un orgullo. Son unha namorada da Ribeira Sacra. Lembro que antes en Madrid pedía un mencía e non sabían o que era, agora xa sí se coñece o viño.

¿Cando quixo ser actriz?
Sempre me gustou. Empecei a bailar con catro anos. Cando me poñían as notas sempre tiña sobresaínte en interpretación e suficiente en técnica, así que aos 18 anos comecei a estudar teatro. Aos 19 participei na serie ‘Al salir de clase’ e en ‘Raquel busca su sitio’.

¿Ten familia que se adique ao sector da cultura?
Somos tres irmás que nos adicamos ao sector cultural, unha e guionista e a outra pintora. Ter estras profesións fai que nos apoiemos unhas nas outras.

"De non ser actriz, creo que non podería ser outra cousa. Non existe un plan B. Sei que isto é o que me gusta, é o meu"

¿Coma agora, en tempos de crise?
A crise non é algo novo para nós, as que nos adicamos á cultura sempre estivemos en crise. Ben é certo que ten moitos aspectos positivos porque é un traballo dinámico e creativo, pero tamén ten un punto negativo, que é que nunca sabes se vas volver a traballar nisto.

¿Que formato prefire?
Gústame todo, pero sobre todo gozo no teatro, porque é máis libre. Tes un personaxe dende o principio ata o final e a resposta do público é inmediata. Son bastante perfeccionista por iso o teatro me é ideal, porque podes ir mellorando a representación a diario.

¿Que xénero prefire?
A comedia, aínda que normalmente fago drama. A comedia paréceme máis creativa, tamén máis complexa porque facer rir non é tan sinxelo. De feito, agora mesmo tamén me atopo traballando na rodaxe dunha película, que é unha comedia da directora e guionista Nely Reguera, unha galega afincada en Barcelona, que se chama ‘María (y los demás)’.

Encontrámola cada domingo na Televisión de Galicia.
Estase emitindo a serie ‘Hospital Real’ e tamén seguimos gravando a primeira tempada. Estou moi contenta porque traballo con moitos compañeiros galegos e tamén co papel. Fago dunha feminista de época, unha adiantada aos seus tempos, un pouco revolucionaria. Unha muller que queda viúva nunha sociedade moi machista.

¿Foi complexo introducirse neste papel?
Custou un chisco porque é unha serie de época entón son outros xeitos de andar, de falar e outra vestimenta á que non estamos acostumados. En canto á personalidade do personaxe non foi moi complexo, porque eu son tamén un pouco revolucionaria.

¿Como de revolucionaria é María Vázquez?
Son inconformista e loitadora. Dende pequena no colexio xa me cuestionaba o feito de por que razón as nenas non xogabamos ao fútbol. Se non me gusta algo non calo, non soporto as inxustizas.

¿Hai inxustizas entre bastidores?
Nunca me sentín discriminada por ser muller nesta profesión, pero si que hai unha realidade cando pasas dos trinta anos. Ao pasar das tres décadas custa máis que te chamen para facer cine porque se busca un tipo de muller, ao igual que pasa co resto da sociedade. Unha muller nova cun corpo determinado. Creo que isto tamén acontece porque a meirande parte dos directores son homes. Cómpre poñerse mans á obra, fan falla máis mulleres directoras.

¿Animaríase xunto coa súa irmá?
Si que o pensei algunha vez, pero é bastante complicado e dame un pouco de medo. Aínda que tampouco o descarto, mais nun futuro aínda lonxano.

De non ser actriz, ¿a que lle gustaría adicarse?
Creo que non podería ser outra cousa. Non existe un plan B, sei que isto é o que me gusta e que isto é o meu.

Comentarios